As fimbrias P (tamén chamadas pili asociados á pielonefrite), pili P ou Pap, son un tipo de fimbrias de tipo chaperona-acomodadora (especificamente da familia π) que se encontran na superficie de moitas bacterias da especie Escherichia coli. As fimbrias P considérase que son un dos máis importantes factores de virulencia na E. coli uropatoxénica e exercen un importante papel nas infeccións do tracto urinario superior. As fimbrias P funcionan como mediadoras da adherencia a células hóspede, un paso clave na patoxénese de infeccións do tracto urinario.

Estrutura e expresión As fimbrias P son grandes estruturas lineais que se proxectan desde a superficie das células bacterianas. Con lonxitudes de 1-2um, os pili poden ser maiores que o diámetro da propia bacteria. O corpo principal da fimbria está composto por aproximadamente 1000 copias da proteína principal das subunidades da fimbria PapA, formando un bastón helicoidal. O curto extremo da fimbria está formado polas subunidades PapK, PapE, PapF e a adhesina do extremo PapG, que é mediadora na adhesión.

As fimbrias ensámblanse por medio dun sistema de chaperona-acomodadora (chaperone-usher), e as proteínas necesarias para a ensamblaxe exprésanse polo operón Pap, que está localizado en illas de patoxenicidade. Os xenes do operón Pap codifican cinco proteínas estruturais (PapA, PapK, PapE, PapF e PapG), catro proteínas implicadas no transporte e ensamblaxe (PapD, PapH, PapC, PapJ) e dúas proteínas (PapB, PapI) que regulan a expresión do operón.

Papel durante a infección A adherencia ás células uroepiteliais do hóspede é un paso fundamental durante unha infección que permite que as E. coli uropatoxénicas colonicen o tracto urinario e impide a eliminación das bacterias durante a micción. A unión das fimbrias P ás células epiteliais depende da adhesina do extremo PapG. Describíronse catro alelos de PapG, que se unen a diferentes estruturas glicolipídicas das células hóspede. Nos humanos, as variantes relevantes clinicamente son a papGII e a papGIII.

A variante PapGII únese preferentemente ao globósido (GbO4), que é abondoso nas células epiteliais renais humanas. A PapGII desencadea unha forte resposta inflamatoria que orixina danos no tecido. A maioría das cepas de E. coli que causan pielonefrite, bacteremia de orixe urinaria e urosepse producen pili P con PapGII. O PapGIII únese ao antíxeno Forssman (GbO5) así como isorreceptores presentes no tracto urinario humano. As cepas de E. coli que portan o xene papGIII están asociadas con infeccións do tracto urinario inferior (cistite) e bacteriúria asintomática. As adhesinas PapGI únense preferentemente á globotriaosilceramida (GbO3), mentres que os isorreceptores de PapGIV son descoñecidos. As E. coli que levan xenes para PapGI e PapGIV raramente se encontran entre as E. coli que causan infeccións en humanos.

+Frequencia (en %) das variantes papGII e papGIII en relación coa orixe clínica de illamentos de E. colifecalbacteriúriaasintomáticacistitepielonefriteurosepsepapGII1520206070papGIII1015202010

Notas

Categoría:Bacterioloxía