Galimzian Salikhovich Khusainov (en ), nado en Noboe Iglaikino o 27 de xuño de 1937, e finado en Moscova o 5 de febreiro de 2010, foi un futbolista e xogador de bandy soviético, de orixe tártara. Xogaba como dianteiro e foi capitán do Dinamo Kuibyshev e tamén do Spartak de Moscova, club no que militou durante máis dunha década e do que é o terceiro máximo goleador histórico.
Internacional en 33 ocasións coa selección de fútbol da Unión Soviética, foi subcampión da Eurocopa de 1964, na que marcou un gol na final ante España.
Traxectoria
Como futbolista Naceu en 1937 en Noboe Iglaikino, no distrito de Nurlatskii, por aquel entón parte da República Autónoma Socialista Soviética Tártara e hoxe dentro da República de Tatarstán. Comezou a súa carreira como futbolista en 1953 en Kuibyshev, no equipo xuvenil do Dinamo, pasando tres anos despois ao Krylya Sovetov da mesma cidade. Alí xogou durante 4 anos, sendo o líder e capitán do equipo.
En 1960 recibiu ofertas de varios clubs, fichando finalmente polo Spartak de Moscova. Capitán dende 1967, gañou co club dúas ligas soviéticas e tres Copas da URSS. Na final da Copa de 1963 marcou un gol olímpico ante o Shakhtar Donetsk.
Selección soviética Debutou coa selección soviética o 17 de agosto de 1960 nun partido ante a selección da RDA, no que os soviéticos gañaron 1-0. Disputou coa selección os Mundiais de 1962 e 1966, acadando no segundo deles as semifinais.
Marcou o seu primeiro gol internacional na final da Eurocopa de 1964, batendo a Iríbar e igualando o gol inicial de Chus Pereda, aínda que os soviéticos acabaron perdendo o partido tralo gol definitivo do galego Marcelino. Disputou un total de 33 partidos coa URSS e marcou 4 goles.
Trala retirada Despois de colgar as botas traballou como adestrador asistente en varios equipos, como o propio Spartak Moscova e a selección soviética. Ademais foi membro do Partido Comunista da Unión Soviética.
Morreu a noite do 5 de febreiro de 2010, aos aos 73 anos de idade, despois de padecer unha atrofia cerebral durante máis de 15 anos. Foi soterrado o 9 de febreiro no cemiterio de Danilovskii.
Recoñecementos Foi elixido Futbolista Soviético do Ano en 1963, mentres que quedou tres veces segundo (1961, 1964, 1965) e catro veces terceiro (1960, 1962, 1968, 1969). Ademais, os seus 142 goles como profesional fixérono entrar no Club Grigorii Fedotov, a lista de xogadores soviéticos/rusos con máis de 100 goles como profesionais.
En 1967 foi condecorado como Mestre de Honra do Deporte da URSS.
Palmarés Spartak Moscova Primeira División da Unión Soviética (2): 1962, 1969. Copas da URSS (3): 1963, 1965, 1971.
dereita|miniatura|300x300px| Panteón de Khusainov no cemiterio de Danilovskii
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador no sitio web do Spartak Moscova . Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2010. Biografía do xogador en utvb.ru . Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2010.
Categoría:Nados en Tatarstán Categoría:Nados en 1937 Categoría:Finados en 2010 Categoría:Futbolistas da Unión Soviética Categoría:Futbolistas de Rusia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do PFC Krylia Sovetov Samara Categoría:Xogadores do FC Spartak de Moscova Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Unión Soviética Categoría:Membros do Club Grigorii Fedotov Categoría:Adestradores de fútbol da Unión Soviética