Luis del Sol Cascajares, nado en Arcos de Jalón o 6 de abril de 1935 e finado en Sevilla o 20 de xuño de 2021, foi un futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba como centrocampista e comezou a súa carreira no Betis, no que militou durante sete tempadas. Xogou dous anos no Real Madrid, co que gañou dúas ligas, unha Copa do Xeneralísimo, unha Copa de Europa e unha Copa Intercontinental, e a continuación pasou unha década no fútbol italiano. Foi o primeiro español en xogar na Juventus, na que militou oito anos, e posteriormente xogou dous anos na Roma, club do que foi capitán.

Foi internacional coa selección española, coa que disputou dúas Copas do Mundo (1962 e 1966) e coa que se proclamou campión da Eurocopa de 1964.

Traxectoria

Betis e Real Madrid Naceu en Arcos de Jalón, na provincia de Soria, trasladándose coa súa familia a Andalucía aos dous meses de idade. Tras xogar en varios equipos infantís, aos 16 anos ingresou no equipo xuvenil no Real Betis. Xogou unha tempada cedido no Utrera, e na tempada 1954/55 debutou co primeiro equipo na Segunda División. Titular indiscutible no club branco e verde durante as seguintes seis tempadas, logrou o ascenso á Primeira División na 1957/58. Debutou na máxima categoría nun partido ante o Granada, e completou o seu paso polo Betis con 190 partidos oficiais e 45 goles.

En abril de 1960 foi traspasado ao Real Madrid por 6 millóns de pesetas. Estreouse co equipo branco nas semifinais da Copa de Europa ante o FC Barcelona, e foi titular tamén na final de Hampden Park, onde o seu equipo se proclamou campión goleando ao Eintracht Frankfurt por 7-3. Ademais marcou catro goles na Copa do Xeneralísimo, alcanzando a final, onde o Real Madrid perdeu ante o Atlético de Madrid.

Na seguinte campaña conquistou a primeira edición da Copa Intercontinental, sendo titular nos dous partidos ante Peñarol. A continuación debutou co club branco na liga, marcando 17 goles que contribuíron a que o equipo de Miguel Muñoz lograse o título por diante do Atlético.

Italia No verán de 1962, con 27 anos, trasladouse a Italia para fichar pola Juventus FC, converténdose no primeiro futbolista español na historia do club e no terceiro español na Serie A, despois de Luis Suárez e Santisteban. Militou no club piemontés durante oito tempadas e vestiu o número 10 dende a marcha de Omar Sívori ao Napoli en 1965. Disputou un total de 292 partidos oficiais durante a súa etapa en Turín, marcando 29 goles e gañando unha liga e unha Copa de Italia.

En 1970 fichou pola Roma, onde sucedeu ao seu paisano Joaquín Peiró como capitán do equipo. Militou alí durante dous anos, disputando 57 partidos e marcando catro goles.

Últimos anos Despois dunha década en Italia, regresou ao Betis para a campaña 1972–73. Xogou 17 partidos no equipo adestrado polo húngaro Ferenc Szusza, que acabou descendendo á Segunda División, momento no que Del Sol decidiu colgar as botas aos 38 anos de idade.

Selección española miniatura| Del Sol e Luis Suárez coa selección española en 1962 Foi 16 veces internacional coa selección española, coa que marcou tres goles. Debutou o 15 de maio de 1960 no estadio Santiago Bernabéu, xogando a segunda metade nun amigable contra Inglaterra que rematou con vitoria por 3-0.

Participou en dúas Copas do Mundo, en 1962 e 1966 (xogando catro partidos en total), e formou parte do equipo gañador da Eurocopa de 1964, aínda que non chegou a xogar ningún minuto na fase final.

Trala retirada Despois da súa retirada dos terreos de xogo fíxose adestrador e traballou durante anos na canteira do Betis. Dirixiu tamén o filial, o Betis Deportivo, e en 1986 colleu as rendas do primeiro equipo na Primeira División, experiencia que repetiu no 2001. Dirixiu un total de 77 partidos oficiais do primeiro equipo do Betis e pasou brevemente por outros conxuntos como o Jerez Industrial ou o Recreativo de Huelva.

Morreu o 20 de xuño de 2021 en Sevilla, aos 86 anos.

Estilo de xogo Centrocampista completo, Del Sol foi considerado un dos mellores xogadores do mundo na súa posición durante a década de 1960. Fisicamente forte, dinámico, intelixente e tecnicamente hábil, era coñecido principalmente polo seu ritmo e a súa tenacidade e resistencia, e destacou tamén pola súa habilidade para perseguir os rivais, romper os movementos dos contrarios e seguidamente comezar xogadas de ataque, grazas ao seu movemento e distribución do balón. Ademais das súas habilidades técnicas, tamén era coñecido polo seu forte carácter, liderado, temperamento e dedicación no campo.

Pola súa habilidade para repartir balóns, o seu compañeiro Alfredo Di Stéfano púxolle o alcume de "carteiro".

Palmarés Betis Segunda División (1): 1957/58.

Real Madrid Primeira División (2): 1960/61, 1961/62. Copa do Xeneralísimo (1): 1961/62. Copa de Europa (1): 1959/60. Copa Intercontinental (1): 1960.

Juventus Serie A (1): 1966/67. Copa de Italia (1): 1964/65.

Roma Copa Anglo-Italiana (1): 1972.

Selección española Eurocopa (1): 1964.

Notas

Categoría:Nados na provincia de Soria Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Juventus FC Categoría:Xogadores do AS Roma Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Futbolistas gañadores da Eurocopa Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966 Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Real Betis Balompié Categoría:Adestradores do Recreativo de Huelva