Manuel Pessanha, máis coñecido como Lelé, nado en Campos dos Goytacazes o 23 de febreiro de 1918 e finado en Campinas o 16 de agosto de 2003, foi un futbolista brasileiro. Xogaba de dianteiro e é un dos máximos goleadores da historia do Vasco da Gama, club no que militou na década de 1940.
Traxectoria Nacido en Campos dos Goytacazes, comezou a súa carreira no Americano da súa cidade natal, pasando logo ao Madureira. No equipo carioca, formou xunto con Isaías e Jair Rosa Pinto un trío atacante que foi alcumado Os Tres Patetas, en referencia a un trío cómico famoso nos cines brasileiros. Durante esta época, participou no partido de inauguración do estadio Aniceto Moscoso, onde o Madureira derrotou por 4-2 ao Fluminense, e tamén nunha goleada por 5-1 sobre o Vasco da Gama.
En 1943 os tres foron contratados polo Vasco da Gama, a petición do adestrador Ondino Viera, que comezaba a reformar o cadro de xogadores do club. O equipo daquela época, liderado no ataque por Ademir de Menezes, pasou a ser coñecido co alcume de Expresso da Vitória, e en 1945 gañou o Campionato Carioca, con Lelé como máximo goleador do torneo, con 15 goles. Proclamouse campión tamén en 1947, e sumou varios títulos máis en diferentes competicións, como o Campionato Suramericano de Campións de 1948, considerado o precursor da Copa Libertadores. Ese mesmo ano deixou o club do Río de Xaneiro, sendo naquel momento o segundo máximo goleador da súa historia, con 147 tantos, e ocupando na actualidade o noveno posto.
Fichou entón polo São Paulo, co que gañou o Campionato Paulista de 1949, e posteriormente xogou no Ponte Preta, ata 1952. Trala súa retirada traballou nas aduanas do Aeroporto de Viracopos. Faleceu en Campinas o 16 de agosto de 2003, aos 85 anos de idade.
Selección brasileira Foi catro veces internacional coa selección brasileira, a primeira delas nun partido da Copa Roca contra a Arxentina en 1940. En 1944 xogou dous amigables contra o Uruguai, para finalmente disputar o seu último encontro internacional en 1945, ante a Arxentina na Copa Roca.
Palmarés Vasco da Gama
Campionato Carioca (2): 1945, 1947. Campionato Suramericano de Campións (1): 1948.
São Paulo Campionato Paulista (1): 1949.
Individual Máximo goleador do Campionato Carioca (1): 1945 (13 goles).
Notas
Categoría:Nados no estado do Río de Xaneiro Categoría:Nados en 1918 Categoría:Finados en 2003 Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Madureira Esporte Clube Categoría:Xogadores do Vasco da Gama Categoría:Xogadores do São Paulo FC Categoría:Xogadores do AA Ponte Preta Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil