Giovanni Trapattoni, nado en Cusano Milanino, Milán, o 17 de marzo de 1939, é un exfutbolista e exadestrador italiano.

Coñecido tamén polo diminutivo de Trap, está amplamente considerado como un dos mellores adestradores italianos de tódolos tempos. É o técnico italiano con máis títulos a nivel de clubs e un dos adestradores con máis títulos en todo o mundo. Gañou sete veces a Serie A italiana (máis que ningún outro adestrador), e conquistou ademais as primeiras divisións de Alemaña, Portugal e Austria, sumando un total de dez ligas nacionais. É un dos únicos seis adestradores que conseguiron gañar polo menos unha liga de primeira división en catro países diferentes, xunto co iugoslavo Tomislav Ivić, o austríaco Ernst Happel, o portugués José Mourinho, o belga Eric Gerets e o seu compatriota Carlo Ancelotti. A estes súmanse sete títulos oficiais a nivel internacional, o que o converte no sexto técnico mundial e cuarto en Europa por número de trofeos conseguidos nesta categoría.

Os seus anos como futbolista transcorreron principalmente no Milan, onde integrou o eixo do equipo durante case quince anos e, baixo as ordes de Nereo Rocco, gañou dous títulos de liga, unha Copa Italia, dúas Copas de Europa, unha Recopa de Europa e unha Copa Intercontinental. Pechou a súa carreira como futbolista no Varese. Vestiu ademais en 17 ocasións a camiseta da selección italiana, coa que participou nos Xogos Olímpicos de 1960 e no Mundial de 1962.

Trala súa retirada fíxose inmediatamente adestrador, triunfando de xeito precoz. Conseguiu a maioría dos seus éxitos no banco da Juventus, equipo que dirixiu de xeito ininterrompido desde 1976 ata 1986 -o ciclo máis longo da historia do fútbol profesional italiano- e de novo dende 1991 ata 1994. Co club do Piemonte logrou seis títulos da Serie A e dúas Copas de Italia, ao tempo que se converteu no único adestrador da historia en gañar todas as competicións de clubs organizadas pola UEFA. Xunto co seu coetáneo Luigi Radice, foi introdutor do innovador sistema de xogo chamado zona mista. É un dos poucos homes que gañou a Copa de Europa, a Recopa de Europa e a Copa Intercontinental tanto de xogador como de adestrador. É o segundo adestrador con máis títulos da Copa da UEFA, con 3, só superado polos 4 do vasco Unai Emery.

Dirixiu tamén a selección italiana de 2000 a 2004, e ocupou o mesmo posto na selección irlandesa de 2008 a 2013. Cos italianos participou no Mundial de 2002 e na Eurocopa de 2004 e cos irlandeses estivo a piques de lograr a clasificación para o Mundial de 2010, despois de perder un polémico partido contra Francia. Si conseguiu a clasificación de Irlanda para a Eurocopa de 2012, 24 anos despois da súa anterior participación.

Traxectoria

Orixes miniatura| A cascina Guarnazzola ("La Bernasciola" en lombardo occidental) en Cusano Milanino, onde naceu e viviu Trapattoni. Foi o quinto fillo de Francesco, un obreiro que inmigrara desde Barbata, na Bassa Bergamasca, e de Romilde Bassani, unha labrega. Criouse durante a segunda guerra mundial e nas dificultades da sucesiva posguerra en Cusano Milanino, onde a súa familia vivía xunto con outras 11 familias nunha cascina, típica construción agrícola do norte de Italia. En 1945 comezou a escola primaria en Milanino, traballando como mozo dos recados nas vacacións de verán e, mentres tanto, comezou a xogar ao fútbol no oratorio San Martino di Cusano.

Nos seguintes anos alternou a súa formación como futbolista co traballo de aprendiz de tipógrafo.

Como futbolista

Comezos no Milan Deu os seus primeiros pasos como futbolista no Frassati de Niguarda e despois entrou na canteira do US Cusano Milanino, equipo da súa vila natal. En 1956, durante un encontro fronte aos xuvenís do Milan, chamou a atención do adestrador e exfutbolista rossonero Mario Malatesta, que inmediatamente lle deu a oportunidade de realizar unha proba co equipo. Superada esta, foi traspasado xunto a Gilberto Noletti, a cambio de 600.000 liras. Deste xeito, Giuanìn emprendeu a súa primeira viaxe ao estranxeiro para disputar un torneo en Estrasburgo coa camisola do Milan. O equipo de Malatesta, que contaba con outros futuros campións como Trebbi, o propio Noletti e Salvadore, gañou o Torneo de Viareggio en 1959, repetindo título en 1960.

Coa súa actividade competitiva cada vez máis intensa, cedeulle o seu posto como tipógrafo ao seu irmán Antonio. O 29 de xuño de 1958 debutou co primeiro equipo na Copa de Italia, da man do adestrador Luigi Bonizzoni, nunha vitoria por 4-1 contra o Como. Poucos días despois o seu pai morreu dun infarto, polo que pensou en deixar o fútbol para coidar da súa nai, pero Malatesta aseguroulle un soldo suficiente para manter a familia. Para o seu debut na Serie A tivo que esperar ata o 24 de xaneiro de 1960, na vitoria por 3-0 sobre o SPAL, na que foi despregado como lateral dereito. O seu primeiro gol coa camiseta negra e vermella chegou o 16 de abril de 1961, durante o partido que gañaron en San Siro por 2-1 ante a Roma.

Ese mesmo ano volveu ter como adestrador a Nereo Rocco, co que xa estivera durante os Xogos Olímpicos de 1960 en Roma. O adestrador triestino converteuno nun piar do seu Milan, co que conseguiu dous scudettos en dous períodos distintos (1961/62 e 1967/68), outras tantas Copas de Europa (1962/63, 1968/69), unha Recopa de Europa (1967/68) e unha Copa Intercontinental (1969). Foi titular nas dúas finais da Copa de Europa, derrotando na primeira delas o Benfica de Mário Coluna e Eusébio e na segunda o Ajax de Cruyff. Sen Rocco no banco, Trap tivo menos protagonismo no equipo; porén, gañou a Copa de Italia 1966/67, sumando ao seu palmarés o único título que lle faltaba.

A súa aventura como xogador do Milan rematou en 1971, despois de 14 tempadas e 351 partidos, cifras que o sitúan no 17º lugar da clasificación histórica do club en número de encontros. Marcou un total de 6 goles, un deles na ida da Copa Intercontinental de 1963 ante o Santos de Pelé, que finalmente gañou o trofeo.esquerda|miniatura| Trapattoni (agachado, segundo dende a esquerda) no Milan campión de Italia na tempada 1961/62. Varese Tras deixar o equipo rossonero, no verán de 1971 fichou polo Varese, co que xogou unha única tempada, disputando 13 encontros e colgando a continuación as botas, aos 33 anos.

Selección italiana Foi convocado por Nereo Rocco para representar a Italia nos Xogos Olímpicos de 1960 en Roma. O equipo chegou a semifinais, onde foron eliminados por Iugoslavia.

Ese mesmo ano debutou coa selección absoluta nun partido amigable contra Austria no estadio San Paolo de Nápoles. Tamén contra Austria marcou o seu único gol coa nazionale, en 1963. Un ano antes, viaxou coa selección a Chile para disputar o Mundial de 1962. Con todo, non puido debutar no Mundial debido a unha grave lesión no ligamento tibial. O seu partido máis lembrado coa camiseta azul foi o amigable que disputaron Italia e o Brasil no estadio de San Siro de Milán o 12 de maio de 1963. Trapattoni gañou fama nese encontro por ter anulado a Pelé, que acabou pedindo o cambio no minuto 26, entrando no seu lugar Quarentinha, ao que o defensa italiano conseguiu marcar tamén con éxito. Con todo, anos despois tanto Pelé como Trapattoni recoñeceron que o brasileiro xogara con problemas físicos e que só saltara ao campo uns minutos para cumprir co seu contrato.miniatura|Trapattoni (de branco), xunto ao dianteiro do Bologna, Luís Vinício, e o gardameta do Milan, Giorgio Ghezzi, en 1961. Como adestrador

Milán A súa carreira de adestrador comezou inmediatamente cando rematou a de futbolista. No verán de 1972 volveu ao club do que fora bandeira como futbolista, o Milan, facéndose cargo dos xuvenís, ao mesmo tempo que formaba parte do persoal do primeiro equipo, ás ordes do tándem formado por Nereo Rocco e Cesare Maldini. Debido a unha indisposición de Maldini, nas últimas catro xornadas exerceu como segundo adestrador de Rocco, e despois de que este sufrise unha sanción, Trapattoni dirixiu por primeira vez o equipo o 20 de maio de 1973. Foi o domingo do chamado "fatal Verona", no que o Hellas derrotou sorprendentemente ao Milan por 5-3, impedíndolle gañar un scudetto que parecía feito.esquerda|miniatura|Trapattoni (de pé, primeiro pola dereita) coa selección italiana momentos antes dun partido contra Israel en 1961.Na tempada seguinte foi enviado inicialmente ao estranxeiro para estudar aos opoñentes do Milan na Copa da UEFA. Coa dimisión primeiro de Rocco e despois de Maldini, o 8 de abril de 1974, con apenas trinta e cinco anos e regresando de Mönchengladbach de observar o Borussia Mönchengladbach, Trapattoni fíxose cargo do Milan como interino, debutando dous días despois nas semifinais da Copa da UEFA ante o propio Borussia. Conseguiu a vitoria e guiou o equipo ata a final, onde perdeu fronte o Magdeburgo. Malia a esperanza de ser confirmado con carácter definitivo para a seguinte campaña, o club acabou por contratar a Gustavo Giagnoni, polo que Trapattoni quedou como segundo adestrador.

O 2 de outubro de 1975 foi chamado de novo para dirixir o Milán, no medio dunha reorganización corporativa que supuxo a saída de Giagnoni e o regreso de Rocco como director técnico. Rocco quería a Trapattoni ao seu carón para o resto da tempada 1975/76, na que Trapattoni considerou a súa primeira experiencia real como adestrador. Rematou o campionato na terceira posición e tampouco desta volta foi renovado para a seguinte tempada pola directiva rossonera, que preferiu asinar a Giuseppe Marchioro. O capitán Gianni Rivera pediulle que permanecese no persoal do club, pero Trapattoni negouse xa que pretendía traballar como primeiro adestrador dun equipo.

Juventus As vitorias autárquicas (1976-1980) En maio de 1976, cando estaba a un paso de fichar pola , foi inesperadamente contratado pola Juventus. Giampiero Boniperti, presidente do club, afirmou que fora "conquistado polas ideas claras e a concreción" de Trapattoni. O técnico permaneceu no club do Piemonte durante as seguintes dez tempadas, no que foi chamado a Década de Ouro, dada a cantidade de títulos que chegaron a Turín neste período. Este ciclo converteuse no máis lonxevo da historia do fútbol profesional italiano e colocou á aquela Juventus entre os mellores equipos da historia do fútbol. O seu éxito debeuse en boa parte a un esquema táctico innovador que tiña en Trapattoni a un dos máximos impulsores, a chamada zona mixta, que tamén influíu nos éxitos da selección italiana dirixida por Enzo Bearzot.miniatura|Trapattoni e Pelé, nun partido amigable entre Italia e o Brasil en 1963.Trap levou consigo dende o Milan ao seu pupilo Benetti, co obxectivo de ter un home forte no medio campo, mentres que para elevar a calidade do ataque fichou a Boninsegna do Inter de Milán. Con todo, a revelación do equipo foi o lateral Cabrini, que comezou a destacar durante a tempada 1976/77. Baixo a batuta de Trapattoni, a Juventus gañou esa tempada a liga, despois dunha dura loita co Torino, vingando a derrota sufrida a tempada anterior, e conseguindo así o 17º scudetto do club, despois de rematar con 51 puntos dos 60 posibles, un máis que o Torino. Tamén triunfou en Europa, gañando a Copa da UEFA ante o Athletic de Bilbao, o que supuxo o primeiro título continental para as vitrinas do club.

Un ano despois a Juventus de Trapattoni repetiu o título de campioa de Italia, superando por cinco puntos ao equipo revelación, o Vicenza de Paolo Rossi, mentres que no contexto europeo quedou ás portas da final da Copa de Europa, tras caer na semifinais ante o Club Brugge de Ernst Happel. O conxunto de Trapattoni comezaba a adoptar o seu estilo característico cun equipo equilibrado no que destacaban xogadores experimentados como Zoff, Cuccureddu, Furino, Benetti, Boninsegna ou Bettega, e no que medraban tamén elementos prometedores como Scirea, Tardelli, Gentile ou Cabrini.