Ramón Ángel Díaz, coñecido como Ramón Díaz, nado na Rioxa, Arxentina, 29 de agosto de 1959, é un exfutbolista e adestrador arxentino que xogaba como dianteiro. Dende xullo de 2024 destra o Corinthians brasileiro.
É un dos homes máis laureados da historia do fútbol arxentino e o adestrador arxentino con máis títulos da historia (17). Foi doce veces campión do campionato arxentino de Primeira División, cinco delas como xogador e sete como adestrador. Once dos seus doce títulos logrounos con River Plate, club no que se formou como futbolista e co que debutou en 1978. Militou nel durante dúas etapas e foi o máximo goleador do campionato arxentino en 1991. Xogou tamén en varios equipos italianos, gañando a Serie A co Inter de Milán, e no Monaco de Arsène Wenger, co que gañou unha Copa de Francia. Pechou a súa carreira como futbolista no Xapón, despois de ser o máximo goleador da edición inaugural da J.League.
Foi internacional coa selección arxentina, coa que debutou en 1979, despois de se proclamar campión do mundo coa selección sub-20, liderando o ataque albiceleste xunto a Maradona. Coa absoluta participou no Mundial de 1982 en España, anotando un gol ante o Brasil.
Comezou a súa carreira como adestrador tamén no River Plate, ao que dirixiu durante nove anos en dúas etapas. Conquistou con el numerosos títulos, entre eles seis campionatos de liga e a Copa Libertadores de 1996. Gañou ademais outro campionato arxentino adestrando o San Lorenzo en 2007. Fóra da Arxentina adestrou clubs doutros sete países en catro continentes, destacando especialmente no fútbol saudita, ao gañar dúas ligas e dúas Copas do Rei co Al Hilal, co que disputou ademais dúas finais da Liga de Campións da AFC. Dirixiu tamén a selección paraguaia, coa que participou en dúas edicións da Copa América e gañou un Campionato Paulista co Corinthians.
Traxectoria
Como futbolista Naceu na cidade arxentina da Rioxa o 29 de agosto de 1959, sendo descendente de emigrantes galegos de Vilalba. Seus pais foron Ramón Bartolo Díaz e Nélida Molina. Formouse como futbolista na canteira do River Plate e debutou co primeiro equipo na Primeira División o 13 de agosto de 1978, nun partido ante o Colón de Santa Fe, aproveitando que os futbolistas titulares estaban de xira por Europa. Militou no club bonaerense durante toda a súa carreira na Arxentina. Durante a súa primeira etapa coincidiu con futbolistas como Ubaldo Fillol, Daniel Passarella, Norberto Alonso ou Mario Kempes, e tivo como adestradores a Ángel Labruna e Alfredo Di Stéfano entre outros. Proclamouse campión da liga arxentina en catro ocasións.
En 1982 chegou ao fútbol italiano e pasou sucesivamente por Napoli (1982-1983), Avellino (1983-1986), Fiorentina (1986-1988) e Inter de Milán (1988-1989). Neste último compartiu equipo con Lothar Matthäus e conquistou a Serie A, contribuíndo con 12 goles en 33 partidos no chamado "scudetto dos récords", con Trapattoni no banco. Do Inter pasou ao Monaco, co que xogou dúas tempadas (1989-1991) e gañou unha Copa de Francia (1991). En 1991 volveu ao club dos seus amores, River, para proclamarse campión do Torneo Apertura dese ano e ser o máximo goleador da competición. Permaneceu no club ata 1993. En 1993 emigrou de novo para xogar a súa última tempada no Yokohama Marinos, equipo xaponés no que puxo fin á súa carreira como futbolista en 1995.
Selección arxentina miniatura|Ramón Díaz na final da Copa do Mundo sub-20 de 1979, ante a Unión Soviética.|esquerda Foi internacional coa selección arxentina sub-20, coa que disputou a Copa do Mundo sub-20 de 1979 no Xapón, liderando o ataque albiceleste xunto a Diego Armando Maradona. Marcou un triplete no partido inaugural ante Indonesia, outros tres goles nos cuartos de final contra Alxeria e un gol máis nas semifinais contra o Uruguai. Xa na final, disputada ante a Unión Soviética no Estadio Nacional de Tokyo, superou a Viktor Chanov para facer o segundo dos tres goles arxentinos (3-1), proclamándose así campión. Foi o máximo goleador do torneo con oito tantos, dous máis que o segundo clasificado, Maradona.
Ese mesmo ano debutou coa selección absoluta, coa que disputou 22 encontros ata 1982, anotando 10 goles. Participou con esta no Mundial de 1982 en España e marcou o único tanto arxentino na derrota por 1-3 ante o Brasil no estadio de Sarrià.
Como adestrador Despois da súa retirada como futbolista obtivo o título de adestrador nacional na Escola Técnica Vicente López e comezou unha carreira de éxito nos bancos.
River Plate (1ª etapa) miniatura|Ramón Díaz coa selección arxentina sub-20. En 1995, o mesmo ano da súa retirada como futbolista, volveu a River Plate como adestrador. En 1996 conseguiu o seu primeiro título da Primeira División da Arxentina, no Torneo Apertura. Uns meses despois levou o equipo arxentino a se proclamar campión da Copa Libertadores, despois de derrotar na final ao América de Cali de Diego Edison Umaña. A continuación gañou a Supercopa Suramericana e durante os seguintes anos sumou catro campionatos arxentinos máis. Estes logros convertérono, no seu momento, no adestrador máis laureado da historia do club, superando a Ángel Labruna. O seu primeiro ciclo en River rematou en febreiro de 2000.
Oxford United Entre 2004 e 2005 traballou no fútbol inglés, adestrando o Oxford United, da Terceira División.
San Lorenzo En decembro de 2006 chegou a un acordo co San Lorenzo de Almagro para adestralo durante unha tempada. No seu primeiro campionato, o Clausura 2007, proclamouse campión a falta dunha xornada, cun equipo que mostrou unha notable superioridade sobre os demais. Ao ano seguinte levou ao club bonaerense ata os cuartos de final da Copa Libertadores 12 anos despois, tras eliminar en oitavos ao River Plate. Caeu finalmente ante o Liga de Quito, que acabou por gañar a competición. América de México Dende xullo de 2008 adestrou o Club América de México, obtendo resultados por debaixo do esperado, e foi despedido en febreiro de 2009.
San Lorenzo En maio de 2010 regresou ao San Lorenzo de Almagro. Tras realizar unha campaña discreta (41 puntos en 30 partidos de Liga), o 24 de abril de 2011 renunciou ao cargo de adestrador, trala derrota por 1-0 sufrida ante o Tigre.
Independiente Despois duns meses de inactividade, foi contratado polo Independiente no segundo semestre de 2011, para relevar no banco a Antonio Mohamed, que obtivera uns pobres resultados. Tras un inicio irregular, o club de Avellaneda logrou clasificarse para a Copa Suramericana. Con todo, o 3 de marzo de 2012, despois de 4 derrotas consecutivas, presentou a súa dimisión.
River Plate (2ª etapa) No ano 2012, tras superar as súas diferenzas co entón presidente Daniel Passarella, volveu asumir o cargo de adestrador do River Plate. Despois dun subcampionato no Torneo Final 2013, quedou no posto 17º no Torneo Inicial do mesmo ano. Cuestionado pola prensa especializada, acabou por coroarse campión do Torneo Final de 2014, con 37 puntos, e despois de gañar o Superclásico da Bombonera tras 10 anos sen que River gañase a Boca Juniors nese estadio. Días despois, consagrouse supercampión ao derrotar ao San Lorenzo por 1-0 cun gol de Germán Pezzella, quedándose así coa Copa Campionato e logrando a clasificación para a Copa Suramericana.
A continuación renunciou inesperadamente ao cargo de adestrador do River Plate, declarando que xa gañara todo o que podía gañar e que sentía que xa non tiña máis nada que darlle ao club. Así, deixou o banco do River sendo nese momento o adestrador con máis títulos da historia do club.
Selección paraguaia O 4 de decembro de 2014, o presidente da Asociación Paraguaia de Fútbol, Alejandro Domínguez, ofreceulle o posto de seleccionador do país. O seu primeiro reto coa selección paraguaia foi a Copa América celebrada en Chile en 2015. Alí os paraguaios quedaron encadrados no grupo B xunto coa Arxentina, Xamaica e o Uruguai, e clasificáronse no segundo lugar. En cuartos de final enfrontouse ao Brasil, adestrado entón por Dunga. O partido rematou 1-1 nos 90 minutos regulamentarios e pasou a unha quenda de penaltis onde a vitoria foi para Paraguai. Así, o equipo de Ramón Díaz chegou ás semifinais da competición continental, onde se enfrontou de novo á Arxentina do Tata Martino, caendo eliminado por 6-1. Posteriormente perdeu tamén ante o Perú no partido pola medalla de bronce, rematando así cuarto. miniatura|Ramón Díaz (River Plate) e Roberto Mouzo (Boca Juniors) durante a disputa dun "Superclásico". En 2016 participou na Copa América Centenario, realizando unha mala actuación, e a continuación dimitiu do cargo de seleccionador.
Al-Hilal (1ª etapa) En outubro de 2016 fíxose cargo do Al Hilal, de Arabia Saudita. Só seis meses despois da súa chegada, o club proclamouse campión da liga saudita. En maio do mesmo ano conquistou a Copa do Rei de Campións, despois de derrotar na final ao Al-Ahli. Ademais alcanzou tamén a final da Liga de Campións da AFC, onde se enfrontou ao Urawa Red Diamonds xaponés. Logrou un empate no partido de ida en Riad, pero acabou perdendo pola mínima en Saitama.
Pyramids FC En 2019 dirixiu o Pyramids FC, da Premier League de Exipto. Obtivo oito vitorias, tres empates e unha soa derrota, pero deixou o equipo despois de só tres meses.
Club Libertad A finais de 2019 asinou contrato co Libertad de Asunción. Tras un bo inicio, liderou o Toreno Apertura de 2020 ata que este foi interrompido pola irrupción da pandemia de COVID-19. Con todo, cando o campionato se retomou os resultados non o acompañaron, caendo ata a terceira posición, o que sumado á eliminación na Copa Libertadores, fixo que dimitise do seu cargo en setembro de 2020.
Botafogo Dúas semanas despois de deixar o club paraguaio converteuse no novo adestrador do Botafogo brasileiro. A continuación viaxou a Asunción para unha intervención cirúrxica na que se lle extirpou un tumor benigno da garganta. Durante a súa ausencia ocupou o banco o seu fillo Emiliano, pero os malos resultados e a tardanza de Ramón en regresar, provocaron que o club anunciase a súa destitución só 21 días despois de tomar posesión, sen dirixir ningún partido.
Al-Nasr En febreiro de 2021 foi contratado para dirixir o Al-Nasr dos Emiratos Árabes Unidos, substituíndo no cargo ao cesado Krunoslav Jurčić. Adestrou o club árabe durante un ano, ata que foi destituído en febreiro de 2022.
Al Hilal (2ª etapa) A continuación regresou a Arabia Saudita para sentar por segunda vez no banco do Al Hilal, que ocupaba a cuarta praza da liga no momento da destitución do anterior adestrador, o portugués Leonardo Jardim, a 16 puntos do líder. Trala chegada de Ramón Díaz, o equipo encadeou 12 vitorias en 12 partidos e rematou campión de liga por diante do Al-Ittihad de Cosmin Contra. Ademais acadou a final da Copa do Rei, onde caeu ante o Al-Fayha por 2-4.
En 2023 disputou a Copa Mundial de Clubs da FIFA, onde eliminou ao Wydad Casablanca de Marrocos e ao Flamengo brasileiro, plantándose así nunha final na que tivo como rival ao campión europeo, o Real Madrid. A vitoria acabou sendo para o conxunto branco, adestrado por Carlo Ancelotti, por 5-2. A continuación disputou a fase eliminatoria da Liga de Campións da AFC, onde derrotou por 3-1 nos oitavos de final ao Shabab Al-Ahli dos Emiratos Árabes Unidos e por 0-1 en cuartos ao Foolad iraniano. Nas semifinais o seu rival foi o Al-Duhail ao que goleou por 0-7 no estadio Al Thumama de Doha, acadando así unha nova final. Esta disputouse a dobre volta contra o Urawa Red Diamonds xaponés, e aínda que o equipo de Ramón Díaz sacou un empate no partido de ida en Riad, repetiuse a historia de 2017 e perdeu pola mínima na volta no estadio Saitama 2002 de Saitama, por mor dun gol en propia porta do peruano André Carrillo.