Astroturfing é un termo referido ás campañas de relacións públicas no ámbito da propaganda electoral e a publicidade comercial que buscan dar unha impresión de espontaneidade, como se nacese dunha forte relación co medio social.
Termo O nome provén dun dobre xogo de palabras en inglés, baseado no concepto de grassroots, termo en lingua inglesa para designar os movementos de base, formado por herba (grass) e raíces (roots). Este concepto serve para cualificar os movementos “con base social”, que xorden “de abaixo”, da interacción dos membros dunha comunidade. Por outra banda, AstroTurf é unha coñecida marca estadounidense de herba artificial, cuxos produtos están deseñados para parecer herba natural. Así, o astroturfing fai referencia a esa artificialidade, a esa falsa base social de determinadas campañas comerciais.
Orixe A primeira vez en aparecer con ese significado foi en 1985 cando o senador do Partido Demócrata de Texas, Lloyd Bensten, comentaba numerosas cartas que recibira, de presuntos cidadáns, que defendían a mesma posición que as compañías de seguros mentres Lloyd estaba involucrado nun debate sobre as prestacións do seguro de vida; dixo que «un texano coñece a diferenza entre a grassroots ou herba natural e AstroTurf». Así, afirmou que as cartas que recibira, con contido similar, foran creadas para simular o apoio popular, casualmente, ás mesmas reclamacións por parte das aseguradoras.
Con posterioridade, a propia compañía fabricante de AstroTurf, Monsanto, foi acusada de facer astroturfing para apoiar o glifosato, composto principal do seu produto RoundUp.
Procedemento e obxectivos Astroturfing é unha estratexia de manipulación da opinión pública por parte de partidos e outras entidades simulando o apoio público espontáneo, por exemplo nas redes sociais, a unha idea. O obxectivo dunha campaña deste estilo é disfrazar a actuación dunha entidade política ou comercial como a reacción pública espontánea e independente contra outra entidade, produto, servizo, etc.
Os astroturfers ou astroturfistas (intoxicadores) tentan orquestrar accións levadas a cabo por uns poucos individuos aparentemente diversos e distribuídos xeograficamente, tanto mediante accións explícitas como máis subliminais e mesmo ocultas, e que dan a impresión de entusiastas masivos dunha causa.
O astroturfing pode ser posto en marcha por unha persoa con interese persoal nun tema ou por grupos profesionais organizados e financiados por grandes empresas ou organizacións sen ánimo de lucro ou activistas.
Notas
Véxase tamén
argumento ad hominem Guerra psicolóxica Falsa bandeira
Ligazóns externas Que é o astroturfing? Artigo sobre mercadotecnia e astroturfing (en castelán).
Categoría:Publicidade Categoría:Política