Un fitoestróxeno é un xenoestróxeno, que quimicamente non é un estróxeno, e é un derivado de plantas non xerado dentro do sistema endócrino animal, pero inxerido coa comida que conteña plantas fitoestroxénicas. Tamén se lles chama "estróxenos dietarios". Son un grupo diverso de compostos vexetais non esteroides que se producen naturalmente que, debido á súa semellanza estrutural co estradiol (17-β-estradiol), teñen capacidade de causar efectos estroxénicos ou antiestroxénicos. Os fitoestróxenos non son nutrientes esenciais porque a súa ausencia da dieta non causa ningunha doenza nin se sabe que participen en ningunha función biolóxica normal.
O seu nome procede do grego phyton ('planta') e estróxeno, a hormona que dá fertilidade ás femias dos mamíferos. A palabra "estrus", en grego οίστρος, oistros, significa 'desexo sexual', e "xeno", en grego γόνο, gono, é 'xerar'. Hipotetizouse que as plantas usan os fitoestróxenos como parte das súas defensas naturais contra a sobrepoboación de animais herbívoros controlando a fertilidade das femias.
As semellanzas a nivel molecular dos estróxenos e os fitoestróxenos permítenlles imitar lixeiramente e por veces mesmo actuar como antagonistas dos estróxenos. Os fitoestróxenos descubríronse en 1926, pero non se sabía se podía ter algún efecto sobre o metabolismo humano ou animal. Na década de 1940 e einicios da de 1950, descubriuse que algúns pasteiros de trevo subterráneo (Trifolium subterraneum) e trevo rubio (Trifolium pratense), que son plantas ricas en fitoestróxenos, tiñan efectos adversos sobre a fecundidade das ovellas que os pastaban.
miniatura|Estruturas químicas dos fitoestróxenos máis comúns atopados en plantas (na parte superior e media) comparados cos estróxenos (parte inferior) atopados en animais.|400px|right
Estrutura
Os fitoestróxenos pertencen principalmente a un gran grupo de compostos fenólicos substituídos. Os coumestanos, prenilflavonoides e isoflavonas son tres dos que son máis activos nos seus efectos estroxénicos. Os mellor estudados son as isoflavonas, que se encontran comunmente na soia (Glycine max) e no trevo rubio (Trifolium pratense). Os lignanos tamén se identificaron como fitoestróenos, aínda que non son flavonoides. Os micoestróxenos teñen estruturas e efectos similares, pero non son compoñentes de plantas; son metabolitos do mofo Fusarium, especialmente común en grans de cereais, pero tamén noutras especies, por exemplo en varias plantas forraxeiras. Aínda que os micoestóxenos raramente se teñen en conta cando se discute os fitoestróxenos, estes son compostos que inicialmente xeraron interese.
Mecanismo de acción
Os fitoestróxenos exercen os seus efectos principalmente uníndose a receptores de estróxenos (ER). Existen dúas variantes do receptor de estróxenos, alfa (ER-α) e beta (ER-β) e moitos fitoestróxenos mostran unha afinidade algo máis grande polos ER-β que polos ER-α.
Os elementos estruturais clave que permiten que os fitoestróxenos se unan con alta afinidade a receptores de estróxenos e mostren efectos similares aos do estradiol son: O anel fenólico que é indispensable para unirse ao receptor de estróxenos. O anel de isoflavonas que imita o anel de estróxenos no sitio de unión aos receptores. Baixo peso molecular similar ao dos estróxenos (masa molecular=272). Distancia entre dous grupos hidroxilo no núcleo das isoflavonas similar ao do que se observa no estradiol. Padrón de hidroxilación óptimo.
Ademais da interacción cos ERs, os fitoestróxenos poden tamén modular a concentración de estróxenos endóxenos ao unirse ou inactivar algúns encimas e poden afectar a biodispoñibilidade de hormonas sexuais ao deprimir ou estimular a síntese da globulina que se une ás hormonas sexuais (SHBG).
Están aparecendo diversas probas que indican que algúns fitoestróxenos se unen e transactivan os receptores activados polo proliferador do peroxisoma (PPARs). Estudos realizados in vitro indican que hai unha activation dos PPARs a concentracións por riba de 1 μM, que é maior que o nivel de activación dos ERs. A unha concentración por debaixo de 1 μM, a activación dos ERs pode ter un papel dominante. A concentracións maiores (>1 μM), actívanse tanto os ERs coma os PPARs. Realizáronse estudos indican que tanto os ERs coma os PPARs inflúense entre si e, por tanto, inducen efectos diferenciais de maneira dependente da dose. Os efectos biolóxicos finais da xenisteína están determinados polo balance entre estas accións pleotrópicas.
Ecoloxía
Estes compostos das plantas forman unha parte importante do seu sistema de defensa, especialmente contra os fungos.
Os fitoestróxenos son substancias naturais moi antigas e como compostos fitoquímicos da dieta considérase que coevolucionaron cos mamíferos. Na dieta humana, os fitoestróxenos non son a única fonte de estróxenos exóxenos. Os xenoestróxenos (novos e feitos polo ser humano), encóntranse en aditivos alimentarios e ingredientes alimentarios, así como en cosméticos, plásticos e insecticidas. Ambientalmente, teñen efectos similares aos fitoestróxenos, o que fai difícil separar claramente a acción destes dous tipos de axentes nos estudos que se fan en poboacións.
Estudos en aves
O consumo de plantas cun contido fóra do normal de fitoestróxenos, en condicións climáticas de seca, fai diminuír a fertilidade do paspallás. A comida para papagaios dispoñible na natureza só presenta unha baixa actividade estroxénica. Realizáronse estudos de métodos de cribado de estróxenos ambientais presentes en alimentos suplementarios fabricados co propósito de axudar á reprodución de especies de papagaios en perigo.
Fontes alimenticias
Segundo un estudo sobre nove fitoestróxenos comúns na dieta occidental, os alimentos co contido relativamente máis alto de fitoestróxenos eran as noces e sementes aceitosas, seguidos de produtos de soia, cereais e pans, legumes, produtos cárnicos e outras comidas procesadas que poden conter soia, verduras, froitas, e bebidas alcohólicas e non alcohólicas. As sementes de liño e outras sementes aceitosas contiñan o maior nivel de fitoestróxenos total, seguido dos feixóns de soia e o tofu. As maiores concentracións de isoflavonas atopáronse en produtos de soia, seguidos dos legumes, mentres que os lignanos son a fonte primaria dos fitoestróxenos atopados nas noces e sementes aceitosas (por exemplo de liño) e tamén foron atopados en cereais, legumes, froitas e verduras. O contido en fitoestróxenos varía en diferentes alimentos e pode variar significativamente dentro do mesmo grupo de alimentos (por exemplo as bebidas de soia, tofu) dependendo dos mecanismos de procesamento e o tipo de soia utilizada. Os legumes (en particular os feixóns de soia), os grans de cereais completos e algunhas sementes son altos en fitoestróxenos.
Velaquí unha lista máis completa de alimentos que se sabe conteñen fitoestróxenos:
Soia e produtos derivados da soia Tempeh Sementes de liño Sementes de sésamo Gran de trigo Alforfa (Trigonella foenum-graecum, contén diosxenina, pero tamén se usa para facer Testofen, un composto tomado polos homes para incrementar os niveis de testosterona). Avea Cebada, orxo Feixóns (Phaseolus vulgaris) Lentellas Iñame Arroz Alfalfa Feixóns de Vigna radiata Mazás Cenorias Granadas Xerme de trigo Farelo de arroz Chícharo de raposo (Lupinus) Kudzu (Pueraria) Café Regalicia Menta Ginseng Lúpulo, Whisky bourbon Cervexa, Fiúncho Anís. Trevo rubio (ás veces é un constituínte do esterco verde). Espinacas
Un estudo epidemiolóxico sobre mulleres nos Estados Unidos atopou que o consumo na dieta de fitoestróxenos en mulleres caucásicas sas post-menopáusicas é de menos dun miligramo por día.
Efectos sobre os humanos
Nos seres humanos os fitoestróxenos absórbense rapidamente ao sistema circulatorio, circulan no plasma e son excretados polos ouriños. A influencia metabólica é diferente da que se observa nos animais que pastan debido a diferenzas entre os sistemas dixestivos dos ruminantes e os sistemas dixestivos monogástricos.
Atribuíronse aos fitoestróxenos unha ampla variedade de efectos beneficiosos sobre os sistemas cardiovascular, metabólico, e nervioso central así como para a redución do risco de padecer cancro e síntomas post-menopáusicos. Non obstante, tamén hai unha preocupación de que os fitoestróxenos poidan actuar como disruptores ou perturbadores endócrinos, que afecten negativamente á saúde. Baseándose nas probas dispoñibles non está claro se os beneficios potenciais para a saúde dos fitoestróxenos superan os seus riscos. Vexamos agora os efectos por separado en homes e mulleres.
Homes
Non está claro se os fitoestróxenos teñen algún efecto sobre a sexualidade masculina, e hai resultados conflitivos sobre os potenciais efectos das isoflavonas procedentes da soia. Algúns estudos mostraron que a suplementación con isoflavonas tiña un efecto positivo sobre a concentración, reconto ou mobilidade do esperma e incrementaba o volume de exaculado. O declive do reconto de espermatozoides e o aumento da taxa de cancro testicular en Occidente pode estar ligado a unha maior presenza de fitoestróxenos de isoflavona na dieta mentres o feto está no útero, pero dita ligazón non foi definitivamente probada. Ademais, aínda que hai algunhas evidencias de que os fitoestróxenos poden afectar a fertilidade masculina, as revisións máis recentes dos estudos dispoñibles non atoparon tal ligazón, e ao contrario suxiren que as dietas máis sas como a dieta mediterránea poderían ter un efecto positivo sobre a fertilidade masculina. Nin as isoflavonas nin a soia afectan ás hormonas reprodutivas masculinas.
Mulleres
Non está claro se os fitoestróxenos teñen algún efecto sobre a causa ou a prevención do cancro en mulleres. Algúns estudos epidemiolóxicos suxeriron un efecto protector contra o cancro de mama. Outros estudos epidemiolóxicos encontraron que o consumo de fitoestróxenos da soia é seguro para pacientes con cancro de mama e que pode facer diminuír as taxas de mortalidade e de rocorrencia. Segue sen estar claro se os fitoestróxenos poden minimizar algúns dos efectos deletéreos dos niveis baixos de estróxenos (hipoestroxenismo) resultado dunha ooforectomía, da menopausa ou outras causas. Unha Revisión Cochrane do uso de fitoestróxenos para aliviar os síntomas vasomotores da menopausa (calores) afirmou que non había probas concluíntes que indicasen algún beneficio do seu uso, aínda que os efectos da xenisteína deberían ser investigados máis a fondo.
Fórmulas de alimentación infantil
Algúns estudos atoparon que certas concentracións de isoflavonas poden ter efectos sobre as células intestinais. A baixas doses a xenisteína actuaba como un estróxeno feble e estimulaba o crecemento celular; a altas doses inhibía a proliferación e alteraba a dinámica do ciclo celular. Esta resposta bifásica correlaciónase con como se pensa que a xenisteína exerce os seus efectos. Algúns traballos de revisión expresan a opinión de que cómpre facer máis investigación para responder a cuestión de que efectos poden ter os fitoestróxenos nos bebés, pero os seus autores non encontraron ningún efecto adverso. Os estudos conclúen que non hai efectos adversos no crecemento humano, desenvolvemento ou reprodución como resultado do consumo de fórmulas de alimentos infantís baseadas na soia en comparación con fórmulas con leite de vaca convencionais. A Academia Americana de Pediatría afirmou: "aínda que fórmulas de proteína baseada na soia illadas poden ser usadas para proporcionar nutrición para o crecemento normal e desenvolvemento, hai poucas indicacións para o seu uso en lugar da fórmula baseada en leite de vaca. Estas indicacións inclúen: (a) para meniños con galactosemia e deficiencia de lactase hereditaria (raro) e (b) en situacións nas que se prefire unha dieta vexetariana."
Etnofarmacoloxía