Sundbyberg é un municipio sueco (kommun) do condado de Estocolmo. A administración municipal atópase no distrito de Hallonbergen, a onde se trasladou a casa do concello en outubro de 2013 dende a praza de Sundbyberg. As áreas densamente poboadas do concello están integradas na área urbana de Estocolmo. Sundbyberg é o concello con menor superficie de toda Suecia, e á súa vez é o de maior crecemento de poboación.
O municipio está no sur do landskap de Uppland e está formado principalmente por áreas que no pasado eran parte das parroquias de Bromma e Spånga, no härad de Sollentuna. Limita ao sur, oeste e norte co municipio de Estocolmo, ao norte tamén co de Sollentuna e ao leste co de Solna, todos no condado de Estocolmo.
Historia A mediados do século XIX Sundbyberg era un pobo agrícola no rural formado por unhas poucas propiedades. Estas pertencían a Anders Petter Löfström (1831-1909), que mercou o terreo en 1863. Löfström vivía na granxa Sundbyberg e é considerado o fundador da localidade.
Cara a década de 1870 a industria aumentara en Estocolmo e moitos habitantes do rural sueco mudáranse á capital en busca de traballo. Debido a este feito existía unha gran necesidade de vivendas e Löfström decatouse de que os terreos agrícolas de Sundbyberg poderían ter un novo uso. En 1876 vendeu os seus primeiros terreos para a liña de ferrocarril Estocolmo-Västerås-Bergslagen.
En 1877 completouse o edificio da estación no centro de Sundbyberg e ese mesmo ano Löfström comezou a dividir os terreos en soares. Dende novembro de 1877 ata xaneiro de 1878 vendéronse máis de 40 soares de entre 440 e 880 metros cadrados. Para que as familias traballadoras puidesen ter cartos para pagar unha vivenda os prezos dos soares mantivéronse baixos.
Co tempo Sundbyberg comezou a industrializarse, construíndose fábricas e talleres entre os edificios residenciais. A poboación da localidade medrou nalgo máis de 1 000 habitantes en dez anos.
Sundbyberg comezou a colller forma como unha localidade de clase traballadora, onde as profesións dominantes eran as de albanel e traballador industrial. A localidade era un pequeno centro comecial para a zona e labregos dos arredores vendían alí os seus produtos. Coa rápida expansión Sundbyberg independizouse de Bromma, nacendo en 1888 o köping de Sundbyberg.
Sundbyberg fíxose coñecido durante os seus primeiros anos polos seus ölkaféer (cervexerías), as súas rúas enlamadas, o seu forte brandy e as súas acaloradas asembleas municipais. A localidade medrou e establecéronse industrias nos suburbios, entre elas Sieverts Kabelverk e Marabou.
No ano 1927 Sundbyberg converteuse na cidade número 113 de Suecia, aínda que íncluía tan só a parte máis antiga ao redor do ferrocarril. Sundbyberg foi medrando e no ano 1949 incorporáronse á cidade Lilla Alby, Lilla Ursvik, Ör, Hallonbergen, Rissne e Brotorp.
En 1949 o barrio de Duvbo foi transferido á cidade de Sundbybergs dende o concello de Spånga. O barrio de Storskogen construíuse con edificios de apartamentos nos anos 50, o de Ör nos 60, e o de Hallonbergen nos 70. Nos anos 80 comezou tamén a construírse Rissne e na década dos 2000 Stora Ursvik, o último distrito do concello en construírse.
Xeografía
Topografía e hidrografía O aparentemente pequeno concello de Sundbyberg ten dous tipos de paisaxe completamente distintos. A parte sur do municipio está densamente poboada e ten unha paisaxe de val de fractura (sprickdalslandskap). Alí hai unha rica fauna de aves ao redor do lago Lötsjön. A parte norte está dominada por unha chaira arcillosa, a través da cal flúe o Igelbäcken, famoso pola súa poboación do raro peixe barbatula barbatula. No norte tamén se atopa a área de Kymlinge, rica en aves, ncluídas rapaces.
Notas
Véxase tamén Páxina oficial do municipio
Ligazóns externas Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Estocolmo