O Itinerario de Exeria, tamén coñecido como Itinerarium Egeriae, Peregrinatio Aetheriae ou Peregrinatio ad Loca Sancta, é un conxunto de textos en latín escritos por Exeria relatando a súa peregrinación dende a Gallaecia ata Terra Santa entre os anos 381 e 384.

Como libro de viaxes, é unha fonte importante para coñecer a situación naquel momento das zonas percorridas. Nel detállanse costumes dos nativos, crenzas populares, rituais relixiosos e expresións da fala vernácula. Está redactado en primeira persoa no latín coloquial utilizado na vida diaria, cunha espontaneidade natural que difire do estilo solemne propio da lingua escrita. O seu valor é filolóxico, sociolóxico e literario.

Presentado de forma epistolar, o manuscrito documenta o longo itinerario a través dunha serie de cartas que ofrecen datos, anécdotas e detalles interesantes dos lugares visitados. É moito máis que unha simple guía informativa; é unha crónica humana na que a autora expresa os seus sentimentos ante cada situación e describe con empatía o trato que recibe das persoas coas que se cruza. O relato está dirixido a un grupo de mulleres mencionadas coa locución “dominae sorores”, unha fórmula habitual para referirse a amigas e compañeiras.

Algúns expertos consideran que é o primeiro texto dunha escritora galega.

Historia Descubrimento do manuscrito No ano 1884, Gian Francesco Gamurrini descubriu un códice na Biblioteca da Confraría de Santa María de Laicos (Biblioteca della Confraternità dei Laici) en Arezzo (Italia). Eran 37 pergamiños copiados no século XI no scriptorum da Abadía de Montecassino. Nas primeiras 15 láminas estaba o Tractatus de mysteriis e os Hymni de Hilario de Poitiers; as seguintes 22 contiñan fragmentos dunhas notas de viaxe escritas por unha muller descoñecida dirixíndose a outras mulleres en forma de misivas. No material conservado non aparecían datos que puidesen desvelar a autoría do escrito.

miniatura|esquerda|257x257px|alt=Detalle do manuscrito descuberto por Gian Francesco Gamurrini|Detalle do manuscrito descuberto por Gian Francesco Gamurrini

Un ano despois, Gamurrini aventurou a hipótese de que a autora do texto era Silvia de Aquitania, de quen se sabía que a finais do século IV viaxara en peregrinación a Terra Santa.

Pero en 1903, Marius Férotin atopou a carta que Valerio do Bierzo dirixiu aos monxes de San Pedro onde falaba de Exeria como autora do itinerarium Egeriae que el mesmo se encargou de compilar e resumir. Con esa carta quedou disipada calquera dúbida acerca da verdadeira artífice do relato.

A partir daquel momento, a descoñecida Exeria entrou na Historia como a escritora que se anticipou varios séculos ó florecemento da literatura de viaxes e da narración epistolar.

O manuscrito non está completo, faltan partes do inicio, do centro e do final da obra. Algúns catálogos de bibliotecas medievais suxiren que houbo outras copias. En 1909 apareceron varias follas soltas do itinerario nos Manuscritos de Toledo da Biblioteca Nacional de España e en 2005 houbo investigacións que identificaron outros dous fragmentos nunha colección privada.

O texto do Itinerario de Exeria é obxecto de moitas edicións e traducións en todo o mundo, considérase unha das fontes máis valiosas para coñecer a espiritualidade da Antigüidade tardía e o papel da muller nese tempo.

O Codex Aretinus 405, do que forma parte o Itinerarium Egeriae, viaxou por primeira vez a Galicia no ano 2019 para sumarse á exposición temporal Galicia, un relato no mundo. Foi exhibido no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela co gallo da celebración do Ano Santo Xacobeo. No catálogo da exposición definen o texto como “transcendental para coñecer a nosa historia”, e a Exeria como “A primeira escritora de viaxes da Península Ibérica e un referente simbólico da reivindicación da muller en Galicia”.

Precedentes da viaxe Unha muller percorrendo gran parte do mundo coñecido, no século IV, pode considerarse unha proeza digna de encomio; así o fixo Valerio do Bierzo con admiración: “totis nisibus intrepido corde inmensum totius orbis arripuit iter” (co seu esforzo e intrépido corazón fixo unha inmensa viaxe por todo o orbe).

Mais non foi Exeria a primeira que se atreveu a explorar o extenso territorio romano. Dez anos antes xa o fixera a aristócrata hispana Melania a Vella, que viaxou ata Exipto con Rufino de Aquileia. Daquela había unha sorte de tendencia a desprazarse ata Terra Santa desde que se popularizou a suposta noticia do descubrimento da Vera Cruz.

alt=A descuberta dos restos da Santa Cruz. Piero della Francesca, frescos da Capela Bacci, Arezzo|miniatura|esquerda|300x300px|As peregrinacións a Terra Santa popularizáronse cando se difundiu a noticia de que Helena de Constantinopla descubrira os restos da Vera Cruz

Foi Helena de Constantinopla, nai de Constantino I, quen comunicou que achara a Santa Cruz de Xesucristo e convidou a venerala porque concedía grazas especiais. A partir dese momento, comezaron as peregrinacións a Xerusalén integrándose na tradición cristiá, e o feito da descuberta plasmouse en moitas obras de arte.

A propia Exeria dá conta das aglomeracións que acudían a ver as reliquias. Relata que o día da cerimonia do Lignum Crucis no Gólgota, preto da muralla exterior de Xerusalén, viu a moitos peregrinos desfilando para honrar e bicar o madeiro sagrado; pero había tanta multitude que os diáconos máis fortes tiñan que estar todo o tempo vixiando. Non querían que volvese a suceder o que pasou nalgunha ocasión, que alguén cravou os dentes no madeiro e roubou unha lasca da reliquia.

Ó longo do seu percorrido, Exeria fala dos encontros con outros peregrinos, como cando foi a Isauria para visitar o sepulcro de Santa Trega. Alí levou unha grande alegría ó atopar por sorpresa a súa amiga Marthana que igualmente estaba de paso. Ámbalas dúas xa coincidiran anteriormente en Xerusalén. Elas, como tantos camiñantes, compartían a paixón por viaxar coñecendo xente coa que se comunicaban e vivían experiencias, sempre co obxectivo principal de visitar con fervor relixioso os lugares mencionados nas Escrituras. Sentíanse partícipes dun movemento comunitario, seguindo as palabras do Señor: "Ambulate dum lucem habetis, ne tenebre uos conprehendant" (Anda mentres teñas luz, para que non te alcancen as tebras).

Contexto histórico Á parte dos nómades vadíos, dos monxes amparados na caridade incerta e dos comerciantes ambulantes, o feito de emprender estas longas viaxes soamente estaba ó alcance de persoas podentes con dispoñibilidade de tempo e diñeiro. Con toda probabilidade, este último era o caso de Exeria, que ía acompañada dun grupo de axudantes con cabalarías.

alt= Miliarios romanos en Ponte Nova, Lobios|miniatura|300x300px|As infraestruturas romanas ofrecían rutas seguras que facilitaban os desprazamentos.|esquerda

Existía unha participación bastante activa no circuíto comercial que conectaba o Mediterráneo oriental co norte de Europa. Corrían tempos propicios e as elites aproveitaron para tecer unha rede de contactos por todo o Imperio. Tamén as peregrinacións comezaban a ser habituais.

Eran dous os factores principais que facilitaban os desprazamentos naqueles tempos: a seguridade e os servizos.

Por unha parte, a paz e prosperidade lograda polo Imperio ofrecía seguridade xeral dentro das fronteiras e protección especial con gornicións militares nas zonas que puidesen ser conflitivas. No texto de Exeria aparecen oficiais e soldados que exercían a autoridade en nome de Roma escoltando a comitiva durante algúns tramos; ó mesmo tempo, eses mesmos militares brindábanse para facer de guías culturais relatando crónicas dos lugares por onde pasaban.

Por outro lado, era posible percorrer o territorio de punta a punta grazas á existencia dun sistema de comunicacións moi avanzado. A infraestrutura viaria estaba composta por unha extensa rede de camiños e calzadas, rutas con paradas de postas por etapas (mansio), sinalización mediante marcos ou miliarios de pedra e documentos escritos para orientarse con indicacións informativas, como o itinerario de Antonino ou a Tabula Peutingeriana.alt=Fragmento da Táboa Peutingeriana|miniatura|350x350px|Na Táboa Peutingeriana estaban representadas as principais redes viarias do ImperioExeria aproveitou as facilidades das vías públicas e tamén os privilexios reservados para familias importantes, como os salvocondutos para entrar en contacto coas autoridades civís dos lugares que atravesaba. Tamén os bispos e cargos eclesiásticos saían ó seu paso para recibila con respecto. Ademais, dedúcese polo seu escrito que debeu ter unha personalidade carismática porque atraía a eremitas, soldados e veciños coa súa empatía. No texto amósase agradecida polos continuos xestos de hospitalidade acolledora que recibía e expresa os seus sentimentos de identificación afectiva con todos eles.

Para situar o manuscrito nun contexto real, hai que ter en conta que polo feito de ser cartas dirixidas ás amigas, destácanse nelas abundantes detalles positivos e anécdotas agradables, eludindo as probables penalidades e fatigas do camiño. alt=Cadro de José Ribera representando a San Paulo, o primeiro ermitán|miniatura|Exeria entrou en contacto con moitos eremitas que vivían no deserto|250x250px

No contexto relixioso da época é importante lembrar que no 380, un ano antes da partida de Exeria, decretouse o Edicto de Tesalónica. O cristianismo foi desde ese momento a única das relixións permitidas, aínda que o politeísmo mantíñase disfrazado de supersticións. Moitos mitos romanos e doutras relixións quedaron absorbidos polo cristianismo, ás veces convertidos en dogmas. A arte romana incorporou elementos do mundo cristián, así os pequenos deuses fóronse transformando en anxiños, os deuses do averno en demos e os grandes deuses en arcanxos.

Na viaxe de Exeria hai uns personaxes recorrentes que se cruzan con ela continuamente no camiño, son os eremitas que vivían en lugares retirados, dedicados á oración e a facer penitencia. Unicamente o paso de viaxeiros importantes como Exeria facíalles deter algo a súa dedicación para ofrecerlles hospitalidade e atención cristiá.

O movemento eremítico naceu cando se permitiu o cristianismo no Imperio e desapareceron os motivos para ser martirizados pola fe. Os ascetas buscaron outro medio de purificarse e, imitando a Cristo que se retirou ó deserto, abandonaron as cidades para vivir en illamento, dedicándose á vida contemplativa e penitente en condicións extremas. Algúns fixaban a súa misión no coidado dunha ermida dedicada a algún santo, en lugares desérticos e pouco frecuentados. Por iso, cando aparecía algunha comitiva como a de Exeria, acollían os visitantes con fervor, entregábanlles o pouco que tiñan para cumprir coas normas de hospitalidade e, se non estaban moi enfermos e aínda tiñan forzas, ofrecíanse como guías para acompañalos nalgún tramo do camiño.

Percorrido xeográfico A pesar de estar incompleto o texto, púidose reconstruír a totalidade do periplo estudando a infraestrutura das vías existentes, comparando con outras viaxes documentadas da mesma época e cos datos da carta de Valerio do Bierzo.esquerda|miniatura|434x434px|Infografía da viaxe realizada por Exeria a Terra Santa entre o 381 e o 384, segundo o libro "Itinerarium ad Loca Sancta". Do comezo da viaxe ata Xerusalén O inicio foi a principios do 381, comezando nalgún punto da Gallaecia, onde quedarían as súas amigas a quen van dirixidas as misivas. Valerio do Bierzo escribiu: “extremo occidui maris oceani litore exorta” (partiu da beira máis afastada do océano occidental). Probablemente viaxaría ata os Pireneos para coller a Vía Domitia, a calzada máis importante da época para unir Hispania con Italia a través da Galia Narbonense atravesando os Alpes.alt=Pont Julien, na Vía Domitia|miniatura|A vía Domitia era a mellor ruta para ir de Hispania a Italia