Pablo Hernández Coronado, nado en Madrid o 11 de setembro de 1897 e finado na mesma cidade o 11 de novembro de 1997, foi un boxeador, xornalista, futbolista e adestrador español. Dirixiu a selección española en tres etapas diferentes entre as décadas de 1940 e 1960.
Traxectoria Naceu en Madrid o 11 de setembro de 1897 e comezou a xogar ao fútbol no colexio Cardenal Cisneros, especializándose na posición de gardameta. na súa xuventude foi campión de Castela de boxeo. Estudante de Medicina, xogou ao fútbol nun equipo universitario, antes de ingresar no Stadium FC da capital española, co que disputou o Campionato Rexional Centro. Ocupaba a posición de porteiro e en 1918 xogou na Gimnástica de Madrid. En 1919 pasou ao Real Madrid, onde substituíu na portería a Eduardo Teus. Na tempada 1919/20 proclamouse campión do campionato rexional e xogou dous encontros da Copa do Rei, ante o Athletic de Bilbao.
Máis tarde foi xornalista e árbitro, e actuou como secretario do Colexio Nacional de Árbitros, antes de regresar en 1925 ao Real Madrid como secretario técnico. Ocupou este cargo ata 1943 e foi o responsable de importantes fichaxes como as de Zamora, Samitier, Gaspar Rubio, Ciriaco, Quincoces, Hilario Marrero ou Pahiño. En decembro de 1942 púxose á fronte do equipo como adestrador durante unha xornada, entre a marcha de Joan Armet e a chegada do galego Moncho Encinas. Foi tamén presidente da Federación Centro de Fútbol, tesoureiro da Real Federación Española de Fútbol, inspector de Facenda, secretario da Federación Española de Xadrez e director do Padroado de Apostas Mutuas Deportivo Benéficas.
En outubro de 1946 foi nomeado seleccionador nacional pola Federación Española. Nesa primeira etapa á fronte da selección española, dirixiuna en dous encontros amigables, ante Portugal e Irlanda, sufrindo senllas derrotas. Volveu ocupar brevemente o cargo de seleccionador en 1955, conseguindo a súa primeira vitoria contra Suíza. En 1962 iniciou a súa terceira etapa como seleccionador, xunto ao adestrador Helenio Herrera, e ambos dirixiron o combinado español no Mundial de Chile dese mesmo ano. A dupla de adestradores, coñecida pola prensa como H3C, non puido conseguir que España pasase da fase de grupos, quedando eliminada despois de perder contra Checoslovaquia, gañar a México e perder no terceiro partido contra o Brasil.
En 1955 publicou un libro sobre fútbol, titulado Cosas del fútbol.
Vida persoal Casou con Aurora Perrin Thomé, coa que tivo cinco fillos (catro varóns e unha muller). Tras deixar o mundo do fútbol viviu en Madrid ata o seu falecemento en 1997, dous meses despois de cumprir os 100 anos de idade.
Notas
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1897 Categoría:Finados en 1997 Categoría:Boxeadores de España Categoría:Xornalistas da Comunidade de Madrid Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Real Madrid CF Categoría:Adestradores da selección de fútbol de España Categoría:Árbitros de fútbol de España