Mercedes Formica-Corsi Hezode, nada en Cádiz o 9 de agosto de 1913 e finada en Málaga o 22 de abril de 2002, coñecida como Mercedes Formica, foi unha xurista, novelista e ensaísta española. Destacou especialmente pola súa defensa dos dereitos da muller en España.É habitual atopar o seu apelido acentuado (Fórmica) nas súas obras e artigos. Porén, ela mesma afirmou nunha entrevista que non leva acento.
Fonte: Alborg, C. (1993) Cinco figuras en torno a la novela de posguerra: Galvarriato, Soriano, Formica, Boixados y Aldecoa. Madrid: Libertarias
Feminista en plena ditadura franquista, impulsou a reforma do Código Civil e as súas denuncias lograron en 1958 a reforma de 66 artigos deste. Foi un primeiro paso para mellorar a situación xurídica da muller casada, ao que seguiu un longo proceso de reformas que culminaron nos anos 80. O seu nome debería figurar na memoria de xuristas e no da historia das mulleres en España. Porén, os seus logros apenas tiveron recoñecemento público no posfranquismo por causa do seu «pasado falanxista», segundo ela mesma lamentou. Tamén foi invisibilizada como autora, segundo diferentes estudos, por ser muller nun mundo literario dominado por homes.
Puido realizar un labor a prol dos dereitos das mulleres precisamente pola súa relación co franquismo, o que non puideron facer personaxes eminentes do feminismo, como o xurista Plutarco Marsá Vancells, pola súa relación coa II República Española.
Admiradora de José Antonio Primo de Rivera, afiliouse á Falanxe Española. Porén, foise desvinculando dela ao percibir a desviación do réxime franquista do pensamento joseantoniano e o pouco que progresaban as súas reivindicacións feministas. Simultaneou o xornalismo coa literatura a partir dos anos 40, ao principio como autora de novelas rosas que asinaba como Elena Puerto.
En 1944 fíxose cargo da dirección do semanario Medina, editado pola Sección Femenina, e colaborou con publicacións como ABC, Blanco y Negro, Gran Mundo, Teresa e La Ilustración Femenina.
En 1950 publicou na Revista de estudios políticos unha recensión de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir. Nela reivindica a independencia económica das mulleres e critica o lugar secundario que sempre ocuparon no ámbito profesional.
En 1975 recibiu o Premio Fastenrath da Real Academia Española pola súa obra La hija de Don Juan de Austria (Ana de Jesús en el proceso al pastelero de Madrigal).
Traxectoria Mercedes Formica-Corsi Hezode naceu o 9 de agosto de 1913 en Cádiz nunha familia acomodada. Até hai pouco tempo, a data de nacemento de Mercedes Formica non se sabía con exactitude e adoitaba indicarse o ano 1916 (sen día nin mes). O investigador Miguel Soler Gallo estudou amplamente a súa vida e obra. Foi o primeiro en indicar a data correcta do seu nacemento tras atopala na súa partida de bautismo, e así o indicou nas referencias bibliográficas sinaladas. Filla de José Formica-Corsi e de Amalia Hezode y Vidiella, era a segunda de seis irmáns: María Luisa, Elena, Margarita, José e Marita. Debido a un traslado profesional do pai, enxeñeiro industrial, quen pasou a dirixir a Compañía de Gas e Electricidade en Sevilla, a familia estabeleceuse na capital andaluza cando Mercedes tiña once anos. Describiuno na súa novela autobiográfica La infancia.
A súa nai padecía graves problemas no seu matrimonio e sufriu unha separación en que o "dilixente bo pai de familia" ditou a súa lei. Porén, puxo todo o seu empeño en que as súas fillas estudasen e puidesen manterse. Mercedes estudou o bacharelato, primeiro no colexio de Santa Victoria de Córdoba e máis tarde no Valle de Sevilla. A nai sufría a indefensión da muller educada "á antiga" e preocupouse por inculcarlles ás fillas o camiño cara a independencia persoal.
En 1931 preparou nunha academia o acceso á universidade, e o ano seguinte matriculouse en Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Sevilla. Nas súas memorias recoñeceu ter «moita fortuna» cos catedráticos, pois «pertencían á nova fornada republicana e procedían da Institución Libre de Ensino». Porén, dos que cita só parece responder a ese perfil o catedrático de Historia do Dereito José Antonio Rubio Sacristán. Sempre tivo moi claro que o seu ideal non era o da muller abnegada e dependente de marido. Así o lembra o catedrático de dereito constitucional Octavio Salazar nunha descrición de Formica publicada en 2020. Por contra, sempre pelexou por ter a súa propia voz. Tiña claro que «só casaría por amor» e o xeito máis fácil para conseguilo era a través da «independencia económica».
En 1933 os seus pais divorciáronse e a súa nai non consentiu o divorcio «amigábel». Así, viuse obrigada a sobrevivir en Madrid coas súas fillas, sen poder ver o seu fillo. A experiencia fixo que Mercedes tomase conciencia da situación das mulleres separadas en España. Logrou seguir os seus estudos na Universidade de Madrid, mais a Guerra Civil interrompeu a súa carreira. Cando obtivo a licenciatura en 1948, empezou a exercer como avogada, e especializouse en temas relacionados cos dereitos das mulleres.
Falanxe Española e José Antonio Primo de Rivera A primeira vez que soubo de José Antonio Primo de Rivera foi cando unha mañá de outubro de 1933 ouviu pola radio o discurso da Comedia. Chamáronlle a atención algúns parágrafos do discurso e quixo saber máis do orador, cuxa existencia descoñecía daquela.
Afiliouse ao Sindicato Español Universitario (SEU) e pouco despois foi nomeada delegada do sindicato da Facultade de Dereito. Desde entón compaxinou os seus estudos universitarios coa participación na Falanxe Española.
En 1936 o propio José Antonio nomeouna delegada nacional do SEU feminino e, por tanto, membro da Xunta Política de Falanxe Española.
A guerra civil sorprendeuna en Málaga, onde se instalara uns meses antes coa familia. Alí viviu dende a proximidade a experiencia do terror revolucionario até que conseguiu escapar e chegar a Sevilla, na zona sublevada.Formica: Visto y vivido (1982), págs. 205-249. Nas súas memorias describe detalladamente estes feitos, que tamén lle serviron para o contexto da súa novela Monte de Sancha. Desde entón colaborou estreitamente coa Sección Feminina. En Málaga asistiu á xefa local, Carmen Werner Bolín.
O 20 de decembro de 1937 casou con Eduardo Llosent y Marañón, editor da revista Mediodía (órgano da Xeración do 27 na cidade), na capela de Nuestra Señora de la Antigua da Catedral de Sevilla. Alí residiu o matrimonio até o final da guerra, cando Eugeni d'Ors, director xeral de Belas Artes, nomeou a Llosent director do Museo Nacional de Arte Moderna.
Pola súa casa de Madrid pasaron escritores, pintores e dramaturgos da posguerra e era frecuentada polos sectores menos integristas do réxime. Pola súa banda, Mercedes e Eduardo asistían a faladoiros aos que acudían Sánchez Mazas, Eugenio Montes, César González-Ruano, Edgar Neville, Sebastián Miranda, Pilar Regoyos, Natividad Zaro, Mary Navascués, Conchita Montes, Luis Felipe Vivanco, Luis Rosales ou Leopoldo Panero.
A principios de 1944 Pilar Primo de Rivera propúxolle asumir a dirección de Medina, o semanario da Sección Feminina, onde colaboraron persoas procedentes de campos políticos non afíns a Falanxe.
En 1945 publicou na revista Escorial a novela Bodoque, en que a trama principal consiste nun caso de separación.
En 1947 viaxou co seu marido á Arxentina, onde se expuxo unha mostra de artes plásticas, literatura, música e teatro español. Tres meses despois, regresaron a España. En 1948 Formica examinouse das materias que lle faltaban para completar a súa titulación universitaria, interrompida pola guerra.
Terminada a carreira de Dereito, pensou en ingresar no Corpo Diplomático ou preparar oposicións para Avogada de Estado ou Notarías. Porén, un dos requisitos para opositar era ser home. Produciulle indignación lembrar que «José Antonio, cuxo nome tanto se aireaba, nunca foi contrario ás universitarias». Pediu entón a alta no Colexio de Avogados e en 1950 converteuse nunha das tres mulleres que exercían a avogacía en Madrid, co número 14.101, tarefa que compaxinou coa produción literaria.
Aceptou a dirección da revista Feria, en que colaboraron, entre outros, Leopoldo Panero e Luís Rosales. Porén, a revista, privada de medios económicos, acabou por desaparecer.
En 1948 no Instituto de Estudos Políticos, destinado a ser o think tank do réxime franquista, e entón dirixido por Francisco Javier Conde, traballou nunha proposta de reforma legal para permitir o acceso da muller a postos de responsabilidade.
A muller e as profesións liberais
Durante a súa vida Formica pelexou contra a exclusión das mulleres das oposicións para o acceso á Xudicatura, á Avogacía do estado ou ás Notarías. O primeiro capítulo do seu último volume de memorias titúlase «En busca de trabajo. La exigencia de cumplimiento imposible: ser hombre».
En 1950 publicou na Revista de estudios políticos un traballo sobre O segundo sexo de Simone de Beauvoir. Nel reivindicaba a independencia económica das mulleres e criticaba o lugar secundario que sempre ocuparon no ámbito profesional.
A comezos dos anos 50, Pilar Primo de Rivera encargoulle un relatorio sobre «La mujer en las profesiones liberales» para o I Congreso Feminino Hispanoamericano Filipino, convocado en Madrid en maio de 1951. Para preparalo buscou colaboradoras que obtiveran o título universitario na súa maioría antes da guerra: María de la Mora e Sofía Morales (xornalistas), Carmen Llorca, Josefina Aráez e Pilar Villar (Filosofía e Letras), Carmen Segura (enxeñeira industrial), Matilde Ucelay, quen pertencía ao grupo dos vencidos, e María Ontañón (arquitectas), Mercedes Maza (médica) e Carmen Werner (licenciada en pedagoxía). No texto reivindicaron a plena incorporación das mulleres ao mundo laboral, mais a organización retiraron o relatorio tachándoo de «feminista». Durante a elaboración do relatorio, Formica amais escribiu unha nova novela: Monte de Sancha, finalista do Premio Ciudad de Barcelona.
«El domicilio conyugal» En 1952 empeza a asinar artigos no diario ABC. O 7 de novembro de 1953 o director, Luis Calvo, permitiulle publicar un artigo que fora retido pola censura, «El domicilio conyugal». O escrito facía alusión ás doce coiteladas que sufriu Antonia Pernia Obrador a mans do seu esposo, suceso recollido na prensa escrita como «Mujer apuñalada por su marido». Non era a primeira discusión do matrimonio, mais ese día o marido foi máis lonxe. Ela tentara separarse, porén, o avogado advertíraa de que perdería a casa, os fillos e os bens.
O artigo desatou unha intensa polémica sobre a situación das mulleres separadas e a lexislación matrimonial vixente, que non daba opción ás mulleres. A separación significaba perderen fillos, fogar e bens. O diario ABC mesmo abriu unha enquisa entre xuristas sobre a necesidade de modificar a lexislación nestes aspectos.
De acordo cos artigos 1.880 e seguintes da Lei Procesal entón vixente, a vivenda familiar considerábase «casa do marido». A esposa que pedía a separación (culpábel ou inocente) debía abandonala para ser «depositada» nun domicilio alleo. Dito domicilio podía ser o dos pais (se os tiña), ou un convento, mais sempre baixo a tutela dun «depositario».
O 7 de decembro de 1953 a revista Time dedicoulle unha páxina. O artigo termina coa frase que seica lle escoitaron a un madrileño: «Coido que empeza un gran rebumbio. Grazas a Deus a miña muller non le os xornais».
Robert Capa, á fronte da axencia Magnum, enviou a fotógrafa austríaca Inge Morath, a primeira muller que se incorporou á axencia, a inmortalizar a Mercedes Formica para unha reportaxe, «World of women». Tamén retratou a outras tres mulleres destacadas doutros países: Frederica de Grecia, a doutora singapuriana Han Suyin e a científica estadounidense Eugenie Clark.
O 20 de decembro o semanario anarcosindicalista CNT dedica unha extensa nota que terminaba así: