Guillermo Rovirosa Albet, nado en Vilanova i la Geltrú (Barcelona) o 4 de agosto de 1897 e finado en Madrid o 27 de febreiro de 1964, foi un militante obreiro cristián español, o principal impulsor da Hermandad Obrera de Acción Católica.

Traxectoria Foi o terceiro fillo dunha familia campesiña. Tras a morte do pai, cando tiña 9 anos de idade, ingresou no colexio próximo dos Escolapios. Foi un estudante destacado das escolas de directores de Industrias Eléctricas en Barcelona. Chegada a Guerra civil española os seus compañeiros nomeárono por unanimidade presidente do consello obreiro. En consecuencia, cara ao final da contenda o xeneral Francisco Franco condenouno a 12 anos de prisión.

Durante a guerra, el e a súa muller, Caterina, víronse obrigados a refuxiarse nun soto. Nel atoparon unha chea de libros esquecidos de fomento social, o que aproveitou para afondar no chamado «apostolado obreiro».

Perante a apostasía da clase obreira que Pío XI denunciara xa en 1930, encargóuselle a Rovirosa en maio de 1946 o lanzamento da Hermandad Obrera de Acción Católica. Esta constituiría unha ponte entre a Igrexa e a clase obreira, xa que os máis dos seus primeiros militantes eran conversos provenientes do anarcosindicalismo, o comunismo e o socialismo. Pío XII sinalou as Associazioni Cristiane Lavoratori Italiani como modelo.

Dedicou a súa vida á HOAC, á que dotou do seu espírito militante. Porén, non ocupou ningún cargo orgánico e viviu do seu traballo como inventor. Percorreu España dando cursos e participando en xornadas, vivindo na pobreza.

Despois dun retiro voluntario no mosteiro de Montserrat, moitos dos seus amigos ficaron impregnados dese espírito militante e entregados a Cristo. Estes convidaron a Rovirosa a colaborar na posta en marcha da editorial ZYX, a primeira editorial de temas sociais durante o franquismo, da que será o seu presidente. O primeiro libro que editou, ¿De quién es la empresa?, é da súa autoría.

Finou en Madrid o 27 de febreiro de 1964. O 9 de maio de 2003 iniciouse a súa causa de beatificación.

Rovirosa tiña como único obxectivo a promoción de militantes cristiáns pobres. Varios dos seus amigos, impregnados da súa espiritualidade de encarnación e o seu estilo militante, puxeron en marcha o Movimiento Cultural Cristiano.

Bibliografía

Notas

Ligazóns externas

Páxina web dedicada a Rovirosa . HOAC . Movimiento Cultural Cristiano . Vídeos sobre a vida de Guillermo Rovirosa . Aula Malagón-Rovirosa, organizada polo MCC .

Categoría:Nados en Vilanova i la Geltrú Categoría:Personalidades do catolicismo de España Categoría:Nados en 1897 Categoría:Finados en 1964