Gerald Mervin Vanenburg, nado en Utrecht o 5 de marzo de 1964, é un exfutbolista neerlandés que xogaba como extremo dereito. Desenvolveu a maior parte da súa carreira entre o Ajax e o PSV, gañando 15 títulos, entre eles a Copa de Europa na tempada 1987/88. Marcou 112 goles en 372 partidos da Eredivisie. Posteriormente xogou no Xapón, en Francia e Alemaña, retirándose no 2000, despois de 20 anos como profesional.
Foi 40 veces internacional coa selección dos Países Baixos, coa que disputou o Mundial de 1990 e a Eurocopa de 1988, gañando esta última.
Traxectoria Como xogador Ajax Formouse como futbolista na canteira do Ajax e debutou co primeiro equipo na Eredivisie exactamente un mes despois do seu 17 aniversario, ante o ADO Den Haag. Rematou a súa primeira tempada con 11 partidos e tres goles e pouco despois fíxose coa titularidade, proporcionando numerosas asistencias aos dianteiros Marco van Basten e Wim Kieft. Nas tempadas 1981/82 e 1982/83 gañou dúas ligas consecutivas, sumando 30 goles entre ambas. Gañou unha terceira liga na tempada 1984/85 e deixou o club un ano despois, tras 209 partidos e 72 goles.
PSV Para a tempada 1986/87 fichou polo PSV Eindhoven. Marcou 9 goles en 34 partidos na súa primeira tempada, que concluíu coa conquista da liga. Formou parte do equipo que gañou un histórico triplete na campaña seguinte, ao conquistar a Eredivisie, a Copa dos Países Baixos e a Copa de Europa. Foi titular na final europea ante o Benfica en Stuttgart e converteu con éxito o seu lanzamento na quenda de penaltis que decidiu o título. A columna vertebral do equipo gañador do triplete estaba formada por moitos dos seus antigos compañeiros no Ajax, como Frank Arnesen, Kieft, Ronald Koeman e Søren Lerby.
Tras rexeitar un lucrativo pase á Roma, continuou cinco tempadas máis no PSV, gañando outras tres ligas e dúas Copas. Xogou un total de 259 partidos co club de Eindhoven e marcou 66 goles.
No estranxeiro Aos 29 anos deixou o seu país e puxo rumbo ao Xapón, onde fichou polo Júbilo Iwata. Na súa primeira tempada logrou o ascenso á J1 League e seguiu xogando outras dúas tempadas máis en Iwata. En 1997 xogou no FC Utrecht da súa cidade natal, rematando a liga na 12ª posición.
Posteriormente xogou no AS Cannes de Francia e no TSV 1860 Munich de Alemaña, ata a súa retirada no 2000, aos 36 anos de idade.
Selección nacional Foi 42 veces internacional coa selección dos Países Baixos, coa que debutou o 14 de abril de 1982 con só 18 anos, xogando os 90 minutos nunha vitoria por 1-0 sobre Grecia en Eindhoven. Un ano despois participou coa selección xuvenil na Copa do Mundo da categoría, celebrada en México, e foi elixido no once ideal do torneo.
Foi convocado por Rinus Michels para a Eurocopa de 1988 en Alemaña Occidental, onde foi titular en todos os partidos, incluída a final que o seu equipo gañou diante da Unión Soviética. Dous anos máis tarde foi convocado por Leo Beenhakker para o Mundial de 1990. Con todo, só disputou 45 minutos no torneo, no empate a un gol con Exipto. Xogou o seu último encontro internacional ante Polonia o 14 de outubro de 1992, en Rotterdam nun partido de clasificación para o Mundial de 1994.
Como adestrador Despois de deixar o TSV 1860 Munich regresou ao PSV, onde foi nomeado adestrador do equipo xuvenil. En 2004 dirixiu durante tres meses tamén o TSV, co que acabou descendendo dende a Bundesliga á 2. Bundesliga.
Na tempada 2006/07 pasou polo banco do Helmond Sport da Eerste Divisie, ata que foi despedido o 17 de febreiro de 2007. En 2008 adestrou outro club da mesma categoría, o FC Eindhoven.
Vida persoal É sobriño do exfutbolista e adestrador Roy Vanenburg, internacional coa selección de Suriname e considerado como un dos mellores futbolistas da historia do país caribeño.
Palmarés Ajax Eredivisie (3): 1981/82, 1982/83, 1984/85. Copa dos Países Baixos (2): 1982/83, 1985/86.
PSV Copa de Europa (1): 1987/88. Eredivisie (5): 1986/87, 1987/88, 1988/89, 1990/91, 1991/92. Copa dos Países Baixos (3): 1987/88, 1988/89, 1989/90. Supercopa dos Países Baixos (1): 1992
Países Baixos Eurocopa (1): 1988.
Individual Bota de Ouro dos Países Baixos (2): 1988, 1989.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web da FIFA . Arquivado dende o orixinal o 4 de outubro de 2015. Datos do xogador na J1 League .
Categoría:Nados en Utrecht Categoría:Nados en 1964 Categoría:Futbolistas dos Países Baixos Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do AFC Ajax Categoría:Xogadores do PSV Eindhoven Categoría:Xogadores do Júbilo Iwata Categoría:Xogadores do FC Utrecht Categoría:Xogadores do AS Cannes Categoría:Xogadores do TSV 1860 München Categoría:Xogadores da selección de fútbol dos Países Baixos Categoría:Futbolistas gañadores da Eurocopa Categoría:Adestradores de fútbol dos Países Baixos