Berta de Kent, Santa Berta ou Santa Aldeberga (c. 565 - c. 612) foi unha princesa franca da dinastía merovinxia para converterse na raíña de Kent ao casar co rei pagán Aethelberht de Kent no 580. A súa influencia levou á cristianización da Inglaterra anglosaxoa. Posteriormente foi canonizada como santa debido ao seu papel relixioso na historia inglesa.
Traxectoria Berta foi criada preto de Tours, filla do rei de París Cariberto I e da súa esposa Ingoberga. Cando casou con Aethelbert no 580 puxo como condición que se lle permitise practicar a súa relixión, polo que levou ao seu capelán, Liudhard, con ela a Inglaterra. Unha antiga igrexa romana foi restaurada para Berta nas aforas da cidade de Canterbury e dedicouna a San Martiño de Tours, sería a capela privada da raíña Berta antes de que Agostiño chegase de Roma. A actual Igrexa de San Martiño continúa no mesmo lugar, incorporando a muralla romana da igrexa orixinal no coro.
O papa Gregorio I enviou unha misión dirixida por Agostiño de Canterbury, para restaurar o cristianismo a Inglaterra en 596. A acollida favorable da misión á súa chegada en 597 debeuse na súa maioría á influencia de Berta. Sen o seu apoio e a boa vontade de Aethelberht, os asentamentos monásticos e a catedral probablemente se construíran noutro lugar. En 601, o papa Gregorio dirixiu unha carta a Berta, na que a eloxiou moito pola súa fe e coñecemento das letras.
Os rexistros anglosaxóns indican que Berta tivo dous fillos: Eadbald de Kent e Aethelburg de Kent. Ela é nomeada nas xenealoxías de varios dos relatos medievais da "Lenda Real de Kent".
A data da súa morte, posiblemente 612, está en disputa.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Igrexa de San Martiño de Canterbury Reino de Kent Dinastía Merovinxia
Categoría:Merovinxios
Categoría:Kent Categoría:Santos Categoría:Santos do catolicismo