Alastair Ian Stewart, nado en Greenock o 5 de setembro de 1945, é un cantautor e músico folk-rock escocés que se fixo famoso como parte do rexurdimento do folk británico nos anos 60 e 70. Stewart desenvolveu un estilo único combinando cancións folk-rock con contos delicadamente tecidos sobre personaxes e eventos da historia. Traxectoria

Stewart é coñecido sobre todo polo seu éxito de 1976 "Year of the Cat", do álbum co mesmo nome que foi disco de platino. Aínda que Year of the Cat e o seu seguinte traballo, o tamén disco de platino Time Passages de 1978, foron os maiores éxitos comerciais de Stewart en todo o mundo, álbums anteriores como Past, Present and Future de 1973 son normalmente considerados mellores exemplos da súa marca de folk-rock histórico íntimo, un estilo ao que regresou en posteriores traballos.

Stewart é unha figura clave na música británica e aparece en todo o folclore musical da era revivalista. Tocou no primeiro festival de Glastonbury en 1970, coñeceu a Yoko Ono antes de que coñecese a John Lennon, e compartiu piso en Londres cun novo Paul Simon, que estaba colaborando con Bruce Woodley de The Seekers. Stewart foi o anfitrión do club folk Les Cousins de Londres nos anos 60.

Stewart publicou 16 álbums de estudio e tres álbums ao vivo dende o seu traballo de estrea, Bed-Sitter Images, en 1967, e continúa xirando por América do Norte e Europa. O seu lanzamento máis recente, Uncorked, publicouse a través do propio selo de Stewart, Wallaby Trails Recordings, en 2009.

Stewart traballou con Peter White, Alan Parsons, Jimmy Page, Richard Thompson, Rick Wakeman, Francis Monkman, Tori Amos, e Tim Renwick, e máis recentemente tocou con Dave Nachmanoff e co antigo guitarrista de Wings Laurence Juber.

Notas

Categoría:Guitarristas Categoría:Nados en Greenock‎ Categoría:Nados en 1945