thumb|Son dos arrotos. O arroto é a liberación de gas a través da boca dende o tracto dixestivo (principalmente do esófago e o estómago) ao ficar atrapado durante a inxesta de alimentos. A miúdo é acompañado dun son característico.
Causas Os arrotos adoitan ser causados pola inxestión de ar ao comer ou beber e a súa posterior expulsión, nese caso o gas expulsado é principalmente unha mestura de nitróxeno e osíxeno. Os arrotos poden ser causados polo consumo de bebidas que conteñen dióxido de carbono, como a cervexa e os refrescos, nese caso o gas expulsado é principalmente dióxido de carbono. Os medicamentos para a diabetes como a metformina e a exenatida poden causar arrotos, especialmente en doses máis altas. Isto a miúdo resólvese nunhas poucas semanas. Os arrotos combinados con outros síntomas como a dispepsia, as náuseas e a acidez estomacal poden ser un signo dunha úlcera ou dunha hernia de hiato, e deben ser revisados por un médico. Outras causas de arrotos son: alerxia aos alimentos, doenzas da vesícula biliar, refluxo esofáxico, H. pylori, enfermidade de refluxo acedo e gastrite.
Os arrotos dos bebés Os bebés están particularmente suxeitos á acumulación do gas no estómago namentres se alimentan. Isto pode causar molestias considerábeis ao neno a menos que arrote. O acto de facer arrotar a un bebé implica o colocalo nunha posición conducente á expulsión do gas (por exemplo sobre o ombreiro, co estómago do lactante reclinándose sobre o peito do adulto) e acariñarlle as costas. É normal que o arroto poida ir acompañado dun pouco de regurxitación.
Arrotos de "xofre" Estes arrotos, polo xeral, adoitan producirse por un alto contido de ácido sulfúrico, sulfuro de hidróxeno ou de xofre obtido do estómago e intestinos pola proliferación de microorganismos como Helicobacter pylori, ou Giardia lamblia, entre outros, causados por mala dixestión, por consumir alimentos danados ou cun alto contido de dietas ricas de proteínas. Outras causas poden ser por prescricións médicas.
Notas
Categoría:Fluídos corporais Categoría:Aparato dixestivo Categoría:Síntomas