A Facultade de Deseño de Pontevedra é un centro educativo universitario da Universidade de Vigo, con sede en Pontevedra no centro da cidade, único no noroeste de España.
Historia O proceso para a implantación da Facultade de Deseño na cidade de Pontevedra púxose en marcha en outubro de 2020.
A Facultade de Deseño de Pontevedra creouse en 2022 polo decreto 133/2022, do 7 de xullo, no seu artigo 1. Segundo o citado decreto a facultade poderá albergar á parte do grao en deseño, outras futuras titulacións, tanto de grao como de máster, relacionadas co ámbito do deseño. Aínda que nun principio estaba previsto o comezo das clases na facultade en 2022 coa posta en marcha do grao en Deseño, aprazouse finalmente por atraso nos trámites administrativos para o curso académico 2023-2024.
A sede inicial provisional da facultade de Deseño son as plantas sexta e sétima do Edificio da Xunta de Galicia cedidas para uso da universidade no centro da cidade de Pontevedra, na rúa Benito Corbal, 47. Está prevista a construción dun edificio específico que acollerá a sede definitiva da facultade no barrio de Tafisa, na marxe esquerda do río Lérez, na beira oposta á que se atopa o campus da Xunqueira. Ata a construción do novo edificio no barrio de Tafisa, a docencia desenvolverase no edificio da rúa Benito Corbal e tamén nalgúns espazos compartidos na Facultade de Belas Artes como os talleres téxtiles.
Titulacións Grao en Deseño. É un título único no Sistema Universitario de Galicia. Contémplanse dúas orientacións, unha de deseño gráfico e dixital e outra en deseño de moda, ofrecendo unha formación transversal baseada en áreas de coñecemento relacionadas coas Belas Artes e as áreas de Comunicación Audiovisual, Informática, Historia da arte, Deseño, Socioloxía ou Didácticas Especiais.
Como estudos de posgrao a facultade acollerá o seguinte máster: Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Na actualidade o máster impártese na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e será adscrito á facultade de Deseño no curso académico 2023-2024.
Equipo decanal O decano-comisario da facultade de Deseño é Marcos Dopico Castro.
Actividades Na cidade celebráronse actividades relacionadas co deseño noutros centros universitarios do campus de Pontevedra como as relacionadas co Encontro Nacional de Deseño organizadas en outubro de 2022.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Facultade de Belas Artes de Pontevedra Facultade de Comunicación de Pontevedra
Ligazóns externas Páxina web da Facultade de Deseño de Pontevedra Master en Deseño de Moda en Pontevedra Memoria para la solicitud de verificación de títulos oficiales: Grado en Diseño
Categoría:Facultades en Pontevedra