Sylvester Stewart, nado en Denton, Texas, o 15 de marzo de 1943 e finado nos Ánxeles o 9 de xuño de 2025, máis coñecido polo seu nome artístico Sly Stone, foi un músico, compositor e produtor musical estadounidenses coñecido sobre todo como líder da banda Sly and the Family Stone, xogando un papel crítico no desenvolvemento do funk coa súa pioneira fusión de soul, rock, psicodelia e gospel nos anos 60 e 70. AllMusic dixo que "James Brown pode ter inventado o funk, pero Sly Stone perfeccionouno", e acredítao como "creador dunha serie de discos eufóricos pero politicamente cargados que demostraron unha grande influencia en artistas de todas as orixes musicais e culturais". Crawdaddy! chamouno "o fundador do soul progesivo".
Traxectoria Nado en Texas e medrado na Bay Area do norte de California, Stone dominaba varios instrumentos a curta idade e interpretaba música gospel de neno cos seus irmáns (e futuros compañeiros de banda) Freddie e Rose. A mediados dos 60 traballou tanto como produtor musical para Autumn Records como disc jockey para a emisora de radio KDIA de San Francisco. En 1966, Stone e o seu irmán Freddie uniron as súas bandas para formar Sly and the Family Stone, un grupo de xénero mixto racialmente integrado. A banda conseguiu varios temas exitosos, como "Dance to the Music" (1968), "Everyday People" (1968), "Thank You (Falettinme Be Mice Elf Agin)" (1969), "I Want to Take You Higher" (1969) "Family Affair" (1971) e "If You Want Me to Stay" (1973), e aclamados álbums como Stand! (1969), There's a Riot Goin' On (1971) e Fresh (1973).
A mediados dos 70 o abuso das drogas e o errático comportamento de Stone acabaron co grupo, sacando varios álbums en solitario pouco exitosos. En 1993 foi incluído no Rock and Roll Hall of Fame como membro do grupo. Participou nun tributo a Sly and the Family Stone nos premios Grammy de 2006, a súa primeira actuación en vivo dende 1987.
Notas
Categoría:Nados en 1943 Categoría:Nados en Texas Categoría:Finados en 2025 Categoría:Músicos dos Estados Unidos de América Categoría:Cantantes dos Estados Unidos de América