dereita|miniatura|Ponte desde a que caeu o autobús accidentado. O accidente da ponte nova de Pedre foi un accidente de autobús que se produciu entre os lugares de Vichocuntín e Pedre, no concello de Cerdedo Cotobade, na Noiteboa de 2022. Nel pereceron sete persoas e dúas quedaron feridas. Vehículo e accidente Pouco despois das 9 da noite do 24 de decembro de 2022, un autobús regular da empresa Monbus que facía o percorrido entre Lugo e Vigo pola N-541, botouse fóra da estrada logo de pasar o lugar de Vichocuntín. O vehículo caeu ao río Lérez desde unha altura de 75 metros, na ponte nova de Pedre. Era unha noite de moita choiva, con precipitacións de entre 80 e 120 litros por metro cadrado nesa zona, e o río Lérez baixaba cun caudal moi elevado.

Os servizos de emerxencia recibiron dúas chamadas: unha dunha persoa que pasara por alí, que vira a varanda da ponte rebentada pero que non atinaba a ver nada do que había abaixo, no río; outra, dunha persoa no interior do vehículo, que enviou a posición, deu unha cantidade aproximada das persoas que ía dentro, e dixo que a cabina se estaba a encher de auga.

Persoas No autobús viaxaban probablemente nove persoas: o condutor e oito pasaxeiros. O condutor e unha pasaxeira (C.M.C. e M.R.G.R., respectivamente) foron rescatados con vida nas primeiras horas e trasladadas ao hospital. Na mesma noite atopáronse dous cadáveres dentro do autobús. Á mañá seguinte, no día de Nadal, atopáronse catro persoas finadas máis, unha dentro do bus e outras tres en distintos puntos polo Lérez abaixo, mentres que unha persoa máis quedaba desaparecida.

Unha das falecidas era a veciña de Carmoega (Agolada), Mercedes Castro, que ía cear coa filla e os netos a Pontevedra.

Varios dos pasaxeiros viñan do cárcere de Monterroso de visitaren familiares pola Noiteboa. Outra pasaxeira era unha muller de nacionalidade peruana que subira uns minutos antes do accidente, en Cerdedo. Noutras fontes dise que había varios pasaxeiros de Lalín e de Nigrán.

Operacións de rescate No rescate participaron distintas brigadas de bombeiros, entre elas os bombeiros de Ribadumia e a protección civil de Cerdedo Cotobade, así como o grupo de actividades subacuáticas da Garda Civil e o grupo de rescate de montaña de Trives. A operación resultou complicada polo difícil acceso ao vehículo, por ser de noite e polo temporal que nesas horas afectaba a Galicia. Logo de rescataren os dous sobreviventes e os corpos dos tres falecidos que estaban no interior do bus, as operacións quedaron suspendidas por mor do mal tempo e o caudal do río.

Notas

Categoría:Cerdedo Cotobade Categoría:2022 Categoría:Accidentes de autobús en Galicia