Harmonia axyridis é un grande escaravello coccinélido (unha maruxiña ou xoaniña). É unha das especies máis variables do mundo en aspecto, cun excepcionalmente amplo rango de formas de cor. É nativa do leste de Asia, pero foi introducida artificialmente en Norteamérica e Europa para controlar as pragas de áfidos e de insectos cocoideos. Agora é unha especie común e espállase polas rexións en que foi introducido e mesmo se estableceu en África e en América do Sur.Ladybird Survey page "Harmonia axyridis (Pallas) in Britain" Consultado o 7 de xaneiro de 2008
Descrición
Harmonia axyridis en forma e estrutura é un coccinélido típico, cupuliforme e cunha transición "suave" entre os élitros (as ás cobertoras), o pronoto e a cabeza. Mide de 5,5–8,5 mm de longo. A forma de cor máis común é f. "succinea", que é laranxa ou vermella con de 0 a 22 puntos negros de tamaño variable. As outras formas comúns son f. "conspicua" e f. "spectabilis", que son uniformemente negras con, respectivamente, dúas ou catro puntos. O pronoto é branco cun debuxo de cor negra variable, que vai desde uns poucos puntos negros formando un M ata ser case enteiramente negro. A parte ventral é escura cun bordo ancho marrón avermellado.
Porén, rexistráronse outras numerosas formas. As formas máis extremas poden ser enteiramente negras ou presentar complexos deseños de negro, laranxa e vermello.
O gran tamaño desta especie é xeralmente a primeira pista para a súa identificación. Malia as variacións, esta especie xeralmente non se parece no seu debuxo dos élitros e pronoto a ningunha outra especie, agás nas formas sen manchas laranxas ou vermellas. En Europa é similar á moito máis pequena Adalia decempunctata, mentres que en América é similar á moito máis estreita Mulsantina picta e ás formas sen manchas de Adalia bipunctata. Cando a identificación é difícil, o debuxo da parte ventral adoita permitir chegar a unha conclusión fiable. A identificación é máis simple nas formas comúns, mentres que as formas non comúns costa máis traballo identificalas. Sempre teñen patas marróns avermelladas e son claramente marróns na parte ventral do abdome, mesmo se se trata de formas de cor melánica.
Distribución 240px|miniatura|Espécime típico de H. axyridis no norte de California É nativa do leste de Asia desde o centro de Siberia, Kazakhstán e Uzbekistán no oeste, a través de Rusia ata o sur dos Himalaias e polo leste ata as costas do Pacífico e do Xapón, incluíndo Corea, Mongolia, China e Taiwán. Como é un voraz depredador, foi identificado como un bo axente de biocontrol para os áfidos e cocoideos. En consecuencia, foi introducido en invernadoiros, campos agrícolas e xardíns en moitos países, como nos Estados Unidos de América e partes de Europa. Agora está establecida en América do Norte (EUA, Canadá, México), América Central (Guatemala, Honduras, Costa Rica, Panamá), América do Sur (Brasil, Venezuela, Colombia, Ecuador, Perú, Arxentina, Chile), Europa (Italia, España, o Reino Unido, Dinamarca, Suecia, Noruega, Finlandia, os Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo, Francia, Alemaña, a República Checa, Eslovaquia, Hungría, Romanía, Serbia, Croacia, Bosnia e Hercegovina, Polonia), así como en Israel e Suráfrica.
Propagación por todo o mundo
As rutas de propagación mundiais de H. axyridis describíronse utilizando marcadores xenéticos en 2010. As poboacións do leste e oeste de América do Norte orixináronse a partir de dúas introducións independentes desde a súa área nativa. As poboacións de América do Sur e África orixináronse independentemente das do leste de América do Norte. A poboación europea orixinouse a partir da do leste de América do Norte, pero cunha substancial mestura xenética con individuos das cepas europeas de biocontrol (estimada nun 40%).
Esta especie considérase un dos insectos do mundo máis invasores, en parte debido á súa tendencia a pasar o inverno dentro das casas e polo cheiro desagradable e manchas que deixan os fluídos corporais que solta cando está asustada ou é esmagada, así como pola súa tendencia a morder aos seres humanos. En Europa actualmente está aumentando en detrimento das especies indíxenas, o seu voraz apetito permítelle competir con éxito e mesmo comer ela a outras maruxiñas. Tamén é moi resistente a doenzas que afectan outras maruxiñas e transporta un microsporidio parasito ao cal ela é inmune, pero que si pode infectar e matar outras especies. As especies de maruxiñas nativas experimentaron drásticos declives na súa abundancia en áreas invadidas por H. axyridis. Por exemplo, en 2015, foi declarada a especie invasora que se estende máis rápido no Reino Unido, espallándose velozmente polo país desde o seu primeiro avistamento confirmado en 2004.
Ademais do seu status como praga doméstica, foi rexistrada como unha praga agrícola menor que se recolle inadvertidamente xunto coas colleitas en Iowa, Ohio, estado de Nova York e Ontario. Isto pode causar unha contaminación visible e sensorial. A contaminación de uvas con esta maruxiña altera o sabor do viño.
Bioloxía e comportamento
Harmonia axyridis queda en estado dormente nos meses máis fríos, aínda que se move sempre que a temperatura chega a 10 °C. Como os escaravellos usan as gretas e outros espazos confinados fríos e secos para pasaren o inverno, poden agregarse un número significativo deles dentro das paredes se teñen unha abertura grande dabondo.
A miúdo poden verse grandes agregacións en outono. Os escaravellos teñen feromonas para enviarse sinais. Porén, moitos sinais para a agregación son visuais, escollendo sitios tanto a distancias longas (estruturas de cores claras que salientan dos seus arredores) coma curtas (agregacións preexistentes ás que xuntarse). Na selección do sitio tamén exercen un significativo papel os hidrocarburos de cadea longa non volátiles deixados por previas agregacións. Tanto as pistas visuais coma as dos hidrocarburos son máis importantes que as feromonas volátiles.
A miúdo congréganse en áreas solleiras porque alí vai máis calor, e mesmo en días de inverno bastante fríos algúns dos individuos hibernantes poden "espertar" pola calor da luz solar. As poboacións grandes poden ser problemáticas porque poden formar enxames e permanecer nunha área durante longo tempo. Poden formar grupos nos ángulos superiores das fiestras. Tamén se senten atraídos por pantallas escuras debido á calidez deses materiais. Teñen boa vista; tornan ao lugar de onde foron retiradas e dan pequenas trabadas se son molestadas.
Harmonia axyridis, igual que outras maruxiñas, usan a isopropil metoxi pirazina como un composto químico defensivo para disuadir a predación e ademais levan esa substancia na súa hemolinfa en maiores concentracións que a observada en moitas outras especies de maruxiñas, xunto con outros compostos específicos de especie ou de xénero, como a harmonina. Estes insectos realizan un "sangrado reflexo" cando están axitados, liberando parte da hemolinfa polas patas. O líquido ten un mal cheiro (similar ao das follas mortas), un sabor amargo e pode manchar materiais porosos. Algunhas persoas teñen reaccións alérxicas, como rinoconxuntivites alérxicas cando se expoñen a estes escaravellos. Ocasionalmente, os escaravellos morden aos seres humanos, presumiblemente nun intento de conseguir sal, aínda que moita xente sente unha sensación de punción cando o escaravello camiña sobre a pel. As trabadas normalmente o único dano que fan é algo de irritación, aínda que un pequeno número de persoas son alérxicas ás mordedelas. Entre os seus depredadores naturais están: aves, o hemíptero Podisus maculiventris, formigas (incluíndo a invasora Solenopsis invicta) e outros coccinélidos, incluíndo outros individuos da súa propia especie.
Estes escaravellos poden ser difíciles de identificar debido ás variacións en cor e no tamaño e número das manchas nos élitros que presentan. A maneira máis doada de identificar a H. axyridis f. succinea é mirar se as marcas do pronoto forman unha figura de "W" ou de "M"; a forma de "M" é característica de H. axyridis. Esta especie ten máis marcas brancas no pronoto que a maioría das especies nativas de Norteamérica, aínda que esta característica non é útil cando hai que distinguila doutras especies doutras partes do mundo.
Control Investigáronse numerosos métodos de control en áreas onde foi introducido e supón unha ameaza para as especies nativas, a biodiversidade e para a industria da viticultura. Os métodos de control inclúen o uso de insecticidas, trampas, retirada dos agregados destes escaravellos e prevención mecánica da súa entrada en edificios. Os métodos en desenvolvemento implican a investigación de parasitos naturais e patóxenos, incluíndo o uso de ácaros transmitidos sexualmente e enfermidades fúnxicas.
Os mellores métodos para loitar contra ela nos fogares son selar as aberturas por onde poidan entrar. Varrer e aspirar o po considéranse tamén métodos efectivos para retiralas das casas, aínda que se debe facer con coidado para non desencadear o chamado sangrado reflexo. Unha media de nailon situada dentro da manga da aspiradora, suxeitado cunha goma elástica, permite que o escaravello sexa "embolsado" en vez de recollido no depósito da máquina. Desenvolveuse unha trampa para uso dentro das casas que atrae escaravellos cunha luz e os sela nunha bolsa desbotable, pero non funciona especialmente ben con H. axyridis porque non se sente moi atraída pola luz.
Bioquímica Harmonia axyridis segrega varios compostos defensivos, un dos cales é o (9Z,17R)-9-octadeceno-1,17-diamina (harmonina), que foi illado da súa hemolinfa. Esta molécula ten unha actividade antimicrobiana de amplo espectro que inclúe patóxenos humanos. A actividade antibacteriana é máis pronunciada contra as micobacterias de rápido crecemento e Mycobacterium tuberculosis, e tamén inhibe o crecemento das cepas do Plasmodium falciparum resistentes á cloroquina.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Ampla revisión da literatura sobre este animal FAQ sobre H. axyridis H. axyridis, Universidade de Florida / Instituto de Ciencias Agrícolas e Alimentarias - Featured Creatures
Categoría:Cucujiformia Categoría:Animais descritos en 1773