Cetonia aurata é unha especie de escaravello da familia dos escarabeidos de 20 mm de longo, que ten unha coloración estrutural metálica verde e un escutelo cunha distintiva forma de V. O escutelo é a pequena área con forma de V entre os élitros; pode mostrar varias liñas e marcas brancas pequenas e irregulares. A parte ventral do animal ten unha cor de cobre e a parte dorsal é ás veces de cor de bronce, cobre, violeta, azul/negra ou cincenta.
Cetonia aurata non debería confundirse coa especie norteamericana Macrodactylus subspinosus nin coa escasa Gnorimus nobilis, que é moi similar. Un xeito de identificar a Cetonia aurata é ver o seu escutelo; que en G. nobilis é un triángulo equilátero, pero en C. aurata é un triángulo isóscele.
Características
C. aurata pode voar velozmente cos seus élitros baixados. Aliméntase de pole, néctar e flores, especialmente rosas. Poden encontrarse entre rosas nos días solleiros cálidos de maio a xuño ou xullo e ocasionalmente ata setembro. Encóntranse en Europa central e meridional e na parte sur do Reino Unido, onde ás veces parecen estar moi localizadas. Poden tamén encontrarse no sueste de Asia, no campo e nas illas periféricas fronte a Hong Kong. Son especies saprófagas beneficiosas (detritívoras).
Ciclo vital
As larvas teñen forma de C e teñen un corpo peludo, enrugado e firme, unha cabeza pequena e patas moi pequenas. As larvas pasan o inverno onde se alimentaron, que pode ser en compost, esterco, follas caídas descompostas por fungos ou madeira podre. Crecen moi rapidamente e mudan dúas veces antes do fin do outono. Teñen un ciclo vital de dous anos. Pupan de xuño a xullo. Algúns adultos poden saír da pupa en outono, pero a principal saída prodúcese en primavera, cando os escaravellos se aparean. Despois de aparearse as femias poñen ovos en materia orgánica en descomposición e despois morren.
Coloración
A coloración verde metálica do escaravello créase estruturalmente, causada pola reflexión principalmente de luz polarizada circularmente; como noutros escarabeidos esta é unha luz polarizada circularmente á esquerda. Cando se ve través dun polarizador circular dereito, o escaravello parece ser incoloro. Hai tamén diferentes cores ademais do verde común; hai tamén cor de cobre, gris e negro. Moitos espécimes teñen manchas brancas mentres que algúns teñen poucas ou ningunhas. Foi descrita como un polarizador elíptico de banda estreita cara á esquerda.Chirality-induced polarization effects in the cuticle of scarab beetles: 100 years after Michelson. 2012
Galería
Notas
Ligazóns externas
Photos of Cetonia aurata Photos of Cetonia aurata e outras especies de escaravellos Cetonia. Rose chafer Cetonia aurata, fotos do seus ciclo vital. Cor de Cetonia aurata en lentes de película 3D, vídeo de YouTube de 23 segundos que demostra a dependencia da orientación da luz da cor brillante do escaravello.
Categoría:Scarabaeiformia Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné