Máximo Francisco Repilado Muñoz, nado en Siboney, Santiago de Cuba, o 18 de novembro de 1907 e finado na Habana o 14 de xullo de 2003, coñecido artisticamente como Compay Segundo, foi un músico e compositor cubano cunha ampla traxectoria mundial.

Converteuse nun compositor e intérprete moi coñecido. Comezou a tocar a guitarra, o tres cubano, o clarinete e o bongó. Tamén tocou a conga ou tumbadora.

Foi o creador da melodía Chan-chan, e inventor do armónico, un híbrido de sete cordas entre a guitarra española e o tres cubano. Este instrumento tenta imitar o timbre do tres engadindo unha corda de oitava na terceira corda (sol). A súa afinación é a mesma que a da guitarra. Primeira corda mi, segunda si, terceira sol (corda de dobre oitava) e re, la, mi, afinadas unha oitava por riba da afinación propia da guitarra.

Traxectoria Nado nunha humilde familia labrega, comezou a traballar moi novo, o que non lle impediu aprender a tocar a guitarra e o tres cubano de oído. Cando o seu pai foi despedido do ferrocarril no que traballaba, trasladouse coa súa familia a Santiago, capital da provincia, e aínda que comezou a traballar como barbeiro, sabía xa daquela que o seu futuro ía cara á música. Con outros rapaces da cidade fundou o sexteto Los Seis Ases, e sendo aínda pequeno comezou a tocar o clarinete, que lle comprou ao seu dono liando tabaco na súa propiedade.

Comezou a súa carreira musical moi novo cando compuxo as súas primeiras cancións e nos anos trinta formou parte de diversas agrupacións artísticas de Santiago como o Cuarteto Trobadores Orientales e o Cuarteto Hatuey. Tamén foi vocalista do conxunto de Miguel Matamoros.

En 1948, Repilado, como segunda voz e tocador de tres, fundou o dúo Los Compadres con Lorenzo Hierrezuelo. Lorenzo, como primeiro vocal, chamábase Compay Primo e Repilado, como fixo a segunda voz, adoptou o alcume de Compay Segundo. Los Compadres constituíron un fenómeno de popularidade que se prolongou até 1955 cando Reinaldo Hierrezuelo, irmán de Lorenzo, substituíu a Compay Segundo que á súa vez formou un novo grupo ao que bautizou como 'Compay Segundo y sus muchachos'.

Gañou fama internacional en 1997 coa súa participación no álbum Buena Vista Social Club, que gañou varios premios Grammy, e coa súa aparición na película homónima dirixida por Wim Wenders. En 1998 tocou no Teatro Olympia de París, e en abril de 2002, compartiu o escenario do Palais des congrès de Paris, co tamén destacado soneiro Adalberto Álvarez nun concerto homenaxe á contribución sonora de Cuba no 20 aniversario da fundación de Radio Latina.

Nos últimos anos, actuou ante millóns de espectadores e gravou nove álbums.

Colaborou con Carlos Núñez gravando e tocando en directo "Para Vigo me voy" de Ernesto Lecuona.

Non puido cumprir o seu soño de chegar á idade alcanzada pola súa avoa, que era escrava e morreu libre aos 106 anos. Morreu na Habana por mor dunha insuficiencia renal aos 95 anos. O seu conxunto, conservando o seu nome como conxunto Compay Segundo, continuou facendo concertos e en 2019 visitaron Ribadeo participando no festival Ribadeo Indiano.

Discografía

1942-1955 "Sentimiento Guajiro" "Cantando en el Llano" "Compay Segundo y Compay Primo" "Mi Son Oriental" "Los Reyes del Son" "Los Compadres"

1956-1995 "Balcón De Santiago" "Balcón De Santiago (Reedición)" "Saludo, Compay"

1996-2002 "Cien Años de Son" (1996) "Yo Vengo Aqui" (1996) "Son del Monte" (1996) "Musique Traditionelle Cubaine" (1997) "Buena Vista Social Club" (1997) "Antología" (1997) "Lo Mejor de la Vida" (1998) "Calle Salud" (1999) "Yo Soy Del Norte" (2000) "Las Flores de la Vida" (2000) "Antología" (2001) "Duets" (2002)

2007 "Cien Años. 100th Birthday Celebration" (3CD+DVD)

Galería

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Biografía e fotos de Compay Segundo en lahuellasonora.com Arquivado Buena Vista Social Compay Segundo en YouTube

Categoría:Nados en 1907 Categoría:Finados en 2003 Categoría:Nados en Santiago de Cuba Categoría:Premio Ondas Categoría:Compositores de Cuba Categoría:Músicos de Cuba