Augusto José Ramón Pinochet Ugarte, nado en Valparaíso o 25 de novembro de 1915 e finado en Santiago de Chile o 10 de decembro de 2006, foi un militar e ditador chileno.

Foi gobernante de Chile entre 1973 e 1990, logo de dar un golpe de Estado que derrocou o goberno de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973, primeiro baixo o cargo de Presidente da Xunta Militar de Goberno (1973-1981), ao que sumou o título de Xefe Supremo da Nación o 27 de xuño de 1974, que lle confería o poder executivo, e que logo substituíu o 16 de decembro dese mesmo ano polo de Presidente da República. Desde 1981 asumiu o cargo de Presidente baixo a Constitución de 1980. Exerceu estes cargos en calidade de ditador, conservando ademais o de comandante en xefe do exército chileno desde 1973 ata o 10 de marzo de 1998.

Traxectoria Carreira militar Fillo de Augusto Pinochet Vera e Avelina Ugarte Martínez, realizou os seus estudos na súa cidade natal, Valparaíso, primeiro no Seminario San Rafael, logo no Instituto Rafael Ariztía de Quillota, no Colexio dos Sagrados Corazóns de Valparaíso e finalmente na Escola Militar do Libertador Bernardo O'Higgins. Non lle foi sinxelo ingresar nesta institución pois rexeitárono dúas veces; a primeira pola súa curta idade e a segunda por non cumprir cos requisitos mínimos. Malia non ter devanceiros militares, a súa vocación levouno a optar por terceira vez, onde foi finalmente admitido e ingresou o 11 de marzo de 1933. Tiña 17 anos.

No decurso da súa carreira tivo diferentes destinos. Como alférez estivo en Concepción, e de capitán, foi destinado a Iquique por un período prolongado, durante o que estivo a cargo do campo de detención de Pisagua na época de vixencia da Lei de Defensa Permanente da Democracia. Viaxou a Ecuador nunha misión militar que tiña por obxectivo organizar a Academia de Guerra daquel país. Ao volver a Chile, logo de tres anos de permanencia, Ecuador entregoulles ao maior Pinochet e aos demais integrantes da misión a condecoración Abdón Calderón.

Tras unha destacada carreira na Infantaría, acadou o grao de xeneral de brigada e exerceu como comandante en xefe da Sexta División. En 1970 foi ascendido a xeneral de división.

O golpe de estado Pinochet, Prats e Allende Tralo asasinato do comandante René Schneider por sectores vinculados á CIA estadounidense, o xeneral Carlos Prats foi designado comandante en xefe do Exército. Con Carlos Prats, Pinochet chegaría a establecer unha relación moi próxima. Prats considerábao un soldado cento por cento, apolítico e profesional, polo que foi un dos seus máis próximos colaboradores, senón o seu segundo.

A raíz do goberno de Unidad Popular, recibido cunha férrea oposición, produciuse unha extrema polarización política da sociedade chilena. En 1973. Prats apoiaba a legalidade constitucional, e polo tanto sostiña o goberno de Salvador Allende. Pero esa opinión non era compartida por moitos militares, e o 29 de xuño produciuse o chamado «tanquetazo», protagonizado polo Rexemento Blindado N° 2, ao mando do coronel Roberto Souper. Este intento de sublevación foi sufocado por Prats e polos seus xenerais máis próximos, Pickering, Sepúlveda e Pinochet.

O 21 de agosto produciuse unha manifestación de mulleres de xenerais diante da casa do xeneral Prats, á que se sumaron tamén varios oficiais de civil. Aldraxaron e acantazaron a Prats, e aínda que os carabineiros disolveron a manifestación, esta volveuse a organizar. Cando chegaron ao lugar Pinochet, Allende e os seus ministros, todos foron abucharados. Desilusionado, Prats pediu, primeiro por intermedio de Pinochet e logo directamente, que os xenerais reafirmasen a súa lealdade a el; como só uns poucos o fixeron, renunciou á comandancia en xefe e recomendou para a súa sucesión a Pinochet, decisión que foi aceptada por Allende.

Para daquela, a polarización do país en partidarios e opositores do goberno de Unidad Popular era máxima, e a Cámara de Deputados declarou a «grave creba da orde constitucional e legal da República» o 22 de agosto de 1973. Ao día seguinte, Allende, Prats e Pinochet xuntáronse no Palacio de la Moneda da que Pinochet saíu nomeado comandante en xefe.

A preparación do golpe

Para esa data, varios membros das Forzas Armadas preparaban un golpe de Estado. Os líderes do movemento eran o comandante da Forza Aérea Gustavo Leigh e o vicealmirante José Toribio Merino, este último amigo da infancia de Pinochet. Ademais probablemente contaban co apoio exterior da CIA e do goberno estadounidense de Richard Nixon. O 7 de setembro os xenerais fixaron a data do golpe para o 11 de setembro ás 6:30 en Valparaíso (8:30 no resto do país). Ao día seguinte o xeneral Arellano foi falar con Pinochet, quen ao decatarse da situación manifestou o seu descontento co Goberno, pero decidiu non apoiar o golpe.

A mañá do 9 de setembro Allende reuniuse co comandante en xefe e con outros xenerais. Alí explicoulles que pretendía anunciar un plebiscito para saír da situación. Foi a última vez que se viron os dous protagonistas do golpe. Ese mesmo día, Pinochet reuniuse con Leigh, o contraalmirante Sergio Huidobro e o capitán de navío Ariel González para recadar a posición do exército. Finalmente, o nun principio vacilante Pinochet sumouse ao complot.

O 11 de setembro O día 10 Pinochet mandou a muller e mais os fillos máis pequenos a Río Blanco, nos Andes. Ao día seguinte Pinochet chegou ás 7:40 ao mando de telecomunicacións do Exército, onde se mantivo durante o resto do golpe. Alí organizáronse as redes de comunicación cos distintos elementos insurxentes, especialmente con Leigh, que se atopa na Academia de Guerra Aérea, e con Patricio Carvajal, que foi o coordinador de todo o golpe.

Durante o acontecemento, Pinochet mantívose en contacto por radio con Carvajal. Tanto Leigh como Carvajal pretendían prender a Allende, pero a intención de Pinochet era desterralo de inmediato. Non aceptou adiamentos, agás o do bombardeo da Moneda para sacar as mulleres, en contra do que desexaba Leigh. Tras horas de enfrontamentos e bombardeos, a Moneda foi finalmente ocupada polo Exército. No seu interior, Allende suicidouse co fusil AK-47 que lle regalara Fidel Castro. Ás seis da tarde, os comandantes en xefe das Forzas Armadas e de Orde reuníronse por primeira vez na Escola Miltar para realizar o xuramento que deu inicio a 17 anos de réxime ditatorial militar.

Ditadura

Pinochet asumiu o poder, na súa calidade de presidente da Xunta Militar de Goberno (formada por el mesmo en calidade de comandante en xefe do Exército; polo almirante José Toribio Merino, comandante en xefe da Armada; polo xeneral Gustavo Leigh, comandante en xefe da Forza Aérea e polo director xeral de Carabineros César Mendoza). A partir de ordes ditadas a través de cadea nacional de radio e televisión prohibiu os partidos políticos, disolveu o Congreso, restrinxiu os dereitos civís e políticos e ordenou a detención dos máximos líderes da Unidad Popular, declarándoa ilegal. Pinochet foi nomeado presidente da República polos demais integrantes da Xunta de Goberno o 17 de decembro de 1974. A diferenza da maior parte dos estados latinoamericanos, antes do golpe de 1973 Chile tivera unha longa tradición democrática. As intervencións militares en asuntos políticos foran moi escasas (por exemplo, o chamado «ruído de sabres» de 1924).

A violencia política A violencia foi unha constante durante o goberno de Pinochet. Admirador do ditador español Francisco Franco (a quen lle foi ao enterro en novembro de 1975), cando acadou o poder, os partidarios do goberno derrocado foron brutalmente perseguidos como inimigos do Estado. Fixéronse xeneralizadas as torturas, as detencións, os asasinatos, as desaparicións ou o exilio de quen se involucrara co goberno anterior. A Comisión de verdade e Reconciliación, (coñecida tamén como Comisión Rettig) mencionou 2.095 mortos e 1.102 «detidos desaparecidos». A tortura foi tamén unha ferramenta común usada para combater os non partidarios do novo goberno, como queda consignado no Informe Valech sobre Prisión Política e Tortura (2005). Centos de milleiros de chilenos abandonaron o país para escapar do réxime. En 1994 aínda permanecían no exterior unhas 700.000 persoas segundo a Oficina Nacional do Retorno.

A policía secreta, a Dirección de Intelixencia Nacional (DINA) (1974-77), foi outra das ferramentas da ditadura. Foron asasinados o xeneral Prats o 30 de setembro de 1974 en Buenos Aires e o ministro de Relacións Exteriores do goberno de Allende Orlando Letelier, o 21 de setembro de 1976 en Washington, acedando as relacións co presidente estadounidense Jimmy Carter. Tamén se organizou a coñecida como Operación Cóndor, un plan para a cooperación mutua entre organismos de espionaxe de diferentes ditaduras militares de Latinoamérica, para desta forma continuar a persecución e o asasinato de exiliados na Arxentina e Paraguai.

En 1977, a DINA foi disolta e creouse a Central Nacional de Intelixencia (CNI), coas mesmas funcións. O seu primeiro director foi o xeneral Odlanier Mena. A CNI como organismo represivo foi notoriamente menos violento, aínda cando axentes seus figuran involucrados en casos emblemáticos, como o asasinato do líder sindical, e presidente da ANEF (Asociación Nacional de Empregados Fiscais), Tucapel Jiménez, en 1982.

O 11 de maio de 1983, a Confederación de Traballadores do Cobre (CTC) organizou a primeira protesta nacional, e o 22 de agosto argallouse a primeira fronte de oposición multipartidista que englobaba a todo o arco político moderado, e que se chamou a Alianza Democrática. En 1985 a oposición democrática adoptou o Acordo Nacional para a Transición da Plena Democracia.

En setembro de 1986 Pinochet foi vítima dun frustrado intento de asasinato, adxudicado á Fronte Patriótica Manuel Rodríguez (FPMR), ideoloxicamente ligado ao proscrito Partido Comunista de Chile. Pinochet só sufriu feridas leves, pero faleceron cinco gardacostas e catro resultaron gravemente feridos. O paradoiro dos supostos implicados no acto é, ata hoxe, descoñecido, aínda que se presume que emigraron a Arxentina como turistas. En represalia, as forzas de seguridade asasinaron a 4 opositores esa mesma madrugada. A resposta do Goberno concluíu coa chamada «operación Albania» (tamén coñecida como a «matanza de Corpus Christi»), en 1987, onde foron asasinados 12 membros do FPMR.

O liberalismo económico

A política económica do goberno de Allende, que se dirixía cara a unha planificación central, procuraba a nacionalización da propiedade de moitas compañías chave, especialmente as mineiras, de capital estadounidense. A resposta do goberno de Pinochet foi promover o desenvolvemento dun mercado menos protexido, segundo as súas propias palabras «para facer a Chile non unha nación de proletarios, senón unha nación de empresarios».