Silvia Aguete Outón, nada en Pontevedra o 11 de xaneiro de 1987, é unha xogadora fútbol sala galega, que xoga de porteira no Marín Futsal da Primeira División. Considerada como unha das mellores xogadoras da súa xeración, desenvolveu toda a súa carreira en Galicia, principalmente no Poio Pescamar. Foi elixida mellor porteira do mundo en 2019, así como segunda mellor gardameta en 2018 e 2021. Na tempada 2017/18 recibiu o premio á mellor porteira da Primeira División.
Internacional coa selección española dende 2013, conquistou con esta as tres primeiras Eurocopas da historia, sendo titular nas tres finais.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol sala aos sete anos, no equipo dunha asociación contra o cancro. Máis tarde pasou ao Queiroga, equipo de Pontevedra que acabou por fusionarse coa sección feminina do Leis. Militou no Leis ata 2013 e as súas grandes actuacións valéronlle a súa fichaxe por un club da máxima categoría, o Poio Pescamar.
No Poio xogou dúas tempadas, ambas na Primeira División, sendo a gardameta titular do equipo. Na tempada 2015/16, aparcou temporalmente a súa carreira como futbolista profesional para rematar os seus estudos universitarios. Durante ese tempo xogou no modesto club O Pirata FS Moaña da Liga Galega, ao que se incorporou tamén a súa compañeira no Poio Lucía Souto. O equipo de Moaña, creado só un ano antes, superou todas as expectativas e conseguiu o ascenso á Segunda División nacional.
Para a campaña 2016/17 regresou ao Poio Pescamar, no que xogou durante os seguintes cinco anos, rematando sempre a liga entre os sete primeiros clasificados. Vestindo a camiseta do club poiense, foi elixida mellor porteira do mundo en 2019 nos Futsal Awards, despois de ser segunda o ano anterior.
En xullo de 2021, despois de desvencellarse do Poio, converteuse na primeira fichaxe que realizaba o Marín Futsal para afrontar o seu debut na Primeira División. Durante a súa primeira campaña conseguiu o oitavo posto na liga, ao tempo que preparaba as oposicións a funcionaria de prisións. Ademais, foi elixida de novo como segunda mellor porteira do mundo nos Futsal Awards correspondentes ao 2021.
Selección nacional Debutou coa selección española en novembro de 2013, nun partido amigable contra Portugal. En 2014 participou no Campionato do Mundo celebrado en Costa Rica, onde logrou o terceiro posto. En 2018 xogou a fase de clasificación para a primeira Eurocopa da historia, e en 2019 participou na fase final do propio torneo, que se disputou na vila portuguesa de Gondomar. Alí foi titular na final ante a selección anfitrioa e proclamouse campioa de Europa despois de gañar por 4-0.
Volveu ser a porteira titular de España na Eurocopa de 2022, onde tivo unha destacada actuación na final. Despois de deter dous dobres penaltis na prórroga, o partido foi á quenda de penaltis e Silvia Aguete foi decisiva ao deter os lanzamentos de Ana Azevedo (mellor xogadora do torneo) e Ana Pires, dándolle así a España o seu segundo título. Un ano despois celebrouse en Debrecen a terceira edición da Eurocopa, e a selección española, de novo con Silvia na portería, confirmou o seu absoluto dominio do fútbol sala europeo, gañando o título na final ante Ucraína.
Estatísticas ClubDiv.TempadaLigaCopasnacionaisTorneosinternacionais(2)Total(3)Part.GolesPart.GolesPart.GolesPart.Goles Leis Pontevedra2.ª - - - - - - - - - - ----Total club---------------- Poio Pescamar FS1.ª2013-1427010 - - - - - - - -270102014-1528210 - - - - - - - -28210Total club55220--------55220 Pirata O Moaña2.ª2015-16 - - - - - - - - - - -----Total club---------------- Poio Pescamar FS1.ª2016-17281201000 - - - -291202017-18260001000 - - - -270002018-19242101000 - - - -252102019-20110003000 - - - -140002020-2180012000 - - - -10001Total club973318000----105331 Marín Futsal1.ª2021-22252003000 - - - -28200Total club252003000----28200Total carrera17775111000----188751(1) Inclúe datos da Copa de España / Supercopa de España. (2) Inclúe datos de Campionato de Europa de Clubs. (3) Non Inclúe datos de partidos amigables.
Palmarés Selección española Eurocopa (3): 2019, 2022, 2023.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Entrevista en Canal Rías Baixas.
Categoría:Nados en 1987 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Xogadores de fútbol sala de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes