Cristina Martínez Gutiérrez, nada en Astorga o 26 de xuño de 1993, é unha exfutbolista española, que xogaba como lateral dereita. Desenvolveu case toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, militando na sección feminina do club galego dende a súa recuperación en 2016 ata 2026. Foi capitá do equipo e é a xogadora con máis partidos da súa historia (222).

Traxectoria Nada no barrio astorgano de Puerta Rey, comezou a xogar ao fútbol aos 11 anos no equipo mixto do seu colexio. A continuación xogou durante seis anos no Santa Ana, equipo astorgano do que era a capitá e a xogadora máis destacada.

En 2016, con 23 anos, recibiu unha chamada para realizar unha proba na nova sección feminina do Deportivo da Coruña, recuperada tras case tres décadas de ausencia. Foi do agrado do adestrador Manu Sánchez, que a recolocou da dianteira ao lateral dereito, posición na que nunca xogara. Foi titular no histórico primeiro partido oficial da historia do equipo, fronte ao Oviedo Moderno en Ponte dos Brozos, e nos seguintes anos converteuse nunha peza fundamental do club.

Participou do primeiro ascenso á Primeira División en 2019 e na seguinte campaña foi unha das mellores laterais da máxima categoría. Capitaneou o Deportivo dende 2021 e superou os 117 partidos de Gaby coa camiseta branquiazul, converténdose na xogadora con máis partidos da historia do equipo. Na tempada 2023/24 liderou o equipo nun novo ascenso á máxima categoría despois de tres anos na segunda división.

En abril de 2025 anunciou o seu embarazo, deixando así o fútbol durante un tempo. A finais de outubro deu a luz ao seu primeiro fillo, Nicolás. Tras ser nai tiña a intención de regresar ao fútbol, pero despois dun tempo de preparación anunciou a súa retirada en maio de 2026. Disputou o seu 222º e último partido na penúltima xornada de liga ante o Espanyol en Riazor.

Palmarés Deportivo da Coruña Segunda División (1): 2018/19.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos da xogadora no sitio web oficial do Deportivo da Coruña Datos da xogadora en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados en Astorga Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes