O metoxiclor (methoxychlor) é un insecticida organoclorado, actualmente obsoleto e prohibido na Unión Europea.

Uso

O metoxiclor foi utilizado para protexer cultivos agrícolas, ornamentais, gando e animais de compañía contra as pulgas, mosquitos, cascudas e outros insectos. Pretendíase que fose un substituto do DDT, pero anos despois foi prohibido para o seu uso como pesticida debido á súa aguda toxicidade, bioacumulación e actividade de perturbador endócrino.

A cantidade de metoxiclor atopado no medio ambiente cambia estacionalmente debido ao seu uso en granxas e forestal. Non se disolve doadamente en auga, polo que se mestura cun fluído baseado no petróleo e aplícase en spray ou utilízase en forma de po. O metoxiclor en spray deposítase no chan ou en ecosistemas acuáticos, onde pode detectarse nos sedimentos. A súa degradación pode tardar moitos meses. Os organismos vivos inxiren e absorben o metoxiclor e este acumúlase na cadea trófica. Algúns metabolitos seus poden ter efectos non desexados.

Prohibición

O uso do metoxiclor como pesticida foi prohibido na Unión Europea en 2002 e nos Estados Unidos en 2003.

Exposición humana

A exposición humana ao metoxiclor ocorre polo aire, solo e auga,, consultado o 08-22-2008 principalmente en persoas que traballan coa substancia ou son expostas a aire, solo ou auga contaminada. Non se sabe o rápida e eficientemente que esta substancia se absorbe polo corpo humano exposto a el polo aire contaminado ou por contacto coa pel. En modelos animais, altas doses deste produto poden orixinar neurotoxicidade. Algúns metabolitos do metoxiclor teñen efectos estroxénicos en animais adultos e en desenvolvemento antes do nacemento. Un metabolito estudado é o 2,2-bis(p-hidroxifenil)-1,1,1-tricloroetano (HPTE), que mostra unha toxicidade reprodutiva en modelos animais ao reducir a biosíntese de testosterona. Tales efectos afectan adversamente aos sistemas reprodutores de machos e femias. Pénsase que isto tamén "podería ocorrer en humanos" pero non foi probado. Aínda que un estudo ligou o metoxicloro co desenvolvemento de leucemia en humanos, a maioría dos estudos en animais e humanos foron negativos, polo que organismos como a EPA estadounidense determinaron que non é clasificable como carcinóxeno. A EPA indica que os niveis por riba do Nivel Contaminante Máximo de 40 ppb "causan" depresión do sistema nervioso central, diarrea, danos ao fígado, riles e corazón e (cunha exposición crónica) retardo no crecemento.

Disponse de pouca información sobre os seus efectos sobre o embarazo humano e os nenos, pero asúmese polos estudos feitos en animais que o metoxiclor cruza a placenta, e foi detectado no leite humano.

A contaminación dos alimentos pode ocorrer a baixos niveis e recoméndase lavar todos os alimentos. Varios lugares con lixo perigoso sábese que conteñen metoxiclor.

Os límites de residuos de pesticida máximos na Unión Europea están establecidos en 0,01 mg/kg nas laranxas e 0,01 mg/kg nas mazás.

Etiquetado A EPA clasifica o metoxiclor como "un composto químico persistente, bioacumulativo e tóxico (PBT) polo programa da EPA Toxics Release Inventory (TRI)", e, por tanto, é un composto con prioridade para a súa minimización no lixo.

Nomes comerciais utilizados foron: Chemform, Maralate, Methoxo, Methoxcide, Metox e Moxie.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Xenoestróxeno

Ligazóns externas CDC Report NIOSH Pocket Guide to Chemical Hazards EPA Report Extoxnet Pubertal Toxicity Study, 2003

Categoría:Perturbadores endócrinos Categoría:Insecticidas Categoría:Organoclorados Categoría:Ésteres do fenol Categoría:Compostos triclorometilo Categoría:Xenoestróxenos