Henry Hoyle Howorth, nado en Lisboa o 1 de xullo de 1842 e finado en Londres o 15 de xullo de 1923, foi un político conservador británico e avogado, coñecido tamén pola súa dedicación como afeccionado á historiografía, a xeoloxía e a numismática.

Traxectoria

Howorth naceu en Lisboa, fillo único de Henry Howorth, que exercía nesa cidade como comerciante, e da súa esposa Elizabeth. Ao pouco de nacer marchou para Inglaterra coa súa nai, logo do falecemento do seu pai."Sir Henry Hoyle Howorth K.C.I.E. D.C.L. F.R.S. F.S.A. (1842-1923)". En Barry, T. (2016). Páxinas 89-91. Alí estudou o seu ensino secundario na Rossall School, en Lancashire, e posteriormente cursou estudos superiores de Dereito."Sir Henry Howorth, A Life of Wide Interests, Politics, Science, and Art". En The Times. 17 de xullo de 1923. Páxina 14.

Colexiouse como avogado en Londres en 1867, no Inner Temple,Hull, E. (1923). Páxina 411. e exerceu a avogacía no Northern Circuit.

No aspecto político, Howorth defendía o unionismo británico, e en 1886 foi elixido membro do Parlamento Británico do Partido Conservador, pola circunscrición de Salford Sur, Manchester. Posteriormente resultou reelixido en 1892 e 1895, e finalmente retirouse dos Comúns nas eleccións xerais de 1900.

Ademais do dereito e a política, Howorth interesouse profundamente por temas tan diversos como a arqueoloxía, a historia, a numismática e a etnografía. Foi un escritor prolífico sobre estas áreas e colaborou con diversos artigos en revistas especializadas do seu tempo.

En 1892 foi nomeado Cabaleiro do Imperio Indio, en recoñecemento aos seus traballos sobre a historia e etnografía de Asia. En 1893 foi elixido membro da Royal Society, cunha considerable oposición por carecer de educación científica regrada. Posteriormente foi nomeado bibliotecario honorario do Chetham's College, de Manchester, e administrador do Museo Británico.Hull, E. (1923). Páxina 412.

Tamén foi membro da Chetham Society —de cuxo consello formou parte entre 1877 e 1900,The Chetham Society: Officers and Council, 1843-2013. Páxina 7. The Chetham Society. e da Manchester Literary and Philosophical Society. Entre 1908 e 1914 foi o presidente da Royal Numismatic Society, de Londres."Presidents of the Society". The Royal Numismatic Society.

Howorth era polemista e expuña adoito as súas opinións na páxina de cartas de The Times, ás veces baixo o pseudónimo de A Manchester Conservative ("Un conservador de Manchester").

Ao longo da súa vida, Howorth foi compondo unha importante colección de arte. En 1875 dooulle á National Gallery de Londres a pintura Interior dunha igrexa, de Van Bassen. En 1922, logo do falecemento da súa esposa, fixo unha doazón doutras cinco pinturas, entre elas a Natividade de Masaccio. Nun cartel situado na entrada da National Gallery figura o seu nome como un dos principais benfeitores.

En 1869 casou con Katherine Brierley, con quen tivo tres fillos. A súa esposa faleceu en 1921, e el o 15 de xullo de 1923, aos 81 anos."Sir Henry H. Howorth, K.C.I.E., F.R.S". En Nature, 112 (1923). Páxinas 112, 171-172. Foi soterrado no cemiterio de Putney Vale, no Suroeste de Londres.

O pensamento de Howorth Henry Hoyle Howorth rexeitou o uniformismo de James Hutton e Charles Lyell. Atacou a teoría da idade de xeo no seu libro The Mammoth and the Flood (1887). Defendeu unha forma de neodiluvialismo, segundo a cal as inundacións catastróficas devastaran grandes zonas da Terra.Kruger, T. (2013). Discovering the Ice Ages: International Reception and Consequences for a Historical Understanding of Climate. Brill. Páxinas 282-283. ISBN 978-9004241695

Non cría nun diluvio universal e consideraba que o diluvio bíblico era só un dos moitos mitos de diluvio que apoiaban a súa teoría. Utilizou probas xeolóxicas para apoiar a sú teoría en The Glacial Nightmare and the Flood (1893). En 1905 escribiu outro libro, Ice or Water, no que intentou refutar en detalle a teoría glaciaria, mais os seus postulados non convenceron os xeólogos profesionais.

Publicacións miniatura|Howorth, H. H. (1917). The golden days of the early English church. Volume 1. Estas son os traballos monográficos máis salientables publicados por Henry Hoyle Howorth ao longo da súa traxectoria:

(1876-1888). History of the Mongols from the 9th to the 19th Century (4 volumes). Longmans, Green and Co., Londres. (1876). I. The Mongols proper and the Kalmuks. (1880). II: The socalled Tartars of Russia and Central Asia: Division I - Division II. (1888). III: The Mongols of Persia. (1927). IV: Supplement and Indices. (1886). The Philosophic Tramp. John Heywood, Londres. (1887). The Mammoth and the Flood. Gilbert and Rivington, Londres. (1892-1893). The Glacial Nightmare and the Flood. Vol. I (1892) - Vol. II (1893). Sampson Low, Londres. (1905). Ice or Water. Vol. I - Vol. II. Longmans, Green and Co., Londres. (1912). Saint Gregory the Great. John Murray, Londres. (1913). Saint Augustine of Canterbury. John Murray, Londres. (1917). The Golden days of the early English Church. Vol. I - Vol. II - Vol. III. John Murray, Londres. (1918). "Harald Fairhair" and his Ancestors. Viking Society, Londres

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Hull, E. (1923). "Obituary: Sir Henry Hoyle Howorth". En Viking Society for Northern Research. Vol. 9. Páxinas 411-413. Barry, T. (2016). "The Howorth and the Ellicot Families". Páxinas 77-101.The British Historical Society of Portugal.

Ligazóns externas

Intervencións de Henry Hoyle Howorth no Parlamento Británico

Categoría:Nados en 1842 Categoría:Finados en 1923 Categoría:Nados en Lisboa Categoría:Membros do Parlamento do Reino Unido Categoría:Numismáticos do Reino Unido Categoría:Membros da Royal Society Categoría:Presidentes da Royal Numismatic Society Categoría:Historiadores do Reino Unido Categoría:Coleccionistas