Yolanda Saa Filgueira, coñecida como Yoly Saa, nada en Pontevedra o 4 de outubro de 1992, é unha cantautora e ex xogadora de fútbol sala galega.

Traxectoria

Carreira deportiva Comezou a xogar ao fútbol sala na canteira do Queiroga, equipo pontevedrés que acabou por fusionarse coa sección feminina do Leis. Converteuse nunha das mellores xogadoras do equipo, o que lle supuxo ser convocada en numerosas ocasións pola selección galega, tanto nas categorías inferiores como máis tarde na selección absoluta. No 2012 deixou o Leis para fichar polo Poio Pescamar, da Segunda División española, equipo co que na súa primeira tempada conseguiu o ascenso á Primeira División. Durante esa época compaxinaba os seus partidos na máxima categoría do fútbol sala cos seus estudos de Educación Infantil e cos inicios da súa carreira musical.

Despois de tres tempadas en Primeira co Poio, no verán de 2016 regresou ao Leis, pero non conseguiu adaptarse ao equipo, polo que acabou pedindo a baixa do club.

Carreira musical Comezou a cantar dende moi pequena grazas ao seu pai, quen lle inculcou a paixón polos boleros. Con 13 anos regaláronlle a súa primeira guitarra polo Nadal e comezou a tocar de forma autodidacta, comezando a compoñer as súas propias cancións con 18 anos, influenciada pola irrupción do cantautor galego Andrés Suárez. En 2013, mentres xogaba no Poio Pescamar, un amigo convenceuna para realizar unha versión do tema "Lucha de gigantes" de Antonio Vega e publicala na súa canle de YouTube. O vídeo tivo éxito e deulle recoñecemento no panorama musical galego, comezando ese mesmo ano a realizar as súas primeiras actuacións con público.

En 2018 decidiu marchar a Madrid para apostar pola súa carreira musical. Comezou a tocar no Metro de Madrid e máis tarde pasou a actuar en diversos bares de música en vivo. Presentouse ao concurso Abriendo Ventanas lanzado por Andrés Suárez en 2018 e acabou gañando o certame, que tiña como obxectivo buscar novos artistas emerxentes que o acompañasen como abreconcertos. En 2020 asinou un contrato coa discográfica Warner Music.

Ese mesmo ano publicou o seu primeiro EP, titulado Magma, pero foi en 2021, co lanzamento de Todo contigo cando a artista acadou sona no panorama musical español, conseguindo varios millóns de reproducións en Spotify en pouco tempo e soando habitualmente nas emisoras de radio do país.

En abril de 2022 publicou A golpes de fe, o seu primeiro álbum, conformado por 11 temas, e en outubro do mesmo ano comezou a súa participación no concurso de TVE, Dúos increíbles, formando parella coa veterana artista Sole Giménez coa que acadou a final.

Ademais ten traballado como compositora e letrista para diferentes artistas como Luz Casal ou Malú.

Discografía

Magma (2020). EP. Golpes de fe (2022).

Notas

Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Xogadores de fútbol sala de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Cantautores Categoría:Compositores de Galicia