O Manifesto Futurista foi escrito por Filippo Tommaso Marinetti e publicado en febreiro de 1909. O seu estilo declamatorio pretendía expoñer un conxunto sucinto dos principios, crenzas e intencións do movemento. Tamén se publicou en francés en París no xornal Le Figaro, baixo o título Manifeste du Futurisme.

Texto

Publicación O Manifesto Futurista naceu como unha reacción á cultura burguesa do século XIX, incluído o decadentismo de Gabriele d'Annunzio. O estilo literario Parole in libertà («Palabras en liberdade») do manifesto había substituír a retórica tradicional.

O Manifesto apareceu por primeira vez na Gazzetta dell'Emilia de Boloña o 5 de febreiro de 1909. Días despois foi publicado noutros xornais italianos:

Il Pungolo de Nápoles o 6 de febreiro Gazzetta di Mantova o 8 de febreiro L'Arena de Verona o 9 de febreiro Il Piccolo de Trieste o 10 de febreiro La Tavola Rotunda de Nápoles o 14 de febreiro Il Giorno de Roma o 16 de febreiro

Acadou fama internacional cando se publicou en francés no xornal parisiense Le Figaro o 20 de febreiro dese ano, baixo o título Manifest du Futurisme.

Relacións co fascismo e o progreso En xeral, a relación entre o futurismo e o fascismo non semella clara. Porén, a violencia verbal e metafórica do manifesto podería axudar a explicar por que o fascismo empregou con éxito o seu estilo e aparencia, trazos típicos do nacionalismo. Mediante a metáfora «a guerra, a única hixiene do mundo», levou á perda dos seus mellores expoñentes (Umberto Boccioni e Antonio Sant'Elia) na fronte da primeira guerra mundial .

O esgotamento da literatura italiana a finais do século XIX radicou na falta de contidos intensos e o seu laissez faire, tranquilo e pasivo. A situación foi combatida de inmediato polo futurismo, cunha reacción que incluía o uso dos excesos. Isto demostrou a existencia en Italia dunha clase intelectual propia, retrógrada e activa.

Nun momento en que o peso da industria estaba a medrar en toda Europa, o futurismo sentiu a necesidade de confirmar que Italia estaba presente. Afirmaba ter a capacidade para participar nesa nova experiencia, así como saber atopar a máxima esencia do progreso. Para isto valeríase dos seus símbolos, o automóbil e a súa velocidade, como recolle o artigo 4 do manifesto.

O futurismo confirmou tamén que a literatura non ficaría superada polo progreso, senón que o absorbería na súa evolución. Amais, demostraría que a razón de ser deste, baseábase en que o ser humano o empregaría para deixar ceibe a súa natureza, feita de instinto. Así, o ser humano reacciona contra a forza potencialmente opresora do progreso e clama a súa centralidade. O ser humano, xa que logo, empregará a velocidade, non ao revés (art. 5 e 6).

Outro punto en común co fascismo é a interpretación da guerra como a «hixiene» do mundo, para purificalo de todo mal. A poesía, como voz da alma, axudará ao ser humano a permitir que a súa alma sexa parte do mundo (art. 6 e 7). Este novo concepto de beleza alude ao instinto humano de loita.

Non se pode deixar de lado o sentido da historia. Moitas cousas están a piques de mudar en forma e contido. Porén, o ser humano será quen de pasar por estes cambios (art. 8).

Un dos artigos máis particulares é o 9. Describe a guerra como unha sorte de necesidade do espírito humano polo seu carácter purificador, pois permite e favorece o idealismo. Algunhas fontes afirman que esta definición influiría nos movementos de masas que anos despois darían forma ao totalitarismo, principalmente en Italia, Alemaña e, de xeito diferente, en Rusia.

A forte provocación recollida no art. 10 é consecuencia lóxica de todo o anterior.

Cómpre sinalar que o manifesto apareceu moito antes dos grandes conflitos do século XX. De feito, os máis deles poden considerarse exemplos prácticos do sentido do texto, e moitos deles foron inesperados. A Rusa foi a primeira das «revolucións» do artigo 11, malia ter lugar oito anos despois da publicación do manifesto.

Influencias En 2004 o movemento literario do Conectivismo escribiu o seu propio manifesto, que imitaba na súa forma o do Futurismo.

Notas

Categoría:Obras literarias en italiano Categoría:Obras literarias de 1909