Pedro Theon, orixinalmente Petrus Theon, falecido despois de 867, foi un nobre galego, pai do primeiro conde portucalense Vímara Pérez.
Traxectoria A crónica Albeldense fala dun Pedro que en 859, mentres reinaba Ordoño I, derrotou aos viquingos en Galicia. Segundo o profesor Allen Mawer poderían ter sido os fillos de Ragnarr Lodbrok (Hastein e Björn Ragnarsson) e que segundo relata a crónica os normandos ( Lordomani ) foron derrotados polo conde Pedro:Ejus tempora Lordomani iterum venientes in Gallaeciae maritimis, a Petro comite interfecti sunt.Os viquingos atacaron as rías Altas e pola ría de Arousa chegaron á sede episcopal de Iria Flavia, que saquearon. Asentáronse aos arredores de Santiago de Compostela e asediárona. O conde Pedro enfrontouse con eles e destruíulles a meirande parte dos barcos. Os superviventes dirixíronse cara Al-Andalus.
Trala morte de Ordoño no 866, Pedro permaneceu fiel ao seu fillo e sucesor Afonso III fronte ao rebelde Froila Bermúdez, quen se proclamou rei en Oviedo no mesmos ano. Os condes galegos partidarios de Afonso conseguiron capturar ao usurpador e executárono.
Aparece como confirmante, xunto a Rodrigo de Castela, nun documento do 20 de xaneiro de 867 no que o rei Afonso III devolve a vila de Carcacía, que fora usurpada por Froila Bermúdez, á igrexa de Santiago de Compostela.
Familia Non se coñecen os devanceiros de Pedro, algunhas fontes din que puido ter sido o fillo de Vermudo I e Ozenda pero non hai probas ao respecto. Descoñécese con quen puido casar, pero normalmente adxudicanselle como fillos a:
Vímara Pérez, primeiro conde portucalense.
Hermenexildo Pérez, nobre que se levantou contra Afonso III. A única proba que existe do parentesco é o apelido.
Notas
Categoría:Condes de Galicia