Os vellos non deben de namorarse é unha obra de teatro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerada unha das pezas máis populares do teatro galego. A obra foi escrita "para regalía do pobo galego" na cidade de Nova York, como remedio para "matar as horas de morriña" e rematouna no inverno de 1939. En palabras do autor esta obra foi froito da combinación de dúas sensibilidades: a literaria e, tamén, a imaxinación plástica do pintor. Consérvanse dous manuscritos coa obra completa e un terceiro escrito incompleto.

A obra estreouse o 14 de agosto de 1941 no Teatro Mayo de Buenos Aires, ben recibida pola crítica e os intelectuais, e o 8 de outubro no teatro Solís de Montevideo. Castelao non puido asistir á estrea en Montevideo e mandou unha gravación, en castelán, que constitúe o único documento sonoro coa voz de Castelao La Voz de Galicia, 18 de maio de 2008.. O texto publicouse en libro en 1953 da man de Editorial Galaxia.

Historia

Castelao escribiu primeiramente o terceiro lance contando, coma nos outros dous, a historia dun vello que se namora dunha moza. Os personaxes son personaxes-tipo, equivalentes, inda que de diferente extracción social, que compoñen historias pechadas e xustapostas. Ó final da obra, un epílogo reúne os tres vellos mortos no cemiterio, para que eles nos conten o propósito da farsa.

A obra, escrita coa convicción de que o redundante -recurso que na literatura galega se presenta frecuentemente e que ten raíz popular- ten sumo valor expresivo, foi dirixida na súa primeira representación por Varela Buxán, director da compañía de teatro Maruja Villanueva, coa colaboración directa do propio Castelao, quen ademais deseñou toda a escenografía. O carácter repetitivo da peza Os vellos non deben de namorarse baséase no feito de ser unha triloxía, composta por tres versións (lances), encadradas entre un prólogo e un epílogo, dun mesmo esquema dramático.

Varela Buxán doou os figuríns orixinais de Castelao ó Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, e o mesmo fixo en 1975 Fernando Iglesias 'Tacholas', actor que interpretara o papel de don Ramonciño, coa colección das 19 caretas que Castelao creou para os diferentes actores da obra.

A obra representouse por vez primeira en Galiza nas Festas do Apóstolo Santiago de 1961, na praza da Quintana A obra, representada por Cantigas e Agarimos, estivo dirixida por Rodolfo López-Veiga, e o decorado foi feito por Ánxel Morón. Despois desa representación a obra levouse a Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e a Lugo nas festas de San Froilán.

Análise O limiar anticipa o tema e o argumento da obra: os amores serodios dos vellos van aparellados á morte.

Os lances presentan tres visións dun mesmo drama: en cada un hai un vello namorado dunha moza, e un mozo que rivaliza con el. En todos os lances aparece tamén a morte coma personaxe que advirte ao vello das dramáticas consecuencias do seu namoramento.

No epílogo os tres vellos reúnense -xa convertidos en esqueletos- e analizan as circunstancias da súa morte, láianse da súa imprudencia e coñecen novas das súas mozas respectivas

Castelao definiu esta peza coma "unha obra imaxinada por un pintor e non por literato". Deste xeito quería manifestar a importancia que lle concedía aos artificios escenográficos (iluminación, vestiario, decorados etc.) mediante os cales modernizou o teatro galego do seu tempo.

Estrutura

A estrutura da peza Os vellos non deben de namorarse é similar á que presenta un retablo, no que, seguindo a estrutura coa que Lukas Moser compón o seu Retablo de Santa María Magadalena (1431), os tres lances constitúen as tres escenas principais, mentres que a lenda e o prólogo se poderían situar na parte suerior e o epílogo na inferior.

Esta obra, que o mesmo autor chama no prólogo farsa en 3 lances non é unha obra tradicional (farsa é unha peza na que a realidade se deforma con propósitos de estilización) xa que se mesturan elementos realistas e expresionistas, cunha finalidade en moitos casos simbólica, e adquire unha grande importancia a escenografía en vez de descansar todo no texto e volve ser o mesmo autor quen nolo sinala explicitamente nas "Indicacións" finais para a obra: Esta é unha obra maxinada por un pintor e non por un literato. Por eso necesita indispensabelmente unha serie de deseños cooreados, que din tanto ou máis que as verbas escritas. O autor sería capaz de ver a súa obra revisada por un literato, se é que non tivese ocasión el mesmo de asistir aos ensaios, pero non consentiría nengunha alteración na fisonomía dos personaxes e no coorido das escenas, a menos de que o convencimento lle entrase polos ollos antes do estreno. Hai moitas similitudes co teatro de Valle-Inclán pola realidade tratada.

O tema da obra é tópico e universal: este coñecidísimo drama, que agora ides ver nunha farsa nova (Prólogo)- xa fora tratado por Fernández. Moratín, El si de las niñas, el viejo y la niña. Mais en Castelao é farsa non é comedia, pero tratado dunha forma orixinal: tres versións diferentes e independentes do mesmo drama precedidas dun Prólogo (que será por altavoz colocado na carátula que porta unha gran boneca de cartón. Esta figura aparecerá despois de erguerse o pano de boca e diante das cortinas negras, cerradas e seguidas dun epílogo. A denominación de lances (episodio que constitúe unha acción completa) que lle dá é máis axeitada que a de actos, ao seren tres farsas autosuficientes, sen relación unha coa outra.

O tema son as relacións entre o amor e a morte. Entre outros subtemas están a decadencia da fidalguía, como conseguir a felicidade ou os casamentos amañados.

O primeiro que chama a atención despois de ler a obra é a diferenza de ton entre os tres lances e as outras dúas partes: O prólogo é unha declaración de principios absolutamente inesencial para o desenvolvemento da obra e que só podemos relacionar co desexo moralizante que se desprende do epílogo, tamén explícito aquí: ... un aviso en 3 estalos que lle damos aos vellos namoradeiros... Os vellos deben gardar amores antigos, porque lles axudan a vivir; pero morren cos amores novos, e a súa morte fai rir ás xentes (Prólogo)

Pola súa parte, o epílogo cumpre a función (dentro da obra) de reforzar a unidade da obra, reunindo os tres vellos e a moral de permitirlles arrepentírense do seu erro e debilidade (Por namorarnos de vellos, que acaba a obra).

Tal é o desaxuste entre os lances e o resto, que en palabras de Ricardo Carballo Calero Os vellos non deben de namorarse é título que corresponde en realidade ao epílogo. Os lances máis ben deberían levar como título Os vellos namóranse .

Esta farsa preséntase en forma de traxicomedia: na superficie, no exterior, a obra é cómica, humorística, pero por baixo xorde a realidade antropolóxica da traxedia do vello namorado, que acaba coa morte de todos eles e no fondo é a amargura a que domina, porque a conclusión final é que os vellos non deben de namorarse.Os tres lances veñen ser como tres realizacións, tres exemplificacións concretas do mesmo motivo e por iso se nos presentan en multitude de ocasións como perfectamente simétricos e paralelísticos (se ben tamén con notables diferenzas, sobre todo no que atinxe ao terceiro lance, que foi escrito por Castelao como peza independente moitos anos antes en Pontevedra (1931), Micaela rematado antes do 1936, o 1º en Nova York no 1939, o epílogo en Buenos Aires antes de se representar. Personaxes: un vello namórase dunha moza (que ten relacións cun mozo) e a causa diso morre.

Tempo: apenas hai referencias históricas, o tema é intemporal. Tampouco os lances teñen moitas marcas temporais : o primeiro pode durar algo máis dundía ; o segundo é durante un domingo de entroido; o terceiro dura uns días ; o epílogo decorre durante unha noite de luar.

Espazo: é ambiguo combinándose os interiores e exteriores. O único topónimo citado é o Candán, no terceiro lance. Tanto o tempo como o espazo contribúen a darlle un marcado carácter simbólico aos personaxes. Desenvolvemento escénico

Na trama dos tres lances aparecen (ademais doutras individuais) as seguintes secuencias (non sempre exactamente coincidentes con escenas) aínda que se realicen por orde diferente:

O vello solicita moza: na 1ª do I, na 3ª do II e na 3ª do III Actitude dos adxuntos: na 4ª do I (a), na 1ª do II e na 1ª do III Dúo de moza e mozo: na 5ª do I (b), na 3ª do II e na 2ª do III A opinión pública opina: na 5ª do I, na 2ª do II e na 5ª do III Anuncio de catástrofe: na 3ª e 5ª no I (c), na 4ª do II (d), na 4ª do III Catástrofe: na 6ª do I, na 4ª do II e na 5ª do III Epílogo (e): na 7ª do I, na 4ª do II, na 6ª do III

(a) Lévase a cabo dun xeito implícito: elas xa coidan do vello, non lle cómpre outra muller. (b) Non directamente enfrontados, senón de parola coas mulleres. (c) Talvez se repita por estar moi lonxe o primeiro. (d) Case sen separación da propia morte. (e) Anticlímax, formas diferentes de liturxia fúnebre.

O vello solicita a Moza (1) nunha última tentativa de se aferrar á vida. Mais o método utilizado é reprobado pola sociedade (2,4), principalmente polas mulleres, aínda que outras personaxes contribúan á censura, quizais de xeito máis burlesco (lance segundo). A reprobación do pobo está próxima da catástrofe que se aveciña (5) Pero a tensión que isto produce reláxase co encontro entre os namorados novos (3) que confirman as poucas posibilidades que existen de que a traxedia non se produza. Na catástrofe (6), a Morte restaura a orde natural quebrada para se ofrecer no Epílogo de cada Lance (7) a visión que do acontecido teñen as personaxes que non foron vítimas da traxedia. Non coinciden numericamente as escenas naturais coas escenas en que Castelao divide a peza, mesmo hai secuencias que se desenvolven en varias escenas. .

Funcións simétricas dos personaxes Antes de analizar o desenvolvemento escénico dese arquidrama, hai que comezar por analizar as personaxes arquetípicas que se ven implicadas nel: Por un lado está o protagonista ou suxeito-actante, o vello, e por outro o obxecto que quere conseguir, a moza. Estes dous son os elementos principais e imprescindibles, cos que Castelao podería resolver todo o drama.

Pero aparece tamén unha realidade extra-persoal, a Morte, necesaria para o desenlace e que el utiliza como personaxe (personificado en pobre no primeiro lance, como un sapo no segundo e como un desdobramento do protagonista no terceiro).

En cuarto lugar atopamos o mozo, tampouco indispensable e que funciona como antagonista do vello, antagonista circunstancial, xa que o que en realidade lle impide ao vello conseguir o seu obxecto é a idade, máis que o mozo, e por iso Castelao non os enfronta directamente en ningunha escena e en ningún lance.

En quinto lugar temos o pobo, a opinión pública, representada (simbolizada) polas 10 mulleres da escena verde, que aparecen nos tres lances con diferentes caretas e que comentan (ao xeito do coro da traxedia grega) os amores entre o vello e a moza.

Por último están os adxuntos do protagonista, que reforzan a presenza deste (o feito de que no terceiro sexan de Pimpinela demostra unha vez máis a singularidade deste lance).