Bamboleo (Superbamboleo, na súa última versión) foi un programa de televisión de entretemento producido pola produtora CTV e emitido pola Televisión de Galicia. Transmítíase os sábados ás 22:00 h. Este espazo, que empezou no 2011, céntrase na música, o baile e a participación do público.
Descrición
En orixe presentouno Xosé Manuel Piñeiro. En 2018 Xosé Manuel Piñeiro ausentouse máis dun ano por mor dun cancro que superou, sendo substituído por Lucía Regueiro, que quedou finalmente como a condutora do programa. O show incluía actuacións musicais en directo de xéneros diversos, desde a música tradicional galega ata o pop, o rock e outros estilos contemporáneos.
Ademais das actuacións musicais, Bamboleo incluía varias seccións de participación popular, entre as que destacaban concursos de baile e canto, onde tanto profesionais coma afeccionados podían demostrar as súas habilidades. Estas competicións adoitaban estar acompañadas da interacción co público e cos telespectadores, quen podían participar activamente a través de chamadas telefónicas ou redes sociais. O programa tamén contaba cun compoñente humorístico, coa participación de cómicos e personaxes recorrentes que achegaban un toque de comedia ao espectáculo.
Na tempada 2022-2023 emitíase os sábados á noite despois do Atrápame se podes cunha duración de máis de dúas horas. Estaba dirixido a unha audiencia de todas as idades, con música de grupos pop galegos e de fóra. En 2024 regresou á grella da Televisión de Galicia cunha nova imaxe gráfica e con Lucía Regueiro como única presentadora., a partir do 8 de xuño en horario de máxima audiencia. O programa contaba cos colaboradores Isi, que protagoniza a súa sección do Conto; Damián, animador do público do plató; Javier Varela, pianista do programa; e Claudio, que colabora na sección dos bailes.
O 22 de outubro de 2024 emitiuse un especial titulado «Supermartes», que mantivo o formato habitual do programa. A promoción desa entrega xerou críticas entre parte da audiencia nas redes sociais, ao interpretarse como un anuncio do regreso do formato clásico.
A partir do 26 de outubro de 2024, e con emisión semanal os sábados, o programa pasou a denominarse oficialmente Superbamboleo, con Lucía Regueiro como condutora principal e con copresentadores que ían variando segundo o programa.
O último programa emitiuse o 1 de decembro de 2024, con Natalia e Eris Mackenzie como artistas convidados.
Seccións
A Jrileira: compiten por un premio varias comisións de festas. Tirando a dar: con preguntas aos artistas convidados. Baile: bailes internacionais e de salón. Conto: anécdotas e historias contadas polo humorista galego Isi. A ITV do amor: xogo no que concursa unha parella e dous amigos, onde un membro da parella participa de incógnito entre estes dous amigos e un membro da comisión de festas ten que adiviñar cal é a parella da outra a través de preguntas e respostas sexuais comprometedoras.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Web do programa na TVG.
Categoría:Programas de entretemento da TVG