A Rúa Daniel de la Sota é unha rúa céntrica da cidade de Pontevedra situada no primeiro ensanche da cidade. É unha das rúas máis coñecidas de Pontevedra.
Orixe do nome O nome da rúa fai referencia ao enxeñeiro militar e político Daniel de la Sota Valdecilla en recoñecemento ao seu labor na cidade. Impulsou as obras do cuartel de San Fernando, foi presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, promoveu a instalación en Pontevedra da Misión Biolóxica de Galicia, colaborou na creación do Museo de Pontevedra e foi o primeiro presidente da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra.
Historia A rúa concibiuse como eixo directo para poder atravesar unha zona céntrica da cidade e unir as rúas de Benito Corbal na parte norte e Peregrina, García Camba e Andrés Muruais na parte sur. En setembro de 1955 a apertura da entón chamada rúa de prolongación de Cobián Roffignac achábase pendente do Consello do Banco de Crédito Local de España. A finais de 1956 empezaron as obras da rúa.
Tras o falecemento de Daniel de la Sota o 11 de febreiro de 1958, a corporación municipal de Pontevedra acordou o 28 de febreiro dese ano darlle o seu nome á rúa. A rúa foi inaugurada na tarde do domingo 7 de decembro de 1958 coa asistencia de numeroso público e representacións diversas, así como as autoridades.
A partir da súa apertura en 1958 a rúa converteuse nun punto neurálxico da cidade e nela instaláronse coñecidos comercios así como un destacado hotel e unha popular cafetería e discoteca. Xa en 1844 estableceuse na esquina da que sería un século despois a nova rúa Daniel de la Sota coa rúa Peregrina a imprenta Viñas, da que foron clientes Castelao e Gonzalo Torrente Ballester. Nos anos 1950 o local remodelouse e ampliouse para albergar unha librería e unha papelería. A librería Viñas pechou en outubro de 2004.
En 1965 inaugurouse na rúa Daniel de la Sota na esquina coa rúa Castelao o emblemático Hotel Rías Bajas, o máis antigo da cidade despois do Parador Nacional de Turismo Casa del Barón, aberto en 1955.
En 1969 abriu na rúa a popular xoguetería e tenda de artigos deportivos Chacón, que se trasladou desde a rúa Cobián Roffignac onde abrira as súas portas en 1961. A tenda trasladouse á rúa Frei Xoán de Navarrete en xaneiro de 2023.
En 1972 inaugurouse na esquina coa rúa de Benito Corbal a emblemática Cafetería Daniel. Era un gran local de dúas plantas e foi a máis moderna e popular dos anos 1970, 80 e 90 en Pontevedra. Pechou en febreiro de 1997. En 1981 abriu nun local anexo á cafetería a Discoteca Daniel, o club de lecer nocturno con máis soleira da cidade, que frecuentou o actual rei Filipe VI, cando era alumno da Escola Naval Militar. Despois da pandemia de COVID-19, a discoteca reabriu as súas portas co nome de Lelé de Noite.
Ao longo da súa historia a rúa foi un punto destacado do tráfico rodado da cidade ata que a metade sur foi peonalizada en 2001. En 2023 presentouse un proxecto para dotar á metade norte da rúa de plataforma única e reforzar así a súa prioridade peonil.
Descrición É unha rúa peonil de 138 metros de lonxitude, recta e chaira, en pleno centro da cidade, que conecta a rúa de Benito Corbal coa rúa García Camba, a rúa Peregrina e a rúa Andrés Muruais. A súa anchura media é de 12 metros. Trátase dunha rúa céntrica do ensanche da cidade case no límite co centro histórico de Pontevedra.
É unha das rúas máis comerciais de Pontevedra. Na rúa atópase unha vintena de comercios, un hotel referente na cidade, unha sucursal bancaria e unha discoteca.
O pavimento de lastra da parte peonil da rúa é de tons rosados-avermellados delimitado por unha banda central de granito. No entroncamento coa rúa Benito Corbal o pavimento é puído de mosaicos e está disposto cun deseño de praza circular.
No tramo peonil da rúa atópanse diferentes árbores: 12 pereiras de Callery, 1 pereira común e 8 ameixeiras comúns.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Ensanche-Centro cidade Rúa de Benito Corbal Rúa García Camba
Ligazóns externas A rúa Daniel de la Sota na páxina web Calles de Pontevedra
Categoría:Rúas de Pontevedra