Alberto Sánchez Vivas, nado en Plasencia o 26 de marzo de 2001, é un futbolista español que xoga como porteiro no Ourense CF, da Primeira Federación.

Traxectoria Fillo dun soldador e neto dun directivo do Plasencia, formouse como futbolista na canteira do propio club estremeño. Con só 15 anos debutou co primeiro equipo na Terceira División, nun partido ante o Extremadura en Almendralexo, e disputou 4 partidos durante a campaña 2016/17. As súas calidades, que o levaron á selección española sub-16, así como a súa precocidade, espertaron o interese de varios equipos europeos. Con todo, despois de se adestrar co Atlético de Madrid e co Salzburgo, elixiu a canteira do Deportivo da Coruña, na que ingresou no verán de 2017.

Durante a súa primeira tempada alternou o equipo xuvenil do Deportivo co xuvenil do Laracha. Na tempada 2018/19 xogou en Terceira co primeiro equipo do Laracha, segundo filial do Deportivo durante aquela campaña, e debutou co Fabril na Segunda División B. Tras rematar a súa etapa xuvenil en 2020, continuou no Fabril, co que disputou un total de 39 partidos nos seguintes anos. Durante a tempada 2021/22 alternou titularidades con Brais Suárez, ao tempo que exercía como terceiro gardameta do primeiro equipo, por detrás de Ian Mackay e Pablo Brea.

En xullo de 2022 anunciouse a súa renovación por tres anos co club coruñés, así como a súa cesión por unha campaña ao Unionistas de Salamanca, onde foi suplente durante a maior parte do ano. O seu debut co equipo produciuse na 18ª xornada da Primeira División RFEF, precisamente ante o equipo propietario dos seus dereitos, o Deportivo da Coruña. A expulsión nese encontro do porteiro titular, Salva, permitiulle defender a portería de Unionistas durante a media hora final, na que encaixou dous goles, obra de Quiles e Lucas. A continuación disputou os seguintes catro partidos do equipo salmantino, rematando a tempada con cinco encontros totais.

Para a tempada 2023/24 pasou a formar parte do primeiro equipo do Deportivo da Coruña, como terceiro porteiro xunto a Mackay e Germán Parreño. Debutou na penúltima xornada de liga, co equipo xa coroado como campión e con Parreño lesionado. Foi contra a Real Sociedad B en Donostia, nun encontro que rematou con empate a un gol.

Para a tempada 2024/25 o club anunciou que xogaría co Fabril na Segunda Federación. Foi o gardameta titular na primeira metade da tempada, na que tivo como adestradores a Óscar Gilsanz primeiro e a Manuel Pablo máis tarde. Ocupou a portería fabrilista en 18 dos 19 primeiros partidos de liga, encaixando menos dun gol por encontro, ata que en xaneiro de 2025 foi subido ao primeiro equipo para ocupar o oco producido pola cesión de Eric Puerto ao Marbella. Foi ata o remate da tempada o terceiro porteiro do equipo, por detrás de Helton Leite e Germán Parreño, sen chegar a xogar ningún encontro.

En xullo de 2025 anunciouse o seu traspaso ao Ourense CF, da Primeira Federación.

Selección española sub-16 Despois de debutar co primeiro equipo do Plasencia na Terceira División con 15 anos, foi convocado por Santi Denia para a selección española sub-16, sendo o único integrante do equipo que non formaba parte dunha canteira de Primeira División. Debutou coa selección nun partido ante Finlandia en Inglaterra, gañando o Trofeo de Desenvolvemento da UEFA.

Palmarés Deportivo da Coruña Primeira Federación (1): 2023/24.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira Federación e a Segunda Federación.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPlasencia2016/17Terceira40----40Laracha2018/19Terceira40----40Fabril2018/19Segunda B00----002019/20Terceira30----302020/21Terceira140----1402021/22Terceira 21 0 --10 220Unionistas2022/231ª RFEF 5 0 00- - 50Deportivo da Coruña2023/241ª RFEF10000010Fabril2024/252ª RFEF280--20300Total club6600030690Total carreira 80 0 003 0 830

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente .

Categoría:Nados en Plasencia Categoría:Nados en 2001 Categoría:Futbolistas de Estremadura Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do UP Plasencia Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Laracha CF Categoría:Xogadores do Unionistas de Salamanca Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Ourense CF