Cristóbal Márquez Crespo, coñecido simplemente como Cristóbal, nado en Madrid o 21 de abril de 1984, é un futbolista español que xoga como centrocampista no Fuenlabrada, da Primeira División RFEF

Traxectoria

Comezos Formado na canteira do Leganés, militou no Levante B, o Conquense e o San Sebastián de los Reyes, antes de recalar en 2008 no Villarreal B. Na súa primeira campaña no filial amarelo contribuíu con 8 goles ao ascenso do equipo á Segunda División, incluído un nas semifinais da promoción ante o Lorca Deportiva.

O 26 de agosto de 2010 debutou co primeiro equipo do Villarreal no partido de volta da fase previa da UEFA Europa League ante o Dnepr Mogilev de Belarús. Foi titular na súa estrea, pero non chegou a rematar o partido, pois acabou expulsado. En xaneiro de 2011 disputou o seu primeiro encontro na Primeira División, substituíndo a Borja Valero nos minutos finais da vitoria por 4-2 sobre Osasuna.

En marzo de 2011 saíu cedido ao Elche ata o final da campaña, para cubrir as lesións de David Generelo e Miguel Linares. Marcou dous goles, ante o Celta de Vigo e o Granada, e disputou a promoción de ascenso a Primeira, caendo na final ante o propio Granada.

No verán de 2011 saíu por primeira vez a un equipo estranxeiro, asinando como novo futbolista do FC Karpaty Lviv, da Premier Liha de Ucraína, onde coincidiu co tamén madrileño Borja Gómez e co galego Lucas Pérez. Disputou un total de 12 partidos, marcando un gol ante o Metalist Kharkiv. En xaneiro o club ucraíno cedeuno de novo ao Elche.

En xullo de 2013 demandou ao Karpaty por salarios atrasados, gañando a demanda e obtendo a carta de liberdade. A continuación cambiou de continente e fichou polo Auckland City de Nova Zelandia, club que adestrado polo catalán Ramon Tribulietx viña de gañar as tres últimas edicións da Liga de Campións da OFC. Co club oceánico disputou o Mundial de Clubs da FIFA, sendo titular no encontro ante o Raja Casablanca no que o seu equipo caeu eliminado. Disputou só tres partidos do Campionato neozelandés, marcando dous goles no empate 4-4 co Hawke's Bay United.

Posteriormente pasou polo Olympiacos Volos de Grecia e o Mitra Kukar de Indonesia, antes de regresar a España fichando polo Toledo, de Segunda B. Disputou a promoción de ascenso, caendo ante o Hércules, e a continuación fichou polo Anorthosis Famagusta de Chipre.

Con todo, estivo só unhas poucas semanas na illa mediterránea e en agosto volveu ao fútbol español, asinando co Fuenlabrada, de Segunda B. Foi titular na maioría de partidos durante os seguintes anos, logrando o ascenso a Segunda División na tempada 2018/19. Militou tres campañas na categoría de prata, ata que o equipo descendeu ao remate da 2020/21.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente .

Categoría:Nados en 1984 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Leganés B Categoría:Xogadores do Levante UD B Categoría:Xogadores da UB Conquense Categoría:Xogadores da UD San Sebastián de los Reyes Categoría:Xogadores do Villarreal CF B Categoría:Xogadores do Villarreal CF Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores do FC Karpaty Lviv Categoría:Xogadores do Olympiacos Volos FC Categoría:Xogadores do CD Toledo Categoría:Xogadores do Anorthosis Famagusta FC Categoría:Xogadores do CF Fuenlabrada