Pavel Janák, nado en Karlín o 12 de marzo de 1882 e finado en Dejvice o 1 de agosto de 1956, foi un arquitecto, urbanista, deseñador e teórico da arquitectura checo. Evolucionou do cubismo ao racionalismo.
Traxectoria Estudou na Academia de Belas Artes de Viena (1906-1908), onde foi discípulo de Otto Wagner. Entre 1907 e 1909 traballou no estudo de Jan Kotěra. Os seus primeiros traballos mostran a influencia da Sezession vienesa, especialmente Josef Hoffmann. En 1911 uniuse ao Grupo de Artistas Plásticos (Skupina Výtvarných Umělců) e comezou a traballar no estilo cubista, como indican a vila Jakubec en Jičín (1911-1912) e a vila Drechsel en Pelhřimov (1912-1913). Entre 1911 e 1914 publicou diversos ensaios na revista Umělecký měsíčník (Mensual artístico), nos que expuxo unha teoría expresionista da arquitectura cubista, que consideraba unha loita espiritual coa materia inerte.
Despois da Primeira Guerra Mundial e da independencia de Checoslovaquia, Josef Gočár comezou a procura dun estilo arquitectónico nacional checo, o que deu lugar ao chamado "rondocubismo", que incorpora formas redondeadas e multicolores da decoración vernácula bohemia - moravia, como proba no crematorio de Pardubice (1921-1923) e no palacio Adria de Praga (1922-1925, con Josef Zasche).
A partir de mediados dos anos 20 evolucionou cara ao racionalismo de moda no contexto internacional, como se aprecia no edificio Škoda (1924-1926), o conxunto de vivendas das rúas Lomená, Cokrovarnická e Na Ořechovce de Praga (1923-1924), a terminal de Mariánské Lázně (1928-1930), o Hotel Juliš de Praga (1931-1933) e a sala de reunións evanxélica Husův sbor de Praga (1931-1933).
En 1932 encargouse da planificación xeral da exposición Werkbundsiedlung celebrada no barrio de Baba en Praga, onde se construíron varias vivendas deseñadas por dezaoito arquitectos, todos checos agás o holandés Mart Stam. Janák foi o arquitecto de tres casas: a vila Dovolil (1932), a vila Janák (1931-1932) e a vila Linda (1933-1934).
Nos últimos anos da súa carreira dedicouse especialmente á reconstrución de monumentos en Praga, como o Salón de Baile do Castelo de Praga (1948-1950) e o Pavillón de Hvězda (1948-1952).
Galería
Notas
Categoría:Nados en 1882 Categoría:Finados en 1956 Categoría:Arquitectos da República Checa Categoría:Arquitectos do Movemento Moderno Categoría:Deseñadores industriais