Eleno de Céspedes, nado en Alhama de Granada en 1545 e finado en El Puente del Arzobispo (Toledo), inicialmente coñecido como Elena de Céspedes, foi un cirurxián e ex-escravo español do século XVI.
Traxectoria Eleno naceu en 1545 en Alhama de Granada. Era mulato, fillo dunha escrava negra e do seu propietario, Benito de Medina. Foi manumitido aos 8 anos e recibiu o nome de Elena de Céspedes, en homenaxe á defunta esposa do seu pai. Contraeu matrimonio aos 15 ou 16 anos con Cristóbal Lombardo, un albanel de Xaén, con quen tivo un fillo que entregou a unha familia de Sevilla.
Tras finar o seu marido, marchou traballar a Sanlúcar de Barrameda. Alí, durante o seu traballo, acoitelou un home chamado Heredia por unha disputa. Ao saír da prisión tivo que marchar debido a que a familia do home o ameazara. Nese momento cambiou a vestimenta de muller pola de home e comezou a chamarse Eleno. De feito, en varios documentos aparece a súa sinatura co nome de Eleno de Céspedes.
No inicio traballou en diferentes profesións, como tecelán ou calcetando, debido a que pasaba pouco tempo en cada cidade ou vila. Foi tamén soldado na Guerra das Alpujarras en Granada, durante a súa estadía en Arcos de la Frontera. Desenvolveu a súa vida laboral como home, e mesmo conseguiu titularse como cirurxián. Os estudos actuais considérano unha persoa trans.
Para resolver as dúbidas en canto á procedencia ou non de conceder a esta persoa unha licenza de matrimonio para legalizar a súa vida marital cunha muller, o vigairo de Madrid, Juan Bautista Neroni, solicitou en 1586 o seu exame xenital. Este foille encargado ao prestixioso Francisco Díaz de Alcalá, médico e cirurxián do rei Filipe II e autor do primeiro tratado de uroloxía. Nesa ocasión ditaminou que Eleno era home.
Viviu durante un ano en Yepes como marido de María del Caño. Traballou como cirurxián nesa localidade e noutras da zona. A rareza da súa historia foi moi difundida, e terminou suscitando a denuncia dun antigo coñecido ante o Gobernador e Xustiza Maior en xuño de 1587.
A súa condición foi revisada por un tribunal civil en Ocaña. Alí foi examinado por varios médicos, cirurxiáns e comadroas, quen ditaminaron que era muller.
Foi acusado de lesbianismo, sodomía e bigamia. Ao ser considerado muller, a súa forma de relación con outras mulleres era en si mesmo un problema xurídico e de moral sexual. A Inquisición someteuno a xuízo, polo que o trasladou a Toledo en 1587 ante o inquisidor Lope de Mendoza. Tras ser examinado de novo polo mesmo Francisco Díaz e por Juan de las Casas, médico de Yepes, desta volta ditaminouse que Eleno non era nin home nin hermafrodita, senón muller, por tanto, debía ser chamado Elena de Céspedes. Así mesmo, ditaminouse que obtivera a aparencia xenital masculina mediante unha manipulación cirúrxica que realizou sobre si mesmo nos peitos e na vaxina. Tal era a súa habilidade que puido enganar ao ilustre experto no primeiro exame (que se xustificou aducindo unha «ilusión do demo» ou unha «arte sutil» que enmascarou o «embuste». Ademais, confesou que posibelmente só fose un exame visual, xa que declarou «non lembrar» se o tocara coas mans.
Os informes doutros médicos reafirmaron a súa condición feminina, e propuxeron que o seu presunto pene sería un artificio «como outras burladoras fixeron con pelica de ovella e outras cousas como se viron».
Ante a posibilidade de que tales artes fosen diabólicas, o 5 de outubro de 1587 foi acusada de bruxaría e de herexía ou apostasía. Eleno sempre negou todas as acusacións e mantivo a súa versión inicial. Foi condenado en 1588 a unha pena de 200 azoutes e a 10 anos de reclusión nun hospital traballando gratis na súa enfermaría.Entrevista a Agustín Sánchez Vidal, autor de un libro sobre el caso.
A súa peripecia vital ten certa similitude con casos posteriores, os de Catalina de Erauso, a monxa-alférez, e Fernanda Fernández, a quen si consentiron proseguir a súa vida como homes. Con todo, a automutilación á que somete Eleno de Céspedes os seus xenitais e a disimulación forzada dos seus peitos e doutros caracteres sexuais secundarios suxire que a procesada nunca se recoñeceu na súa condición feminina. Isto indica que se puido tratar dun home trans.
Notas
Categoría:Cirurxiáns de España Categoría:Nados en Alhama de Granada Categoría:Nados en 1545