, nada o 29 de maio do 1969 e finada o 25 de xuño do 1995, foi unha escritora taiwanesa, considerada unha das figuras máis destacadas da literatura lésbica e taiwanesa de finais do século XX. Entre as súas obras sobresaen as novelas Eyu shouji ("Anotacións dun crocodilo") e Mengmate yishu 蒙馬特遺書 ("Cartas póstumas dende Montmartre").

Biografía Qiu Miaojin naceu o 29 de maio de 1969 en Changhua, no oeste da illa de Taiwán. Estudou no Instituto de Mulleres de Taipei, unha institución privada de elite. Posteriormente, graduouse en Psicoloxía pola Universidade Nacional de Taiwán. En 1994, trasladouse a Francia para cursar un posgrao en Psicoloxía clínica na Universidade de París VIII. Alí, estudou coa filósofa feminista Hélène Cixous (1937-).

Recibiu diversos galardóns, como o Central Daily News Short Story, de relato curto, ou o premio de novela da United Literature Association.

O 25 de xuño de 1995, logo de rematar o manuscrito da súa derradeira novela, Qiu suicidouse cravando un coitelo no peito.

Obra A novelística de Qiu Miaojin está inspirada no cinema experimental, ao que a autora tamén se dedicou. Así, as escenas das súas obras non seguen unha orde secuencial, e moitas imitan o modelo das secuencias dunha película. Neste sentido, Qiu afirmou o seguinte do seu último libro: "Os lectores poden comezar por onde queiran. A única conexión entre os capítulos é o marco temporal no que foron escritos".

Eyu shouji ("Anotacións dun crocodilo") é unha sátira política con elementos autobiográficos, que tamén se inspira en efectos de montaxe surrealistas. A novela explora temas como a lesbofobia, a normatividade de xénero ou o capitalismo. Publicada en Taiwán no ano 1994, en medio dun pánico nos medios de comunicación en relación co lesbianismo, a obra converteuse nun símbolo da comunidade LGBT no país.

Pola súa banda, Mengmate yishu ("Cartas póstumas dende Montmartre"), publicada postumamente en 1995, é unha serie de notas de suicidio ordenadas de xeito aleatorio.

Traducións Qiu, M. (2018). Cartas póstumas desde Montmartre. Tradución ao castelán de Belén Cuadra. Gallo Nero. Qiu, M. (2020). Apuntes de un cocodrilo. Tradución ao castelán de Belén Cuadra. Gallo Nero.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas 邱妙津 (La literatura china traducida en España)

Categoría:Suicidios en 1995 Categoría:Suicidas de Francia Categoría:Alumnos da Universidade de París Categoría:Directores de cinema de Taiwán Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Nados en 1969 Categoría:Finados en 1995 Categoría:Escritores LGTB de Taiwán