Lu Xinhua (chinés simplificado: 卢新华; pinyin: Lú Xīnhuá), nado en Rugao (provincia de Jiangsu) no ano 1954, é un escritor e empresario chinés, pioneiro da chamada Literatura das Cicatrices. O seu relato "Cicatrices" foi publicado en galego por Edicións Xerais, na escolma Flores e leña (1982).

Traxectoria Tras rematar os seus estudos de secundaria, traballou no rural como agricultor. En 1972, foi recrutado polo Exército Popular de Liberación, onde serviu como soldado. Graduouse en Lingua Chinesa pola Universidade de Fudan (Shanghai) no ano 1982. Nesta época, escribiu o seu relato "Cicatrices" (Shanghen 伤痕, 1978), co que atinxiría moita sona. Con esta obra, fundou o movemento da Literatura das Cicatrices, que destaca por reflexionar sobre o sufrimento e as consecuencias da Revolución Cultural. Outro conto deste xénero é "O titor" (Banzhuren 班主任, 1977), de Liu Xinwu.

Lu continuou a escribir, pero sen demasiado éxito. Máis tarde, emigrou aos Estados Unidos, onde estudou un mestrado en Finanzas. Alí, dedicouse a traballar no mundo empresarial e abandonou a escrita, até que no ano 1998 decidiu publicar Xijie (细节, "Detalles"), onde conta a vida dun estudante chinés no estranxeiro. Segundo o autor, "aínda que estiven moito tempo alonxado do mundo literario (...) o meu corazón xamais esqueceu a literatura". A obra captou a curiosidade dos seus compatriotas, interesados polo escritor tras o longo silencio editorial.

O seu último traballo, Zijin nü 紫禁女 ("A rapaza prohibida", 2004), narra a historia dunha muller con discapacidade e a súa relación con tres homes.

Cicatrices (1978)

Lu Xinhua enviou "Cicatrices" á revista Renmin wenxue (人民文学, "Literatura popular"), a máis importante do país, que rexeitou a obra por ser demasiado negativa. O autor tomou a decisión de imprimila en forma de pasquíns, que colgou nos edificios do campus da súa universidade. Ante o éxito que tivo cos estudantes, o xornal Wenhui (文汇报) ofreceuse a publicala o 12 de agosto de 1978, recibindo multitude de cartas de felicitación. As propias institucións víronse na obriga de comentar oficialmente a historia, indicando o axeitado de denunciar os crimes da Banda dos Catro, mais rexeitando calquera ataque ou crítica contra o Partido.

"Cicatrices" está protagonizado por unha garda vermella chamada Wang Xiaohua. A muller decide distanciarse da súa nai cando esta é acusada de traidora polas autoridades. Ao regresar ao fogar nove anos despois, atopa o cadáver da nai cunha cicatriz na fronte e unha carta para ela. "Cicatrices" cativou ao público chinés pola viveza dos sentimentos que trata, e por ser un dos primeiros textos en comentar as traxedias familiares causadas pola Revolución Cultural.

Obras Cicatrices (Shanghen 伤痕, 1978). Xijie 细节 ("Detalles", 1998). Zijin nü 紫禁女 ("A rapaza prohibida", 2004).

Traducións Varios autores (1982). Flores e leña: Narracións chinesas contemporáneas. Tradución directa ao galego de Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Xerais.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas 卢新华 (La literatura china traducida en España)

Categoría:Escritores da China Categoría:Literatura en lingua chinesa Categoría:Nados en 1984