Hans Bodo Wehr, nado o 5 de xullo do 1909 e finado o 24 de maio do 1981, foi un estudoso alemán da lingua árabe. É recoñecido polo seu dicionario de árabe e o sistema de transliteración empregado nel. Foi membro do Partido Nazi.
Traxectoria Wehr naceu en Leipzig no 1909. Estudou no gymnasium de Halle, e logo nas universidades de Halle, Berlín e Leipzig. Doutorouse no 1935 e obtivo a súa habilitation no 1939.
Wehr uniuse ao Partido Nazi no 1940, e escribiu un ensaio defendendo que Alemaña debía aliarse cos árabes en contra de Inglaterra e Francia. Naquela época, comezou a traballar no seu dicionario árabe-alemán, para o que recibiu financiamento do goberno, dado que desexaban traducir o Mein Kampf ao árabe. Durante un tempo, Wehr tivo como asistente no proxecto á arabista xudía Hedwig Klein, que sería asasinada no campo de concentración de Auschwitz.
O dicionario, titulado Arabisches Wörterbuch für die Schriftsprache der Gegenwart, saíu no 1952. Unha versión inglesa, A Dictionary of Modern Written Arabic, editada por J. Milton Cowan, publicouse no 1961. O sistema de transliteración deseñado para o volume coñécese como sistema Hans Wehr. O dicionario non recoñece o traballo realizado por Klein na súa elaboración, agás un breve agradecemento.
Wehr foi profesor na Universidade de Münster dende 1957 até a súa xubilación no 1974. Faleceu nesa mesma cidade no 1981.
Notas
Categoría:Lingüistas de Alemaña Categoría:Profesores da Universidade de Münster Categoría:Finados en 1981 Categoría:Nados en 1909 Categoría:Nazis