Juana María Clara Capdevielle San Martín, nada en Madrid o 12 de agosto de 1905 e asasinada en Monte da Gándara, ás aforas de Rábade (provincia de Lugo) o 18 de agosto de 1936, á idade de 31 anos, foi unha intelectual e bibliotecaria española.

Licenciouse en Filosofía e Letras pola sección de Historia na Universidade Central. Accedeu ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos aos vinte e cinco anos de idade e traballou como bibliotecaria na Biblioteca Nacional de España, na Biblioteca de Filosofía e Letras da Universidade Central e na Biblioteca do Ateneo de Madrid. Foi a primeira xefa dunha biblioteca universitaria de centro en España e unha das responsables do traslado das coleccións da Biblioteca de Filosofía e Letras á Cidade Universitaria de Madrid.

Foi unha intelectual moi activa, como indica a súa participación nas Primeiras Xornadas Euxénicas Españolas (1933), no II Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía (1934) e na Sección de Historia do Ateneo de Madrid.

A súa traxectoria profesional centrouse exclusivamente nas bibliotecas. Foi pensionada pola Junta para Ampliación de Estudos para ampliar os seus coñecementos sobre a clasificación decimal a través de estancias europeas, dado que xa estaba a aplicar este sistema na biblioteca do Ateneo e na biblioteca de Filosofía e Letras. Formou parte do Seminario de Biblioteconomía e da Asociación de Bibliotecarios y Bibliógrafos de España, onde exerceu o cargo de tesoureira. Implicouse na creación da primeira Exposición de Bibliotecas infantís realizada en España e na creación dunha biblioteca circulante no Hospital Clínico de San Carlos e máis tarde no hospital da Cruz Vermella.

Casada en marzo de 1936 co político de Izquierda Republicana Francisco Pérez Carballo, acompañouno á Coruña cando este asumiu o cargo de gobernador civil. Logo do golpe de estado do 18 de xullo, separouse do seu home ante o inminente asalto do goberno civil o día vinte e xa non o volveu ver, xa que foi fusilado na madrugada do 24. Días despois foi encarcerada e logo da súa liberación refuxiouse en Vilaboa (Culleredo). Foi asasinada o 18 de agosto de 1936 e o seu corpo achado no km 526 da estrada Madrid - A Coruña, no Monte da Gándara, ás aforas de Rábade, con disparos en peito e cabeza.

Traxectoria Primeiros anos e formación Foi a segunda filla do matrimonio formado por Patrocinio San Martín Urriza, natural de Pamplona, e Juan Pedro Capdevielle Lisalde, nado en Baiona. Naceu no número 25 da rúa madrileña del Barco o 12 de agosto de 1905. Posteriormente a familia se trasladou primeiro á rúa do Carmen, número 16, Madrid, e logo a Pamplona, á rúa San Nicolás, número 21. esquerda|miniatura|Instituto Plaza de la Cruz, antigo instituto provincial, onde estudou Juana Capdevielle No instituto provincial desta última localidade, hoxe IES Plaza de la Cruz, foi onde Juana fixo os estudos secundarios, entre 1917 e 1923.Segundo o investigador do Instituto, Ignacio Panizo Santos, Juana ingresara en calidade de "primeira alumna do instituto", malia que as primeiras alumnas do centro foran, nesta orde: Rodríguez Bescansa (1905) e Isabel e Matilde Romero (a partir de 1907). Tiña un expediente brillante como indica a obtención de premios en varias materias (Psicoloxía e Lóxica, Historia xeral da Literatura e Fisioloxía e Hixiene) e do premio Ansoleaga ao mellor expediente académico. Alí foi compañeira de aulas de Pedro Laín Entralgo. Con dezaoito anos Juana comezou a dar clases particulares de francés.

Posteriormente cursou as materias da Sección de Historia da carreira de Filosofía e Letras, pola modalidade de ensino non oficial da Universidade Central.O expediente académico de Juana Capdevielle atópase desaparecido do Arquivo da Universidade. Esta circunstancia é común nos expedientes do alumnado dos anos 20 e 30, debida probablemente ao traslado do Arquivo á Cidade Universitaria, onde tivo lugar a batalla da Ciudade Universitaria, durante a guerra civil, entre o 15 e o 23 de novembro de 1936.O alumnado non oficial facía fronte a unhas taxas inferiores ás do oficial. . Comeza no curso 1924-25 e remata no 1927-28. Compaxinaba os estudos co traballo: foi profesora de francés e contabilidade no colexio Huarte e tamén acadou a primeira praza nas oposicións á Caixa de Aforros de Navarra. Nos veráns volvía a Pamplona e tamén viaxaba a Francia.

O 5 de decembro de 1929 o Diario de Navarra publicaba unha foto dela baixo o título: "Juana Capdevielle, primera mujer en Navarra en obtener el título académico de Filosofía y Letras". Na apertura oficial do curso en Pamplona, en outubro de 1929, participou co discurso " El arte y el placer de la lectura". Expedíuselle o título de licenciada pola Sección de Historia o dous de xullo de 1930, segundo consta no rexistro de títulos da universidade.

A altura do seu primeiro ano de estudos, a cifra de mulleres que accedían pola modalidade de ensino non oficial na Universidade Central era de 62, fronte a 609 homes matriculados. De feito era a única muller nas materias de Historia de España e Lóxica Fundamental. Nesta última presentouse a un exame extraordinario de méritos que superou con matrícula de honra.

Outras materias cursadas que cabe salientar son Biblioloxía, impartida por Pedro Sainz Rodríguez, e Paleografía, daquela impartida por Agustín Millares Carlo. Como era alumna de ensino non oficial, examinábase en convocatorias extraordinarias perante tribunais. Entre os membros destes tribunais destacan Antonio Ballesteros Beretta, Julián Besteiro e Hugo Obermaier Grad.

Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA)

O Cuerpo facultativo de Archiveros, Bibliotecarios e Arqueólogos foi unha institución nada en 1858 no seo da administración pública española e pensada para o servizo das bibliotecas, arquivos e museos.Inicialmente denominado Cuerpo de Archiveros-Bibliotecarios, posteriormente Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Anticuarios e máis tarde Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arquéologos.

Dende setembro de 1910 os postos de traballo dependentes do Ministerio de Instrución Pública permitían o acceso tanto de homes como de mulleres, sempre que se demostrase capacidade suficiente.Os departamentos dependentes doutros ministerios non permitiron o acceso das mulleres ata a aprobación do Estatuto da Función Pública en 1918.Esta apertura estaba limitada as categorías de auxiliar e servizo técnico. esquerda|miniatura|Biblioteca Nacional de EspañaEn 1929 modifícase o Regulamento do 24 de decembro de 1920 relativo ás oposicións ao CFABA, de xeito que se crea un Corpo de Aspirantes en expectativa de destino. Estes aspirantes poderían ocupar de xeito inmediato e provisional as vacantes que se producisen no corpo. Este sería o caso das persoas aspirantes derivadas da convocatoria de 40 prazas nas oposicións á escala xeral do CFABA convocado o 23 de novembro de 1929, ás que se presentou Juana Capdevielle. De ascendencia francesa por parte de pai, tivo que renunciar á nacionalidade francesa para poder formar parte do proceso selectivo.

Superou os catro exercicios da oposición e acadou unha nota final de 13,88, que se correspondeu co número de aspirante 11, do total dos 27 que superaran as probas. Os nomeamentos dos aspirantes e os seus destinos provisionais publicáronse o 9 de xullo de 1930 e neles debían permanecer un mínimo dun ano en período de prácticas. Porén, o 4 de agosto de 1930 pasaron a considerarse ingresados como facultativos, sen prexuízo da condición de completar o período de prácticas mínimo dun ano. Capdevielle estivo en prácticas do nove de xullo de 1930 ao 24 de xullo de 1931 na Biblioteca Nacional, foi nomeada funcionaria do CFABA o 28 de xullo e tomou posesión da súa praza na BNE xa como facultativa o 13 de setembro de 1930. miniatura|Instituto de San Isidro, sede principal da Biblioteca de Filosofía e Letras en 1931 Poucos días despois Capdevielle conseguiu un ascenso na escala por antigüidade e contou con outro en xullo de 1931. En agosto de 1931 obtivo unha praza por concurso na Biblioteca da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid, no Instituto de San Isidro.

A biblioteca de Filosofía e Letras da Universidade Central A biblioteca universitaria de Madrid estaba repartida en diversas localizacións que funcionaban como bibliotecas independentes dende 1897, coa súa correspondente xefatura:

Unha instalación na Universidade, formada polas bibliotecas da Facultade de Dereito, da Escola Superior de Diplomática e o Arquivo Universitario A Biblioteca de Medicina A Biblioteca de Farmacia A Biblioteca de Filosofía e Letras A Biblioteca de Ciencias, cunha sección no Xardín Botánico A Biblioteca de Arquitectura A Biblioteca de Veterinaria A Biblioteca da Escola de Artes e Oficios

A biblioteca de Filosofía e Letras contaba con dúas sedes. A principal estaba situada no Instituto de San Isidro, na rúa de Toledo, 45. Esta sede contaba cos fondos procedentes da Biblioteca dos Reais Estudos de San Isidro. A segunda, chamada Biblioteca do Decanato, estaba localizada na rúa Bernardo. En 1932 non contaba con persoal bibliotecario a cargo.

Coa publicación dun decreto do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes en que se se regulaba a organización das bibliotecas universitarias, de 14 de xaneiro de 1932, todas as bibliotecas de facultades pasaron a unirse nun único ente, a Biblioteca da Universidade. Deste xeito a Biblioteca da Universidade queda constituída polas bibliotecas das súas facultades, institutos e laboratorios. Como as once instalacións resultantes estaban dispersas xeograficamente, cada unha contou cunha xefatura local, subordinada á dirección única da Biblioteca Universitaria.

A Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central albergou a nova sección de Pedagoxía creada a raíz do Decreto do 27 de xaneiro de 1932, en que se suprime a Escola de Estudos Superiores de Maxisterio. Como consecuencia, a biblioteca de Filosofía e Letras pasou a integrar os fondos da Escola Superior de Maxisterio consonte a unha orde ministerial de abril de 1932.miniatura|Caserón de San Bernardo, sede da Universidad CentralJavier Lasso de La Vega y Jimenez Placer foi nomeado director da Biblioteca Universitaria en xullo de 1932 e un dos primeiros traballos que lle asignou a Juana Capdevielle foi o traslado dos fondos da Biblioteca do Decanato e da Escola Superior de Maxisterio a unha localización provisional no novo edificio da Facultade de Filosofía e Letras na cidade Universitaria. Nesta tarefa participaron Manuel Ballesteros e Juana Capdevielle, axudados polo persoal subalterno, bolseiros e estudantes voluntarios da facultade. Para o traslado foron necesarias as tarefas de catalogación, xa que a biblioteca do decanato non estaba toda catalogada. Centrada principalmente nas tarefas de revisión e catalogación, Juana Capdevielle traballou neste proceso do 17 de decembro de 1932 ao 14 de xaneiro de 1933. esquerda|miniatura|Facultade de Filosofía e Letras, edificio reconstruído tras a Guerra Civil, na cidade Universitaria

Rematada esta fase en 1933, proseguiuse co traslado dos fondos procedentes da biblioteca de San Isidro e da Escola de Diplomática, xa na instalación definitiva dentro do edificio, no que tamén participou Capdevielle. Co inicio da guerra civil, o acceso da totalidade das coleccións na localización definitiva non puido completarse.