O 2 de xaneiro de 2024 ocorreu unha colisión na pista entre un Airbus A350, operando o voo 516 de Japan Airlines (JAL516), e un De Havilland Canada Dash 8 operado pola Garda Costeira do Xapón. Cando o JAL516 aterraba no aeroporto de Haneda en Tokyo, chocou co aparello da Garda Costeira na pista e ámbolos dous avións comezaron a arder. Cinco dos seis tripulantes a bordo do Dash 8 morreron na colisión, pero os 367 pasaxeiros e 12 tripulantes do A350 sobreviviron.
O JAL516 era un voo regular de pasaxeiros entre o novo aeroporto de Chitose preto de Sapporo, e o aeroporto de Haneda en Tokyo, e o avión da Garda Costeira estaba nunha misión de socorro en resposta ao terremoto de Noto ocorrido o día anterior. O choque iniciou lumes que destruíron os dous avións. Foi o primeiro grande accidente de Japan Airlines dende o voo 123 en 1985, e tamén a primeira perda dun Airbus A350.
Avións O aparello de JAL implicado no accidente era un Airbus A350-941, con número de serie do fabricante 538 e rexistrado como JA13XJ. O avión tiña algo máis de dous anos no momento da colisión, voando por vez primeira o 20 de setembro de 2021 e sendo entregado a JAL o 10 de novembro.
O avión da Garda Costeira do Xapón era un De Havilland Canada DHC-8-315Q MPA, con número de serie do fabricante 656, chamado Mizunagi-1 (xaponés: みずなぎ1号), e con rexistro JA722A. O aparello tiña uns 16 anos, voando por vez primeira en novembro de 2007 e sendo mercado pola Garda Costeira en marzo do ano 2009. O avión resultara danado no terremoto e tsunami de Tōhoku de 2011 mentres estaba estacionado no aeroporto de Sendai, e foi o único aparello alí danado que sería reparado tras o desastre. O Dash 8 estaba equipado cun transpondedor con capacidade para Modo S pero non estaba equipado con ADS-B; isto significa que a posición e velocidade do avión non eran dadas polo propio aparello senón que dependían da multilateración de receptores en terra.
Colisión miniatura|251x251px|Esquema do aeroporto coa localización da colisión na pista e os restos das dúas aeronaves
Avión da Garda Costeira O aparello da Garda Costeira, con seis tripulantes a bordo, preparábase para levar subministracións a unha base aérea en Niigata en resposta ao terremoto de Noto ocorrido o día anterior. Era un dos catro avións despregados polo goberno para proporcionar axuda á área afectada.
Informouse de que avión estivo parado na pista uns 40 segundos antes do choque. O capitán, que informou de que a parte traseira da aeronave incendiouse de súpeto pouco despois de que incrementase a potencia dos motores antes de estoupar tras a colisión, sobreviviu con feridas graves, mentres que os outros cinco tripulantes morreron segundo informou o Departamento de Bombeiros de Tokyo. Os restos do avión da Garda Costeira quedou a varios metros do punto onde se detivo finalmente o A350 de Japan Airlines.
Voo 516 de JAL O voo 516 de Japan Airlines (número de voo ICAO JAL516) engalou do novo aeroporto de Chitose ás 16:27 JST (07:27 UTC) en ruta ao aeroporto de Haneda. O voo aterrou ao anoitecer con ventos leves e variables, cunha visibilidade superior aos 10 km, poucas nubes a 2 000 pés (610 m), e unha capa de nubes dispersas a 9 000 pés (2 700 m).
Ao redor das 17:47 JST (08:47 UTC), o JAL516 chocou cun Dash 8 da Garda Costeira do Xapón, identificado polo seu distintivo de chamada e número de rexistro JA722A, mentres aterraba ba pista 34R do aeroporto de Haneda. Imaxes de CPTV amosan unha bola de lume saíndo dos avións, co aparello de JAL deixando un rastro ardente mentres continuaba arrastrándose pola pista ata parar ao redor dun quilómetro despois. O fume encheu a cabina do A350 rapidamente tras o accidente. Os bombeiros chegaron ao lugar nuns tres minutos, aparecendo uns 70 camións. Segundo o Departamento de Bombeiros de Tokyo, o lume foi extinguido pouco despois de medianoite, momento no cal a estrutura do avión xa colapsara debido á intensidade das lapas. A colisión e posterior incendio foron capturados por cámaras de circuíto pechado na Terminal 2. Tras a colisión os sinais ADS-B do avión, agás a información de posición, recibíronse durante un minuto.
Segundo un comunicado dun portavoz de JAL, os tres pilotos sentiron un choque repentino xusto despois de aterrar e perderon o control do avión mentres intentaban manter o seu curso ao longo da pista. Descoñecían que se producira un incendio a bordo ata que un encargado de cabina lles informou de que o motor esquerdo estaba en chamas, e un dos pilotos dixo máis tarde que vira un obxecto que lle preocupara antes da colisión. Porén, os tres pilotos negaron que confirmaran visualmente a presenza da aeronave da Garda Costeira.
Co motor dereito aínda en funcionamento, os 367 pasaxeiros e 12 tripulantes a bordo do JAL516 evacuaron o aparello a través de tres das oito ramplas de evacuación do avión, situadas nas portas 1L, 1R e 4L. JAL dixo que o sistema de anuncios en voo do avión fallou, facendo que a tripulación tivese que das as instrucións a través de megáfonos ou berrando. A bordo do avión había oito nenos. Tamén había dúas mascotas facturadas, un can e un gato, que morreron. 15 persoas sofreron feridas leves, sendo catro delas levadas ao hospital. Observouse que ninguén saíu con equipaxe de man, factor que facilitou unha mellor evacuación. Outro factor citado na supervivencia dos que estaban a bordo foi que o aparello, un dos primeiros modelos comerciais en ser fabricado con materiais compostos de fibra de carbono, parece que resistiu relativamente ben o impacto inicial da colisión e o lume. A aeronave foi complentamente evacuada ás 18:05 JST (09:05 UTC), 18 minutos despois da aterraxe, e o capitán foi a derradeira persoa en abandoala, segundo a cadea pública xaponesa NHK.
Consecuencias miniatura|Cartel indicando a cancelación de voos de ANA na terminal 2 de Haneda
Operacións no aeroporto de Haneda Aínda que todos os pasaxeiros e tripulantes no Airbus A350 foron evacuados con feridas leves, o avión quedou moi danado e sen posibilidade de reparación, estimando JAL unhas perdas operacionais pola súa destrución duns 15 000 millóns de yens (105 millóns de dólares), que están cubertas polo seguro. O avión que tiña que aterrar xusto despois do voo 516, un Boeing 737-800 (JAL166) que realizaba a aproximación á pista 34R, tivo que realizar un motor e ao aire a 350 m de altura antes de ser desviado ao aeroporto de Narita. Había máis avión agardando para engaar e a meirande parte deles tiveron que regresar á terminal despois de que se pechasen as pistas.
O accidente ocorreu cando millóns de persoas viaxaban polas celebracións de Aninovo, un dos períodos con máis viaxes do ano. Todas as pistas de Haneda pecharon temporalmente tras a colisión, e moitos voos tiveron que ser desviados ao próximo aeroporto de Narita, así como aos aeroportos de Chūbu Centrair e Kansai. Outros canceláronse como resultado do choque, rexistrando All Nippon Airways 112 voos domésticos cancelados e Japan Airlines 116 ese mesmo día. Ao redor das 21:30 JST (12:30 UTC), as outras tres pistas de Haneda abriron ao tráfico segundo o Ministerio de Territorio, Infraestruturas, Transportes e Turismo. As cancelacións continuaron ata o día 7 de xaneiro, cando 1 227 voos e 221 910 pasaxeiros xa se viran afectados. O accidente reduciu a capacidade de Haneda a un 70%. En resposta a todos ese atrasos, o grupo Japan Railways estableceu servizos Shinkansen complementarios nas rutas Tokaido, Hokuriku, e Tohoku Shinkansen o 4 de xaneiro cara Osaka, Kanazawa, e Hokkaido respectivamente. Estes servizos adicionais ofrecéronse sen reserva de asento.
Os traballadores comezaron a limpar os restos do avión da Garda Costeira na tarde do 4 de xaneiro, seguido polos restos do JAL 516 na mañá do 5 de xaneiro. As operacións de limpeza, que incluían a reparación de partes do pavimento danadas, completáronse o 7 de xaneiro. A pista afectada abriu ao tráfico o 8 de xaneiro. As reparacións das luces danadas polo accidente agárdanse para febreiro. O Ministerio MLIT tamén advertiu de máis avións que sobrevoaban a prefectura de Chiba a baixa altitude despois de que a colisión inutilizase as rutas a baixa altitude polo centro de Toquio.
O 12 de xaneiro, a Garda Costeira do Xapón suspendeu ao persoal na Estación Aérea de Haneda, que ten xurisdición sobre as augas costeiras entre as prefecturas de Ibaraki e Shizuoka, de operar os dous helicópteros e tres avións de á fixa das instalacións como parte dos esforzos para garantir a seguridade e a atención psicolóxica ao persoal, delegando a explotación dos medios aéreos da estación en persoal doutras instalacións da Garda Costeira.
Resposta do goberno O goberno xaponés creou unha oficina de enlace de información no Centro de Xestión de Crise na Oficina do Primeiro Ministro. A Xunta de Seguridade do Transporte do Xapón anunciou que unha investigación formal comezaría o 3 de xaneiro.
Despois dos informes de que os controladores de tráfico aéreo non foran conscientes de que o avión da Garda Costeira entrara na pista sen autorización, o Ministerio instalou un novo posto para un controlador o 6 de xaneiro coa misión de monitorizar constantemente os avións no aeroporto. O uso da frase "número 1" na linguaxe do control aéreo foi tamén prohibida despois de que a investigación suxerise que o uso do termo fixo que o piloto da Garda Costeira pensase que tiña autorización para entrar na pista. Tamén van ser introducidas cores máis brillantes para as liñas de parada antes das entradas ás pistas, tanto en Haneda como noutros aeroportos.
Conmemoracións Os restos das vítimas mortais a bordo do avión da Garda Costeira foron sometidos a unha autopsia antes de ser devoltos ás súas familias o 8 de xaneiro. Os seus compañeiros realizaron unha homenaxe na base da Garda Costeira en Haneda.
JAL anunciou que estaba considerando preservar os restos do voo 516 para recordarlles aos empregados a importancia de dar prioridade á seguridade, de xeito similar ao que fixera cos restos do voo 123 de Japan Airlines que se estrelou en 1985.
O 17 de xaneiro, tanto o presidente da JAL, Yuji Akasaka, como o xefe da Garda Costeira do Xapón, Shohei Ishii, pediron desculpas pola implicación das súas aeronaves na colisión.
Investigación A Xunta de Seguridade do Transporte do Xapón é a axencia principal da investigación. A Oficina de Investigación e Análise para a Seguridade da Aviación Civil (BEA) francesa anunciou a través de Twitter que cooperará con Airbus durante a investigación. Tamén engadiu que enviaría un equipo a Xapón para investigar o incidente, como parte do seu protocolo para accidentes que impliquen unha aeronave de Airbus. Investigadores británicos do fabricante do motoress do A350 Rolls-Royce tamén planearon unirse a eles. O Consello de Seguridade do Transporte do Canadá, xunto con asesores técnicos do fabricante do Dash 8, De Havilland Canada, e do fabricante de motores Pratt & Whitney Canada, anunciaron que tamén participarían na investigación. A Xunta Nacional de Seguridade no Transporte estadounidense (NTSB) tamén prestará asistencia na investigación.