Tomás Navarro Tomás, nado en La Roda (provincia de Albacete) o 12 de abril de 1884 e finado en Northampton (Massachusetts) o 16 de setembro de 1979, foi un filólogo, bibliotecario e intelectual español da Segunda República. Foi director da Biblioteca Nacional de España e participou no Salvamento do Tesouro e do Patrimonio bibliográfico nacional. Exiliouse en 1939 nos Estados Unidos, traballou na Universidade Columbia e foi cofundador da Academia Norteamericana da Lingua Española. A súa obra filolóxica enmárcase no contexto da modernización científica española do século XX que levou a cabo no Centro de Estudos Históricos, do que foi un dos seus principais colaboradores. Atópase entre os discípulos predilectos de Ramón Menéndez Pidal.

Traxectoria Primeiros anos Tomás Navarro Tomás era fillo de Juan Navarro Zapater e de Joaquina Tomás Ballester, naturais de Villena (Alacant).

Realizou na súa vila natal os seus primeiros estudos máis os dous primeiros cursos do bacharelato e examinouse no Instituto de Albacete. Talvez polos vínculos familiares con Villena trasladouse á dita localidade. Estudou alí os outros tres cursos, polo que se examinou no Instituto de Alacante, onde obtivo o título de Bacharel en Artes en 1902.

Estudos universitarios en Valencia e Madrid Ese ano comezou os estudos superiores na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Valencia e continuounos na Universidade Central de Madrid. O 15 de xuño de 1906 fixo o exame do grao e licenciouse o 23 de xuño. Empezou a súa tese doutoral baixo a dirección de Ramón Menéndez Pidal.

Dedicouse á investigación filolóxica con documentos medievais aragoneses conservados no Arquivo Histórico Nacional (AHN). En 1907 conseguiu unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudos (JAE) para estudar sobre o terreo os dialectos do Alto Aragón e coñecer así as relacións entre os documentos e a fala viva das zonas onde naceron. De alí xurdiu a súa primeira investigación lingüística, publicada nas Memorias da JAE. Aquel traballo moveuno a opositar ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, o que lle permitiu, por outra banda, independizarse economicamente dos seus pais.

Obtivo o título de Doutor en Letras pola Universidade Central de Madrid o 15 de xuño de 1909, coa tese Notas filológicas sobre o Libro de los Emperadores de Oriente, manuscrito de frei Johan Ferrández d'Heredia, Gran Mestre da Orde de Malta no século XIV. alt=Tumba de T. Navarro Tomás|miniatura|Navarro Tomás finou no exilio nos EUA, onde repousan os seus restos

Ocupacións profesionais Ingresou por oposición no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos o 31 de decembro de 1909. Foi destinado ao Arquivo Provincial de Ávila.

Comezou a súa tarefa de investigación lingüística como editor de textos clásicos, como Las moradas de Tareixa de Ávila e a obra poética de Garcilaso de la Vega, publicados primeiro na colección La Lectura e logo Clásicos Castellanos da editorial Espasa-Calpe. Entre 1912 e 1913 foi bolseiro pola Junta para Ampliación de Estudios para estudar fonética e dialectología en universidades francesas, alemás e suízas. Ao seu regreso comezou a colaborar con Menéndez Pidal na fundación da Revista de Filología Española e foi elixido para dirixir o laboratorio de fonética do Centro de Estudios Históricos, asociado á JAE. Introduciu en España os métodos de investigación desta rama da lingüística, principalmente o método experimental e a súa aplicación ao ensino da lingua. Plasmounos no seu Manual de pronunciación española (1918). Como director do laboratorio de fonética experimental do Centro de Estudos Históricos (CEH) tivo entre os seus estudantes a María Josefa Canellada e Alonso Zamora Vicente, ambos dialectólogos, que se unirían en matrimonio. Dende ese cargo impulsou e coordinou os traballos de investigación para a construción do Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI). Nese equipo atopábanse Aurelio Espinosa (fillo), Lorenzo Rodríguez-Castellano, Manuel Sanchis Guarner, Francesc de Borja Moll e Aníbal Otero, amais dos portugueses Rodrigo de Sá Nogueira, Armando Nobre de Gusmão e Luís Lindley Cintra.Este último incorporouse ao proxecto entre 1952 e 1954, cando se completaron as enquisas en Portugal. Os traballos publicados como consecuencia das enquisas do Atlas foron ampliando o coñecemento da dialectoloxía española: entre moitos outros, en 1933 publicou con Espinosa y Rodríguez-Castellano La frontera del andaluz.

Co musicólogo Eduardo Martínez Torner, compilou entre 1931 e 1933 o Archivo de la Palabra como parte da recolleita da música tradicional española. Co fin de conservar a música popular e a cultura española, gravou as voces de destacados personaxes públicos de todos os ámbitos xunto coa escolma de romances, cancións populares e melodías tradicionais que recollera Martínez Torner.  As gravacións da voz de personaxes ilustres foron conservadas e editadas tras o franquismo pola recuperada Residencia de Estudiantes.

Ingresou na Real Academia Española o 19 de maio de 1935 para ocupar a cadeira "h" minúsculo. O seu discurso, El acento castellano,No discurso de acceso expuxo a súa preocupación ao observar que a entoación e a norma ortolóxica do castelán se estaban perdendo. Isto debíase a que o español que se transmitía ao exterior, principalmente a través do cinema sonoro, estaba cheo de andalucismos tomados do sainete. foi contestado polo académico Miguel Artigas Ferrando. Presidiu o acto o presidente da Segunda República española Niceto Alcalá-Zamora.

Foi director da Biblioteca Nacional de España entre 1936 e 1939. É considerado un dos principais responsábeis de salvar gran parte do tesouro bibliográfico español do bombardeo de Madrid durante o longo asedio por parte do bando sublevado. En 1937 tomou parte activa no II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura.

O maxisterio de Navarro Tomás En xaneiro de 1939 marchou de España con outros intelectuais republicanos, entre eles Antonio Machado, cara a Francia. Perdida a causa republicana, tras a Guerra civil española exiliouse coa súa familia nos Estados Unidos. Ocupou a cátedra de filoloxía hispánica na Universidade Columbia (Nova York) até a súa xubilación en 1952. Nos anos 40 o seu nome foi tachado dalgúns dos seus libros pola censura franquista.

No exilio americano continuou a desenvolver o seu traballo de investigación. En 1944 publicou o Manual de entonación española e en 1946 os Estudios de fonología española. En 1951 devolveu a España os materiais recollidos para o Atlas, que levara ao exilio para salvagardalos. En 1962 publicouse en Madrid o primeiro tomo do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica.

Escribiu tamén Métrica española. Reseña histórica y descriptiva (1956), un estudo xa clásico sobre versificación. Un epítome deste traballo apareceu anos despois co título Arte del verso (1959).

Morreu no exilio en 1979, aos 95 anos de idade.

Distincións académicas Foi membro fundador da Academia Norteamericana da Lingua Española, así como membro da Hispanic Society de Nova York, da American Academy of Arts and Sciences e do Hispanic Institute in the United States. Tamén foi membro honorario da American Association of Teachers of Spanish e presidente honorario da Sociedad Nacional Honoraria Hispánica Sigma Delta Pi de California. Entre outras distincións foi nomeado doutor honoris causa polo Middlebury College de Vermont en 1940.

Recoñecementos En 2008 déuselle o seu nome á Biblioteca Tomás Navarro Tomás, declarada Ben de Interese Cultural e pertencente ao Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Científicas de España. Tamén levan o seu nome algúns centros e institucións de ensino.

Selección de obras Amais da súa edición da obra de Garcilaso de la Vega e o seu estudo de Las moradas de Santa Tareixa de Ávila, valóranse en especial manuais e estudos monográficos como:

Manual de pronunciación española, 1918 Estudios de fonología española, 1946 Manual de entonación española, 1948 El español de Puerto Rico, 1948 Métrica española, 1956 (e Métrica española: reseña histórica y descriptiva, 1966) Documentos lingüísticos del Alto Aragón, 1957 Arte del verso, 1959 Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, 1962.Xunto con Amado Alonso comezou aquela magna obra de investigación en 1931. Nela participaron tamén Aurelio M. Espinosa fillo, Lorenzo Rodríguez Castellano, Aníbal Otero e Manuel Sanchis Guarner (para a zona castelanfalante); Aníbal Otero e Armando Nobre de Gusmão (para a zona galegoportuguesa), e Francisco de B. Moll e Manuel Sanchis Guarner (nas zonas catalás). «Enquisaron con cuestionario sobre os distintos aspectos da vida rural, recollendo materiais comparábeis nunha ampla rede enquisa (527 puntos) de boca de informantes con pouca instrución e certa idade, o que lles permitiu reunir datos representativos das falas vivas. A guerra civil española interrompeu o proxecto pouco antes de concluír as enquisas.» Tomás Navarro Tomás ao saír para o exilio levou os materiais para protexelos. Tempo despois, negociou dende Nova York o reintegro a España do que se denominou o legado Navarro Tomás, colaborando para a súa publicación no ámbito do Consello Superior de Investigacións Científicas. En 1962 apareceu o único tomo editado. La voz y la entonación en los personajes literarios, 1976.

Notas

Referencias

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas Categoría:Pensionados da JAE Categoría:Profesores da Institución Libre de Enseñanza Categoría:Escritores de Castela-A Mancha Categoría:Académicos da Real Academia Española Categoría:Nados en 1884 Categoría:Finados en 1979