O concepto de Mulligan é unha forma de terapia manual deseñada para restaurar ou mellorar o movemento fisiolóxico normal, que pode aplicarse de xeito seguro e eficaz en patoloxías dos sistemas musculoesquelético e nervioso.
Definición A diferenza das técnicas de mobilización convencionais, que se empregan en condicións estáticas, a mobilización con movemento fai fincapé na mobilización da articulación durante o movemento fisiolóxico. O concepto Mulligan tamén pode definirse como unha combinación de conceptos de mobilización pasiva xa coñecidas como Kaltenborn, Maitland, Cyriax, Butler e con técnicas de mobilización activa como Pilates, facilitación neuromuscular propioceptiva (FNP) e control cinético.
As técnicas de Mulligan inclúen deslizamentos apofisarios naturais sostidos (SNAG'S), deslizamentos apofisarios naturais (NAG'S) e mobilizacións con movemento (MWM), e utilízanse na dor da columna vertebral ou das extremidades tanto superiores como inferiores. Os factores máis influentes para realizar as técnicas de Mulligan son a forma das superficies articulares, a aliñación do tecido cartilaxinoso, as fibrillas ligamentarias e capsulares, a dirección dos músculos e tendóns. As técnicas de Mulligan non causan dor ao paciente, non teñen efectos secundarios e non son fisicamente intensas para os terapeutas debido ao uso de cintos e movementos voluntarios por parte dos pacientes.
Mobilización con movemento A mobilización con movemento pertence á clase de técnicas de terapia manual amplamente utilizadas no tratamento da dor musculoesquelética. A mobilización articular pasiva aplícase ó mesmo tempo que o paciente efectúa o movemento de provocación. Ademais, a mobilización con movemento tamén pode autoaplicarse, implicando así ao paciente na recuperación. A principal indicación para realizar a técnica de mobilización con movemento é a alteración do movemento por dor e/ou rixidez, e o obxectivo principal é corrixir a alteración biomecánica da articulación pretendida. Así, as mobilizacións con movemento perfílanse para aumentar a mobilidade funcional e diminuír a dor. A estimulación mecánica facilitada pola mobilización con movemento pode activar o sistema descendente inhibitorio da dor do sistema nervioso central (SNC) causando hipoalxesia.
Efectos da mobilización con movemento
Cervical
A mobilización con movemento de Mulligan presenta resultados positivos na dor de pescozo, na dor cervical subaguda e crónica inespecífica, na dor cervical mecánica, e a radiculopatía cervical.
Ombreiro
En pacientes que sofren dor de ombreiro, esta técnica de mobilización con movemento, demostrou mellorar a amplitude de movemento, a dor e a discapacidade.
Cóbado
A mobilización con movemento, aplicada en pacientes con epicondilalxia, asóciase cunha mellora do estado funcional, unha diminución da nivel de dor e un aumento da forza de prensión sen dor.
Lumbar
En individuos con dor lumbar, a mobilización con movemento de Mulligan demostrou efectos positivos sobre a dor, a amplitude de movemento, e a actividade muscular. A redución da dor en repouso e durante a flexión activa do tronco, aumenta o rango de movemento do tronco, mellora a capacidade funcional e reduce a kinesiofobia.
Xeonllo
As técnicas Mulligan demostraron efectos positivos a curto prazo sobre a dor e a mobilidade do xeonllo en participantes con osteoartritis de xeonllo.Ademais, a técnica de mobilización con movemento demostrou ser eficaz para reducir a dor en repouso e mellorar a flexibilidade do músculo isquiotibial a curto prazo en pacientes con dor patelofemoral.
Nocello
A mobilización con movemento é unha ferramenta terapéutica útil que acada bos resultados a curto e longo prazo no rango de movemento da flexión dorsal, o control postural dinámico e a inestabilidade autoinformada en pacientes con inestabilidade crónica do nocello.
Sistema nervioso autónomo
A mobilización con movemento para a epicondilalxia crónica é capaz de producir efectos hipoalxésicos durante e despois da súa aplicación, así como de alterar a función do sistema nervioso simpático (SNS). Tamén, a técnica de mobilización vertebral con movemento do membro inferior produce unha resposta simpatoexcitatoria significativa, a través dun aumento da conductancia cutánea.
Notas
Categoría:Fisioterapia