O Winter Classic 2024 foi un partido de hóckey sobre xeo feminino ao aire libre que se disputou o día 3 de febreiro de 2024 na pista de xeo de Koulukatu de Tampere entre os dous equipos máis laureados do hóckey sobre xeo feminino finlandés, o Ilves e o K-Espoo. O partido foi valedoiro e formou parte do calendario da tempada 2023-24 da Naisten Liiga, a máxima competición do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia.
Ademais do partido estrela entre o Ilves e o K-Espoo, durante a mañá disputáronse partidos de exhibición dos equipos de nenas do club local. Logo dos 60 minutos regulamentarios o K-Espoo impúxose no marcador por cinco goles a tres nun partido moi igualado que non se decidiu ata os instantes finais.
Con 210 persoas nas bancadas, o Winter Classic superou amplamente a asistencia media aos partidos do Ilves no Tesoman jäähalli, aínda que despois do clásico invernal o equipo masculino do Ilves e a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo recibiron críticas pola falta de apoio ao evento.
A sede
miniatura|A pista de xeo de Koulukatu, na que se disputou o partido. O Winter Classic disputouse na mítica pista de xeo de Koulukatu de Tampere o 3 de febreiro de 2024. A pista forma parte da historia do hóckey sobre xeo finlandés, xa que foi a primeira pista de xeo artificial construída en Finlandia na década de 1950. Koulukatu foi ademais a casa do Ilves Naiset durante case dúas décadas, ata que o equipo se trasladou ao Tesoman jäähalli, no oeste da cidade.
Antecedentes
O 28 de xaneiro de 2012 houbo un precedente dun partido ao aire libre na daquela denominada Naisten SM-sarja no mesmo escenario e cos mesmos protagonistas, se ben daquela o equipo de Espoo era denominado "Espoo Blues", no chamado Koulukarun lassikko. Nesta ocasión o partido decantouse do lado do equipo local (3-1). As de Tampere foron superiores ao equipo de Espoo, como recoñeceu logo do partido a capitá visitante Essi Hallvar.
O 5 de xuño de 2023 a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo presentou o calendario da tempada 2023-24. Ao mesmo tempo fixo público que se disputaría un clásico de inverno, un partido ao aire libre, o día 3 de febreiro de 2024 na pista de xeo de Koulukatu, en Tampere, entre o Ilves e o K-Espoo. Con respecto ao evento, a directora do Ilves, Yin Tuorila, sinalou a intención de:
O 19 de xaneiro o Ilves publicou o cartel do partido nas súas redes sociais, no que aparecía o logotipo do evento xunto coas xogadoras Sanna Lehikoinen (Ilves) e Bianca Kanerva (K-Espoo). Na mesma publicación o equipo de Tampere indicou os eventos que terían lugar antes do partido, coa disputa de partidos dos seus equipos de nenas das categorías N8-10 e N11-13.
O equipo de Tampere realizou unha campaña promocional do partido na que participaron as propias xogadoras cun vídeo que publicou nas súas redes sociais. Ademais o Ilves deseñou un gorro conmemorativo do Winter Classic co logotipo do evento que comercializou nos partidos previos como local, así como no propio clásico invernal.
O prezo das entradas para o evento oscilou entre os 3 e os 15 €.
Programa do evento miniatura|esquerda|250px|Ipa, a mascota do Ilves, en Koulukatu durante o Winter Classic. Ademais do partido que enfrontou aos equipos representativos do Ilves e o K-Espoo, durante a xornada disputáronse outros dous encontros femininos de exhibición dos equipos das categorías N8-10 e N11-13 do Ilves, que abriron a xornada de hóckey en Koulukatu ás 11:00 (UTC +2). Os partidos disputáronse de xeito simultáneo nas dúas pistas de Koulukatu: na pista principal as nenas do equipo N11-13 enfrontáronse ás nenas do HPK de Hämeenlinna, mentres que na segunda pista o equipo N8-10 xogou fronte á nenas do K-Espoo.
Logo dos partidos das nenas os equipos representativos realizaron unha sesión de quecemento no xeo a partir das 12:30 (UTC +2).
Durante toda a xornada de hóckey feminino puido verse polas instalacións de Koulukatu á mascota do Ilves, Ipa, que posou para unha foto con ambos equipos logo do partido da Naisten Liiga. Ademais o club de Tampere instalou unha carpa para a venda de comida.
Despois do partido da Naisten Liiga entre o Ilves e o K-Espoo celebrouse tamén un dobre clásico invernal cos equipos masculinos U16 do Ilves. Nestes partidos o Ilves U16 Akatemia enfrontouse ao S-Kiekko de Seinäjoki, mentres que o outro tivo como protagonistas aos equipos da U16 SM-sarja do Ilves e o Tappara. O Ilves xogou coa camisola clásica a raias verdes e negras, mentres que o Tappara o fixo coa camisola do seu predecesor, o TBK.
Enfrontamentos previos na tempada miniatura|Xogadoras do K-Espoo durante o partido fronte o Ilves disputado no Tesoman jäähalli o 29 de novembro de 2023. O clásico de inverno foi o cuarto partido de liga regular que xogaron ambos equipos na tempada. Antes da disputa do encontro as xogadoras de Espoo gañaran dous dos tres partidos, a pesar de que o equipo de Tampere se impuxera na segunda xornada do Avausturnaus disputado en Espoo grazas a un gol na prórroga de Helen Puputti (3-2).
No segundo encontro entre ambos equipos, disputado en Espoo, as xogadoras locais impuxéronse por 5-2 nun partido que estivo marcado pola igualdade, xa que durante os dous primeiros terzos o marcador mantívose nun 1-0 favorable ao K-Espoo, pero que se rompería no inicio do último período, cando Emma Nuutinen anotou dous goles en menos de tres minutos e que pechou Lisette Täks a porta baleira.
O terceiro encontro, disputado en Tampere, resolveuse de novo a favor do K-Epoo (1-3) nun partido no que de novo as de Espoo controlaron o xogo e mantivéronse sempre por diante no marcador. A porteira do equipo de Uusimaa, Tiia Pajarinen, estivo a menos dun minuto de conseguir un shutout, mais o gol de Emilia Varpula a falta de 57 segundos para a conclusión do partido impediu que a porteira rexistrase nas súas estatísticas un partido sen encaixar ningún gol.
Os equipos de Espoo e Tampere chegaron ao partido como líder e quinto clasificado da liga regular respectivamente.
Pos. Equipo PX V OTW OTL D GF GC DG Pts1K-Espoo 28 20 2 3 3 139 58 +81 675Ilves 28 12 5 1 10 88 81 +7 47
Equipos miniatura|250px|Xogadoras do Ilves antes do inicio do partido. Ilves
O Ilves foi un dos equipos fundadores da liga feminina finlandesa, sendo un dos equipos que participaron na súa tempada inaugural. O equipo de Tampere é o único que participou en todas as edicións da competición, da cal se proclamou campión en 10 ocasións, ademais de conseguir 12 medallas de prata e 6 bronces ata a data do evento, do mesmo xeito, é o único equipo finlandés que se proclamou campión dunha competición internacional, foi no ano 2011, cando alzou a IIHF European Women's Champions Cup. O equipo estivo dirixido por Marjo Voutilainen, quen viviu a súa segunda tempada á fronte do equipo de Tampere. O equipo do Ilves na tempada 2023-24 estivo integrado polas seguintes xogadoras:
K-Espoo miniatura|250px|Xogadoras do K-Espoo antes do inicio do partido.
Se ben o hóckey sobre xeo feminino comezou a súa andaina en Espoo a mediados da década de 1970, non foi ata a tempada 1993-94 cando un equipo da cidade competiu na máxima categoría baixo o nome de Kiekko-Espoo, que continuou a historia de equipos como a Espoon Kiekkoseura (EKS). O equipo pasou por diferentes denominacións e viviu a súa etapa máis exitosa baixo o nome de Espoo Blues, baixo a cal gañou 14 campionatos finlandeses. En total o equipo de Espoo ten conseguido 16 campionatos, así como 3 medallas de prata e 6 de bronce. O equipo estivo dirixido por Sami Haapanen, quen cumpriu a súa 11ª tempada consecutiva á fronte do equipo de Espoo. O equipo do K-Espoo na tempada 2023-24 estivo integrado polas seguintes xogadoras:
O partido Ás 13:00 (UTC +2) deu inicio o punto culminante da xornada de hóckey sobre xeo organizada po club de Tampere, o partido da Naisten Liiga entre o equipo local, o Ilves e o K-Espoo, que chegaba a Pirkanmaa como líder da competición. Poucos minutos antes do inicio un corredor integrado polas nenas que participaran nos partidos de exhibición previos levou ás xogadoras de ambos equipos ao xeo de Koulukatu. Xa coas xogadoras da primeira liña de cada equipo sobre o xeo, dúas nenas da escola de hóckey do equipo de Tampere realizaron o saque de honra antes do pitido inicial.
A pesar da vitoria final do K-Espoo por 3-5, o partido estivo igualado e non se decidiu ata o final do último período. O xogo tivo lugar nunhas moi boas condicións para xogadoras e público, cuns poucos graos positivos e tempo parcialmente soleado con refachos de vento frío que non chegaron entorpecer o xogo.
No minuto 14:34 a defensora do Ilves Anna Kilponen abriu o marcador nunha xogada na que tamén participaron como asistentes Helen Puputti e Emilia Varpula. Con todo, o equipo de Espoo equilibrou o marcador un minuto máis tarde, cando Tinja-Marii Haukijärvi conseguiu superar á porteira local, Salla Sivula (minuto 15:32).
Aos catro minutos do comezo do segundo período, unha xogada de Reetta Valkjärvi e Nea Katajamäki culminou co gol de Aliisa Toivonen (minuto 24) para poñer o 1-2 no marcador a favor das visitantes, que pouco máis de cinco minutos máis tarde ampliaron a vantaxe por medio de Julia Schalin a pase de Reetta Valkjärvi (minuto 29:18).
Xa no terceiro período, unha expulsión de Reetta Valkjärvi propiciou o gol do equipo local cando Anniina Kaitala aproveitou un pase de Emilia Varpula a falta de dous segundos para que o K-Espoo recuperara a xogadora expulsada, poñendo deste xeito o 2-3 no marcador (minuto 48), e en menos dun minuto Noora Mylläri conseguiu igualar o marcador a pase de Linnea Melotindos (minuto 48:31). Con todo, no minuto 53:34 Nea Katajamäki puxo outra vez por diante ás visitantes. Logo dun tempo morto solicitado pola adestradora do Ilves Marjo Voutilainen, o equipo local decidiu xogar sen a súa porteira para procurar a vantaxe numérica, mais logo dun minuto de xogo sen Sivula na portería, o stick de Elli Suoranta rompeu ao golpear o disco, que Tinja-Marii Haukijärvi recolleu e golpeou dende o seu propio campo para colocar o 3-5 definitivo no marcador a porta baleira (minuto 59:39).
As xogadoras máis destacadas por parte do K-Espoo foron Tinja Haukijärvi (2+0), Julia Schalin (1+1), Aliisa Toivonen (1+1), Nea Katajamäki (1+1) e Reetta Valkjärvi (0+2), mentres que por parte do Ilves tan só Emilia Varpula (0+2) rexistrou dous puntos.
Asistencia miniatura|dereita|Bancada de Koulukatu durante o Winter Classic 2024. O partido rexistrou unha asistencia de 210 persoas nas bancadas, o que supón máis do dobre da asistencia habitual aos partidos do Ilves na súa cancha habitual, o Tesoman jäähalli, situado no distrito de Tesoma, ás aforas de Tampere, que acolle a unha media de 83 persoas por partido. Ao final do partido, a xogadora local Linnea Melotindos valoraba especialmente a presenza de nenas e nenos nas bancadas Koulukatu e expresaba o seu desexo de que en todos os partidos houbese unha afluencia de público así.
A Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo retransmitiu o partido en directo vía streaming a través de Leijonat TV, como sucedeu co resto de partidos da Naisten Liiga.
Na edición impresa do xornal Aamulehti do día 4 de febreiro Kirsi Teiskonlahti criticou duramente tanto o equipo masculino do Ilves coma a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo pola falta de difusión do evento, que nunha cidade como Tampere e celebrado tan preto do centro da cidade tiña un público potencial suficiente para superar as 210 persoas nas bancadas. Teiskonlahti sinalaba que no partido que o equipo masculino xogara o día antes do Winter Classic fronte aos Kärpät no Nokia Arena non se fixera ningún tipo de anuncio nun partido no que había máis de 8 500 persoas nas bancadas. Tamén citou a nula difusión por parte da federación, que non publicou nada sobre o evento nin antes nin despois do mesmo. (edición impresa)
Fitos