Ifixenia en Áulide (Ἰφιγένεια ἐν Αὐλίδι) é unha traxedia do autor grego Eurípides. Esta obra, a última que se conserva do autor, foi escrita no ano 408 a.C, un ano despois que Orestes, pero representouse postumamente, no 406 a.C. Pertence a unha triloxía de obras xunto con As Bacantes e Alcmeón en Corinto, que non se conserva. Gañou o primeiro premio nas Dionisíacas de Atenas e foi representada polo seu fillo ou sobriño, Eurípides o Novo. miniatura|O sacrificio de Ifixenia. Sébastien Bourdon: The Sacrifice of Iphigenia. A obra narra o destino de Ifixenia, filla de Agamenón e Clitemnestra. O rei debe sacrificar á súa filla para que as tropas aqueas poidan partir cara á Guerra de Troia. Fai chamar tanto á nai como á filla co pretexto dun casamento entre Aquiles e Ifixenia, pero ao chegar desvelarase o verdadeiro fin da muller. Aínda que ao principio ela amosa resistencia, acaba por renderse e aceptar a súa fortuna.

Contexto histórico Eurípides escribe a obra arredor do 408 a. C., tres anos antes da súa morte e retirado na corte de Arquelao I de Macedonia. A súa representación non sería ata o 406 a. C., xa postumamente. Durante a redacción da traxedia, Atenas, a súa polis natal, estaba implicada na Guerra do Peloponeso contra Esparta e a súa potencia militar, enfrontamento que remataría coa rendición de Atenas e posterior goberno dos Trinta Tiranos no 404 a. C., mandato que só se estendería un ano polo levantamento de Trasíbulo para restaurar o réxime democrático anterior. Estes anos de guerra supoñen unha decadencia na calidade das artes en Atenas con relación ao período anterior, a Pentecontecia, tempo de triunfos como líder da Liga de Delos e un auxe cultural e democrático con Pericles ao temón da cidade.

Contexto mitolóxico Ifixenia era unha das tres fillas de Agamenón, rey de Micenas, e Clitemnestra. Por parte do seu pai, formaba parte dos atridas, os descendentes de Atreo. Esta descendencia estivo marcada pola violencia e a traizón. Trala fuxida ou rapto de Helena, muller de Menelao, irmán de Agamenón, os aqueos se dispuñan a emprender unha expedición contra Troia. A frota estaba preparada para saír do porto da cidade de Áulide, mais de súpeto o vento detívose. miniatura|Sacrifici d'Ifigènia. Fotografía do Museu Arqueològic de Catalunya deu d'Empúries. Agamenón cazara un dos cervos sagrados de Artemisa e alardeara de ser mellor cazador ca ela. O adiviño Calcas profetizou polo tanto que o mar en calma era obra da deusa, que reaccionara contra o atrevemento do rei. O augur determinou que a solución para que os barcos, inmóbiles, puideran partir da cidade rumbo a Troia, era sacrificar a Ifixenia. Aínda que ao principio Agamenón non quere sacrificar á súa filla e se debate entre os seus sentimentos e as súas obrigas, finalmente toma a decisión de efectuar a inmolación, coaccionado polas tropas e especialmente polo seu irmán Menelao.

Personaxes Ifixenia: a menor das fillas de Agamenón e Clitemnestra. No inicio está eufórica pola promesa de voda proposta polo seu pai, así e todo, cando coñece a verdade, deixa pasar o enfado para aceptar a súa morte en beneficio das tropas aqueas.

Agamenón: rei de Micenas e líder do exército aqueo na guerra de Troia. Pai de Ifixenia e irmán de Menelao. É o que debe tomar a decisión de sacrificar á súa filla e, aínda que dá a orde nun principio suscitado pola súa ambición, conclúe co seu arrepentimento e rexeitamento a ver a Ifixenia defunta.

Ancián: escravo de Agamenón.

Menelao: rei de Esparta e irmán de Agamenón. Co motivo da guerra, está disposto a sacrificar á súa sobriña, non obstante, cambia de parecer ao comprender a retractación de Agamenón e o apoia.

Dous mensaxeiros

Clitemnestra: esposa de Agamenón e nai de Ifixenia. Sofre un engano xunto coa súa filla que a levara a tomar represalia contra o seu marido cando regresa da Guerra de Troia.

Aquiles: o mellor guerreiro dos aqueos. Tras decatarse do emprego do seu nome para enganar a Ifixenia, entra en cólera e comprométese a impedir o sacrificio.

Coro: formado por rapazas de Calcis.

Argumento e comentario métrico

Prólogo (1-165).

A métrica é de tetrámetros anapésticos no diálogo entre Agamenón e o escravo, constituídos por catro pés métricos anapésticos que cumpren o esquema de dúas sílabas átonas seguidas dunha tónica. Isto ofrece un ritmo rápido á acción cun ton melódico. No prólogo de Agamenón empréganse trímetros iámbicos, formados polo esquema X — ∪ — |X — ∪ — |X — ∪ — |.

A obra comeza con Agamenón unha noite no campamento da Áulide, debatendo se levar a cabo ou non o sacrificio da súa filla. O adiviño Calcante anunciara a necesidade de levar a cabo esta tarefa con fin de calmar á deusa Atenea e poder partir cara á Guerra de Troia. Entrégalle unha carta a un ancián que estaba fóra do campamento para que a faga chegar a Clitemnestra, co obxectivo de rectificar unha misiva anterior na que lle dicía á súa muller que levara a Ifixenia a Áulide para casar con Aquiles.

Párodo (166-302).

É un canto de entrada do coro conformado por sistemas anapésticos e ritmos iámbicos e trocaicos. Seguiría o esquema de dúas sílabas breves e unha larga ∪ ∪ —.

Nesta parte da obra un coro de mulleres de Calcis entoa un largo canto para describir de forma lírica o esplendor das naves aqueas que planean partir cara a Troia e tamén dos heroes que loitarán. Destacan a dimensión das naves gregas.

Episodio 1º (303-542).

miniatura|Vaso Médici. Detalle do sacrificio de Ifixenia. Galería dos Uffizi. Menelao, irmán do rei, intercepta ó ancián que debía entregar a carta á muller de Agamenón. Ambos comezan a  discutir na entrada e Agamenón sae alarmado. Menelao intenta convencer a Agamenón de que non envíe a misiva e de que cumpra a súa obrigación de protexer á comunidade e deixe atrás os seus motivos persoais, xa que iso podería levar á sublevación dos soldados. No momento do argumento chegan Clitemnestra, Orestes e Ifixenia, a familia de Agamenón. O rei non sabe como actuar ante eles e Menelao compadécese do seu irmán e dille que non mate a Ifixenia. Ambos personaxes experimentan unha metabolé, é dicir, unha transformación. Agamenón está disposto ao sacrificio e Menelao cambia totalmente o seu parecer e quere evitalo.

Estásimo 1º (543-589).

A métrica deste apartado está composta por coriambos (—∪∪—) e por versos de ritmo trocaico (—∪).

O coro eloxia a mesura e o pudor no amor e critica a conduta que tivera Paris con Helena, feito que levou aos gregos á guerra e que explica a situación na que se atopan.

Episodio 2º (590-750).

Comeza coa entrada en escena da familia de Agamenón. Cando Ifixenia ve ao seu pai corre desesperada para apertarlo e pedirlle que volva a casa. Este suplícalle chorando que entre, xa que non pode mirala á cara. Nese intre chega á escena Clitemnestra. Ela e o seu marido falan sobre diferentes aspectos da voda, pero Agamenón intenta que a súa muller volva a Argos sen éxito algún.

Estásimo 2º (751-800).

Este apartado denomínase estásimo ditirámbico, empregado para achegar  un ritmo de expedición, a mesma que realizarán a Troia as tropas gregas. O esquema métrico que segue é de versos de ritmo eolio, formado principalmente por coriambos (—∪∪—).

O coro relata como as tropas aqueas chegarán á terra dos frixios e acabarán con Príamo e a súa familia.

Episodio 3º (801-1035).

Aquiles, futuro esposo, entra en escena. O fillo de Tetis está desexoso de partir, xa que alí todos abandonaran o seu fogar para loitar na guerra. Clitemnestra escóitao e sae para presentarse como nai da súa nova muller. Aquiles, ao non comprender do que está a falar Clitemnestra, fai que a mentira de Agamenón quede ao descuberto. Ambos personaxes decátanse de que foran enganados. Un antigo escravo da familia admite a trampa do seu anterior amo, e explícalles que este debe matar a Ifixenia para procurar que Helena se poida salvar. Clitemnestra suplícalle a Aquiles que salve a súa filla, e este apiádase dela. Deciden que primeiro Clitemnestra rogará pola vida de Ifixenia, e se iso non fose suficiente, interviría Aquiles.

Estásimo 3º (1036-1097).

A métrica deste apartado está formada por un núcleo coriámbico (—∪∪—) e versos de ritmo eolio. Cabe destacar un pequeno cambio no ritmo métrico, que se abre cun primeiro verso coa medida de ∪∪∪—.

O coro fala da dualidade dos fados de Aquiles e Ifixenia. O primeiro pola súa parte xa lle foi profetizado nas vodas de Tetis e Peleu que triunfaría na Guerra de Troia. Ifixenia por outra parte será sacrificada antes da propia Guerra de Troia.

Episodio 4º (1098-1275).

Clitemnestra sae da súa tenda e enfróntase ao seu marido Agamenón pola súa intención de sacrificar a Ifixenia, logo Clitemnesta chama a Ifixenia para que saia da tenda e esta sae co seu irmán. Despois Clitemnestra acusa claramente ao seu marido polo crime que quere cometer, Agamenón asústase porque as súas intencións foron descubertas. Entón Clitemnestra encárase a Agamenón nun monólogo onde conta por que non ten que matar á súa filla. Seguidamente o Corifeo dálle a razón a Clitemnestra e Ifixenia comeza a suplicar ao seu pai que non a mate nun monólogo. Ao rematar Ifixenia, o Corifeo bótalle a culpa a Helena das desgrazas e Agamenón deféndese das súplicas dicindo que todo isto o fai polo ben da Hélade, do ben común.

Lamento de Ifixenia (1276-1337). É a súplica de Ifixenia a súa nai polo seú sacrificio, tamén culpa a Paris e a Helena de tódalas súas desgrazas, á súa vez Clitemnestra e o Corifeo só poden compadecerse dela.

Continuación do episodio 4º (1338-1508). Entra Aquiles na escena para contar ás dúas mulleres que el xa sabe do sacrificio e vai defender á súa próxima muller. Polo tanto, Ifixenia, ao ver a vontade dos aqueos e da maioría, decide ofrecerse voluntariamente ao sacrificio. Aquiles dáse conta do boa que é Ifixenia e quere defendela, pero esta segue querendo sacrificarse polo ben común e Aquiles acepta, pero di que levará as armas por se cambia de idea. Despois Ifixenia fala coa súa nai, dille que non se lamente, nin faga ningún rito funerario, só que celebre porque é a salvadora de Grecia, que coide de Orestes e non lle garde odio a Agamenón. Logo deixa á súa nai mentres ela suplica que non a abandone, pero Ifixenia camiña cara ao seu sacrificio cun monólogo alentando á celebración do seu sacrificio seguido polo coro.

Estásimo 4º (1509-1531).

É o lamento do coro polo sacrificio de Ifixenia e a pregaria de que este mesmo sacrificio faga que os gregos cheguen seguros a Troia, ademais dun rezo a Ártemis.

Éxodo (1532-1629).

Este apartado ten distintos ritmos métricos. En primeiro lugar está formado por versos de carácter trocaico (—∪), aos que seguen uns versos dactílicos (—∪∪) e despois se inicia un sistema iámbico co esquema —∪/∪—. Finalmente, comeza unha serie anapéstica con versos dactílicos. Ao largo de todo o éxodo existe unha alternancia de dímetros e trímetros de carácter iámbico e trocaico.

Entra o mensaxeiro a contar o que pasou no sacrificio de Ifixenia. Nel di que o corpo da doncela foi cambiado polo dunha cerca e non se sabe que foi dela. Clitemnestra, ao escoitar o relato, dubida de se é certo que a súa filla morreu ou non. Pouco despois entra Agamenón para despedir a obra falando do feliz que está porque a súa filla está cos deuses.

Temática e dilema moral Un dos dilemas presentes na obra de Eurípides é o sacrificio do persoal a favor dun ben común. A importancia outorgada á colectividade en Grecia tiña o obxectivo de magnificar a cidade e a reputación dunha sociedade, aínda que iso significase renunciar aos propios bens.

Neste caso, a belicosidade e ambición de Agamenón levan á morte da súa propia filla co motivo de favorecer a súa frota e así atacar na guerra. O cargo de rei que exerce Agamenón vai acorde coa súa personalidade, xa que é impulsado constantemente polas súas ansias de gañar e goberna con mesquindade.