Li Da (chinés tradicional: 李達; chinés simplificado: 李达; pinyin: Lǐ Dá), nado en Yongzhou o 2 de outubro do 1890 e finado en Wuhan o 24 de agosto do 1966, foi un filósofo marxista chinés.
Traxectoria Li Da foi director do Departamento de Publicidade do Partido Comunista da China, do que foi fundador en xullo do 1921. En setembro dese mesmo ano, creou a Editorial do Pobo, primeira editora do partido. Li abandonou o partido no 1923, xa que consideraba a cooperación co Kuomintang como un xiro cara ao reformismo. Con todo, seguiu a manter relacións próximas con membros do partido.
Li traduciu numersosas obras do marxismo europeo ao chinés. O seu libro máis importante foi Shehuixue dagang 社会学大纲 ("Rudimentos de socioloxía", 1937), que influíu no pensamento de Mao Zedong. Li contribuiu a popularizar a Nova Filosofía na China, unha corrente que tivo gran relevancia na Unión Soviética durante a década dos 30.
Tras a constitución da República Popular da China no 1949, Li volveu ao partido. Foi presidente da Universidade de Hunan entre o 1949 e o 1953, e da Universidade de Wuhan entre o 1952 e o 1966. Non obstante, foi moi criticado e, incluso, linchado ao comezo da Revolución Cultural. Faleceu no 1966, e non sería rehabilitado até a morte de Mao.
Vida persoal Li estivo casado con Wang Huiwi, coa que tivo tres fillos. A súa filla máis vella, Li Xintian, morreu dunha enfermidade durante a segunda guerra sino-xaponesa. Tiveron outros dous fillos: unha rapaza, Li Xinyi, e mais un rapaz, Li Xintian, un dos introdutores da psicoloxía médica na China.
Notas
Categoría:Finados en 1966 Categoría:Nados en 1890 Categoría:Filosofía chinesa Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Escritores da China