Patricia González Mota, máis coñecida como Peque, nada en Navalafuente (Comunidade de Madrid) o 3 de abril de 1987, é unha xogadora de fútbol sala española, que xoga de ala no Alcorcón, da Primeira División. Considerada unha das mellores futbolistas da súa xeración, desenvolveu a maior parte da súa carreira no Burela, sendo a maior figura da historia do club, co que conquistou cinco ligas de Primeira División, seis Copas da Raíña e cinco Supercopas de España.
Internacional dende 2009, disputou máis dun cento de partidos coa selección española, da que é capitá. Conquistou tres edicións da Eurocopa, nos anos 2019, 2022 e 2023, sendo elixida na última delas mellor xogadora do torneo.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol sala no Navalafuente da súa localidade natal, pasando logo polo Majadahonda e o FSF Rioja, no que militou cinco anos (2006-2011). Para a tempada 2011/12 fichou polo Burela, no que xogou ata 2016. Durante ese tempo participou da conquista das dúas primeiras ligas de Primeira División na historia do equipo galego, nas tempadas 2012/13 e 2015/16, títulos aos que sumou unha Copa da Raíña e unha Supercopa de España. Ademais foi a máxima goleadora da liga na tempada 2013/14, con 40 goles.
A continuación xogou dous anos en Italia, nas filas do Sinnai e do Cagliari, antes de regresar en 2018 ao Burela. Na súa segunda etapa no club da Mariña de Lugo, converteuse na capitá e en peza fundamental dun equipo que dominou de xeito case absoluto o fútbol sala español, conquistando tres ligas, cinco Copas da Raíña e catro Supercopas de España. Ademais foi nomeada segunda mellor xogadora do mundo nos Futsal Awards dous anos consecutivos, en 2020 e 2021, en ambas ocasións por detrás de Amandinha.
Selección nacional Debutou coa selección española o 28 de marzo de 2009, nun partido amigable contra os Países baixos. Regresou ao combinado nacional en 2012 para disputar o Campionato Mundial e dende entón foi habitual do equipo nacional, co que disputou catro edicións do torneo mundial. En 2018 contribuíu á clasificación para a primeira Eurocopa, celebrada ao ano seguinte en Portugal, e que acabou conquistando. Repetiu título nas edicións de 2022 e 2023, sendo elixida nesta última mellor xogadora do torneo. Ademais, nas semifinais contra Portugal disputou o seu 100º partido coa selección.
Notas
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1987 Categoría:Xogadores de fútbol sala