Soiuz MS-14 foi unha misión espacial non tripulada rusa lanzada o 22 de agosto de 2019 mediante un foguete Soiuz 2-1a desde o cosmódromo de Baikonur.

Características Soiuz MS-14, unha Soiuz modelo MS, foi unha misión lanzada sen tripulación para acoplarse automaticamente coa Estación Espacial Internacional. Foi a primeira Soiuz en voar sen tripulación en 33 anos co motivo de certificar o novo foguete Soiuz 2-1a como lanzador para misións tripuladas. O mesmo lanzador tivo un problema no ano 2015 ao enviar ao espazo a nave de carga Progress M-27M. A misión sen tripulación foi unha oportunidade tamén para probar novos sistemas na nave Soiuz. En lugar da tripulación ademais enviouse un robot denominado FEDOR capaz dalgunhas accións autónomas e de replicar os movementos dun operador.

A Soiuz achegouse á ISS nunha traxectoria de dous días de duración para acoplarse co módulo Poisk. O acoplamento iniciouse de maneira automática, como estaba previsto, pero abortouse aos 60 m de distancia ao observarse evidentes problemas para a Soiuz MS-14 á hora de fixar o porto de acoplamento. A nave foi posta nunha órbita de seguridade tras a ISS e despois de varias probas decidiuse intentar o acoplamento o 26 de agosto. A orixe do problema foi trazada ata un compoñente defectuoso no sistema Kurs-P do módulo Poisk, que debía ter proporcionado á Soiuz MS-14 sinais para guiala adecuadamente. O control de terra decidiu acoplar a MS-14 ao módulo Zvezda, co seu sistema Kurs-P funcionando ben, para o cal a Soiuz MS-13 tivo que recolocarse manualmente no módulo Poisk. Ao segundo intento a MS-14 aliñouse correctamente co porto e acabou atracando sen problemas cos seus 670 kg de carga para a estación.

Tras 17 días acoplada, a Soiuz MS-14 regresou a Terra o 6 de setembro co robot FEDOR e varios experimentos incluídos, aterrando a 148 km ao sueste da cidade de Dzhezkazgan (Kazakhstán).

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Soiuz 2-1a Estación Espacial Internacional

Categoría:Programa Soiuz